Ramiro Torres: Campos de luz

Ramiro Torres Dominio Público Praza Pública

Sabía dende hai tempo do labor poético de Ramiro Torres (A Coruña, 1973) por publicacións como Poseidónia ou Agália, mais sobre todo pola súa moi activa participación en Xalundes, o Grupo Surrealista Galego do que forma parte dende os seus inicios e no que se amosa como un dos máis entusiastas membros.

Tan intensa dedicación a esta fe poética explica a aparición de Esplendor arcano, o seu primeiro libro de versos, que é tamén o volume cabezaleiro do propio Xalundes, quen figura como selo editor desta obra, discreta na súa aparencia material, pero acaidamente fermoseada dende a cuberta (velaí a ilustración liminar de Alba Torres Ferreiro) ata o remate (co broche dun poema-epílogo de Pedro Casteleiro).

Esplendor arcano é o primeiro libro de versos editado por Xalundes. Discreto na súa aparencia material, pero acaidamente fermoseada dende a cuberta

O poemario de Torres é todo el un big bang versal de longo alcance. Polas súas páxinas señorea a escrita cósmica, astral en plenitude. Composicións que saben da materia estelar, as “galaxias interiores”, os “múltiplos cometas” e esa “estrela/ perpétua que/ vive sobre/ as sombras das/ casas”, a mesma se cadra que aluma esta “brillante cosmogonia” poética.

Unha lírica de fusión universal do Eros, territorio propicio á pulsión dos corpos, á cópula solar e unha “arquitetura de artérias/ inflamadas em nós”, sempre “poderosamente nus,/ quebrando os/ ossos do medo” ata a víscera última.

Tanto desexo, paixón tanta, tiña que ser, por forza, un festival de luminosa dicción, esplendentes verbas, ardentes imaxes e fulgores millenta, o espazo da “irradiação primeira”, da “noite fosforescente” e a “espiral candente”, un fluír de alquimias, “vibração dos sentidos” que enguedellados en sinestesias e fonosimbolismos rematan na “pura combustão”, nas “brasas da saudade”, cinzas do volcán e “lava do inapreensível”.

E no medio dese abismo sideral, erótica desatada de queimadura necesaria, sobrancea o poder da verba, “as runas da língua inicial”, unha “cópula das palavras”, ou mellor aínda, “o coito das palavras e/ o infinito transformados/ numa inminente cosmologia”, esa que determina que “copulamos só/ ante a beleza/ louca do poema”.

Cosmos, Eros, Verba e, como non, tamén Tempo. Seres que somos da area dos días, “espuma de/ uma idade vindoura”, pois ansiámonos na proxección futura, sentíndonos materia temporal que metamorfosea: “transformados/ em ouroboros,/ exalta-se entre nós/ o tempo”, porque, a qué dubidalo, “habitamos os sótaõs/ convulsos do tempo”.

Dacabalo dun moi particular visionarismo literario e aleitando no ubérrimo surreal, este Esplendor arcano de Torres dialoga cos máis variados referentes, tanto de noso coma doutras latitudes

Dacabalo dun moi particular visionarismo literario e aleitando no ubérrimo surreal, este Esplendor arcano de Torres dialoga cos máis variados referentes, tanto de noso coma doutras latitudes, polo que non ha resultar difícil emparentar estes versos “poderosamente nus”, cheos de “matérias que desaparecem/ no adentro e renascem crateras” cos da lucense Olga Novo; e tampouco estrañará a súa parentela co sideralismo cobregueante dun Herberto Helder, o amatorio cinsento dun Quevedo —que aquí volve lembrarnos amar “até serem pó/ embriagado”— ou o Breton de máis decidido rauto en poemas manifesto como “Nós surreal”, por amentar tan só algúns dos compañeiros de viaxe.

Ramiro Torres achega neste seu primeiro poemario, Esplendor arcano, unha máis que memorable tarxeta de presentación. As tres seccións nas que se divide o libro (“Campos de visão”, “Casa do despertar” e mais “Terra da iminência”) están inzadas de textos vibrantes, vitalistas e rebordantes dunha enerxía contaxiosa, imantadora, subxugante, esa estimable literatura que só se dá, como o propio poeta advirte, en campos de luz, materia nevada e baleiro en brasa.

Ramiro Torres Dominio Público Praza Pública
Esplendor Arcano Dominio Público Xalundes

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.