'Querida Conchi' e 'Amnesia 3.0' triunfan no 9º Carballo Interplay

Gala de entrega de premios do 9º Carballo Interplay © Leo López

A 9ª edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay -que se celebrou dende o mércores en Carballo e na rede a través do streaming- baixou o pano este sábado coa gala de entrega de premios ás mellores series para web na que triunfaron a animación máis sorpredente de proxectos como Querida Conchi ou Lordson and Jesus, o humor político de The communist's daughter e o intimismo de Dhanasri, Julies e as pantasmas.

'Querida Conchi' conquista o premio a Mellor serie e 'Amnesia 3.0' faise co premio a Mellor serie galega

O xurado (composto por Marta Salicrú, Betu Martínez, Víctor Sala, Lucía Estévez e Ángela Andrada) outorgoulle a Querida Conchi o premio a Mellor serie estatal, dotado con 800 euros e trofeo, e a Lordson and Jesus o de Mellor guión, dotado con 200 euros e trofeo. O de Mellor serie en versión orixinal en galego, dotado con 800 euros e trofeo, foi para Amnesia 3.0, serie nacida no propio Carballo Interplay a través do concurso de proxectos. O premio para Mellor dirección, dotado con 200 euros e trofeo, para a canadiense The Communist's daughter, unha comedia política ambientada durante o mandato de Ronald Reagan .

Gala de entrega de premios do 9º Carballo Interplay © Leo López

Ademais, os e as asistentes ao Carballo Interplay escolleron a súa webserie favorita e finalmente decidiron que a gañadora ao premio do público, dotado de 400 euros, fose a francesa Resistance. Por outra banda, o xurado novo, composto por Malva, Nee Barros e Berto Mira decidiu outorgar o seu premio, dotado con 400 euros e trofeo, a Dhanasri, Julies e as pantasmas, un retrato poético que explora a complecidade das relacións entre as mulleres.  

Alén disto, o xurado composto por María Yañez, Nati Juncal e Xulio Abonjo decidiu outorgar o Premio ao mellor proxecto de webserie en galego, dotado con 3.000 euros para a produción dos tres primeiros capítulos, a Mentres non chova, de Carla Álvarez, Xiana Rei Martiz e Luiza Velizarova, un thriller "contado a través da pantalla dun teléfono móbil que esconde unha gran reflexión sobre o cambio climático". A serie estrearase na próxima edición do Carballo Interplay.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.