Programar por necesidade. Dous anos de Liceo Mutante

Concerto de Urro noLiceo Mutante CC-BY-NC-ND David Tombilla

Hai algo máis de dous anos nacía en Pontevedra o Liceo Mutante. Era unha resposta ao que as persoas involucradas vían como baleiro na programación cultural da cidade. Nacidos baixo a concepción asemblearia, no escaso tempo vivido por esta asociación, xa foron varios os avisos de que a súa actividade non cadra moi ben nos parámetros esixidos ao mundo cultural. Falamos con Alex Losada, un dos membros da asemblea do Liceo Mutante, sobre as impresións que se viven dentro desta asociación.

"O Liceo Mutante naceu un pouco por necesidade. Aquí non había onde facer algo e as opcións tanto públicas como privadas que tiñamos non nos compensaban, non nos gustaban e non nos interesaban"

Sempre hai un motivo detrás do nacemento dunha asociación. Cal foi o voso?

O Liceo Mutante naceu un pouco por necesidade. Aquí non había onde facer algo e as opcións tanto públicas como privadas que tiñamos non nos compensaban, non nos gustaban e non nos interesaban. Queriamos ter un rol máis activo organizando cousas por nós e podermos mostrar o que nós faciamos tamén.

Quen é Liceo Mutante?

Liceo Mutante é unha asemblea de socios, sen moito máis en común que o de manter a flote o Liceo, porque moitos non nos coñeciamos de nada. Dentro desta asemblea hai xente que se dedica a todo tipo de cousas, desde arquitectos a xente que fai foto, música e xente que non ten nada que ver co mundo da cultura. Temos dous tipos de socios. A xente que entra no Liceo faise socia por entrar, pero que paguen unha cota ao mes serían sobre as sesenta persoas. Logo a nivel traballo o número non é tan grande, sobre a metade.

Teño entendido que traballando de maneira permanente hai unhas nove persoas.

Si, pero depende dos traballos. Por exemplo, no tema de programación seremos nove ou menos persoas, pero logo hai un número importante que fai outras tarefas como limpar, poñer cadeiras ou vender as entradas. Por iso eu ampliaría o arco ata vinte persoas. Hai xente que traballa doutra maneira e hai que recoñecerllo.

Que programación por parte tanto de iniciativas institucionais como privadas, é a que existe para que o Liceo Mutante propoña a súa alternativa?

As nosas inquietudes e gustos non están representados na programación cultural do concello nin nas iniciativas privadas, en xeral. Non hai concertos de música que nos guste, non se proxectan filmes que nos gusten ou obradoiros de temas que nos interesen.

"Interésanos non ser actores pasivos, interésanos a acción, facelo nós mesmos"

Cales son os intereses que moven ao Liceo agora mesmo?

Interésanos non ser actores pasivos, interésanos a acción, facelo nós mesmos. Por outra banda, tamén podemos ser máis arriscados programando que o que poden ser o concello ou outras salas privadas que miran polo interese comercial. Mais tamén buscamos darlle voz a unha xente que antes non a tiña na cidade. Se ti facías unha música peculiar ou un cinema peculiar, non tiñas espazo en Pontevedra para poder mostralo.

"Buscamos darlle voz a unha xente que antes non a tiña na cidade"

Remexendo na hemeroteca, no 2012 despois dunha serie de interrupcións da vosa programación por parte da autoridade, Liceo Mutante vai pedir unha licenza para continuar coa vosa proposta. O concello non dá a autorización pero anímavos a seguir coas actividades mentres “non reciban denuncias por ruído”.

Iso é o que saíu nos medios. Debo dicir que o Liceo Mutante nunca tivo denuncias por ruídos. O Liceo Mutante só tivo denuncias por non ter a licenza para levar adiante a actividade que fai. Cos veciños temos un trato máis que bo, veñen ás nosas actividades e dunha maneira ou outra, revitalizamos a vida no barrio onde estamos.

"Penso que o concello non ten nin remota idea do que fai o Liceo, algo que se lle escapa totalmente. Penso que non dan entendido para nada o que nós facemos"

Como cualificarías esta actitude do concello?

Penso que o concello non ten nin remota idea do que fai o Liceo, algo que se lle escapa totalmente. Penso que non dan entendido para nada o que nós facemos. O caso é que unha vez se meteron nunha das nosas asembleas e, non sei se dicilo así, tentaron captarnos un pouco. Nós non quixemos e iso penso que lles pareceu mal. Despois foi cando comezamos a ter os problemas coa nosa actividade.

Pensas que pode haber presións sobre o consistorio por parte de intereses para que o voso proxecto non tire para adiante?

Non sei se chamarlle presións, pero estou convencido. Está claro que hai intereses do empresariado da noite que organiza concertos, están interesados en que o Liceo non funcione.

"Está claro que hai intereses do empresariado da noite que organiza concertos, están interesados en que o Liceo non funcione"

As vosas propostas, para resumir, serían unha resposta á imposición cultural?

Non sei se chamarlle imposición cultural, igual é excesivo. A nosa proposta responde a unha demanda moi grande dunha cultura que non existe. Ampliamos a oferta que existe.

É posible o peche do Liceo Mutante?

Home, vivimos na precariedade absoluta, desde a parte administrativa e da económica. Por causas externas é factible tamén, non o esperamos, pero ao estarmos nunha situación de ilegalidade, cada filme ou cada concerto é un risco. Non sabemos nunca o que pode pasar. O risco está aí, unha sanción e clausura do espazo.

"Ao estarmos nunha situación de ilegalidade, cada filme ou cada concerto é un risco"

Deduzo por algunhas respostas, que ser unha asociación sen ánimo de lucro pode ser un dos motivos polos que recibides presións. Ti velo así?

Creo que o funcionamento do Liceo, sen lucro e autoxestionado, pode dar medo ás empresas que viven do mundo da cultura. Ver que outra xestión é viable e desexable mesmo, creo que si lles dá medo.

Na actualidade tedes relación coas autoridades?

Son inexistentes, non hai diálogo ningún. Supoño que farán a vista gorda pero non temos relación.

Todo o acontecido ata o día de hoxe axudouvos a programar a oferta que tedes?

Foi imprescindible, pois chegáronnos propostas de moitas partes, de moitas persoas, polo boca a boca. A raíz de todo o acontecido comezaron a chegar ideas dos lugares menos pensados. Iso grazas ao traballo e o disque-disque.

"A raíz de todo o acontecido comezaron a chegar ideas dos lugares menos pensados"

Acontece o mesmo coa chegada de máis xente nova e novos socios?

Desde uns meses ata hoxe si sentimos a chegada de novo público e mesmo xente que ten ganas de traballar dentro do Liceo. Vemos tamén a chegada de moita xente de fóra de Pontevedra como público, dos arredores da cidade ou do Morrazo e Vigo.

Cales son as actitudes imperantes que xustifican o nacemento de Liceo Mutante e proxectos semellantes?

Home, nun momento como o que vivimos de guerra social, iniciativas de resistencia social fronte ao capital son importantes. Penso que a cultura é un dinosauro que non sabe adaptarse aos tempos e que sempre dependeu de subvencións. Por tanto penso que iniciativas como a nosa é unha maneira factible, viable e necesaria de facer as cousas. Vese que funciona, porque hai resposta do público e dos artistas. Teño a impresión que están a nacer máis iniciativas desta caste.

"Nun momento como o que vivimos de guerra social, iniciativas de resistencia social fronte ao capital son importantes"

Un Liceo Mutante en todas as aldeas?

Ou dous ou os que fagan falla.

Falabas antes de resistencia. A vosa é resistencia cultural ou este termo xa está desfasado?

Non, eu asúmoo ao cento por cento.

Cales son os puntos definitorios da programación actual do Liceo Mutante?

A programación deste ano está pechada. Haberá concertos, por exemplo este mes virá Carla Bozulich, o día 30 de outubro. O cineclube seguirá coa súa programación semanal e logo haberá charlas e tamén seguiremos coa nosa horta.

Concerto de Urro noLiceo Mutante CC-BY-NC-ND David Tombilla
'Grapo grapo' no Liceo Mutante CC-BY-SA bElEn VeLeIrO

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.