Ramón Conde: Unha mirada sobre as actitudes humanas

O prisioneiro de si mesmo © Ramón Conde

Olga Brañas analiza a nova exposición do artista ourensán: Unha mirada sobre as actitudes humanas, inaugurada o pasado 6 de setembro no Centro Cultural da Deputación de Ourense.

 

Incluso dentro da variedade na obra de Ramón Conde e de que na súa longa e exitosa traxectoria se fixo un camiño moi relevante no mundo da arte galega, penso que nos soemos preguntar por que tivo sempre esa estraña e reiterada preferencia polo excesivo volume na masa dos corpos, ou, dito doutro xeito: por qué esculpe gordos?; o artista sempre dixo que para el o poder se representaba así.

"Por que tivo sempre esa estraña e reiterada preferencia polo excesivo volume na masa dos corpos, ou, dito doutro xeito: por qué esculpe gordos?" ; o artista sempre dixo que para el o poder se representaba así

O pasado 6 de setembro asistín no Centro Cultural da Deputación de Ourense á inauguración da súa nova exposición, Unha mirada sobre as actitudes humanas. É sorprendente a capacidade de reinvención de Ramón: comeza por chamarnos a atención este novo gusto de usar a policromía nas súas figuras; seguimos vendo un curioso xogo co espectador, que ten que participar de xeito activo para entender unhas cabezas que hai que mirar dende un punto en perspectiva duns espellos que distorsionan a forma orixinal da obra e rematamos por caer na conta de que tamén o concepto, a base teórica sobre a que se sostén, deu un paso máis.

Desta volta, Ramón Conde dedícalle esta serie de creacións á súa filla Laura Conde, que ademais de ser grande amante da arte é licenciada en psicoloxía: ela mesma colaborou para poñer o título a algunha das obras directamente relacionadas co tema como por exemplo Complementariedade ríxida. De feito, o artista molestouse ademais en escribir un pequeno texto explicativo da intención.

Se se tivese que definir esta obra cunha palabra, esa sería sen dúbida “expresión”. Todas as figuras expresan algo moi profundo do ser: medos, inquedanzas… pero o máis interesante son os grupos de figuras que representan poder: esta vez non só fisicamente, esta vez é a representación emocional do poder sobre as persoas, como uns condicionan a outros e os outros se deixan condicionar polos uns. E é aquí onde agradecemos ter paseado por unha serie de obras que ademais de seren esteticamente impactantes nos invitaron á reflexión.

Todas as figuras expresan algo moi profundo do ser: medos, inquedanzas… pero o máis interesante son os grupos de figuras que representan poder

Tanta influencia exercemos nos demais ou exercen en nós? Entón non será que no fondo todos somos ou gordos ou fracos?

O prisioneiro de si mesmo © Ramón Conde

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.