Resurrection Fest: Apocalípticos ben integrados

© Resurrection Fest

Oitava edición do festival Resurrection Fest, quizais o festival de metal máis importante de todo o Estado. Slayer, Exodus, Bad Religion ou Jello Biafra conformaron un cartel ecléctico para un festival que tira máis polo metal en todas as súas expresións pero que abre as súas portas ao punk de hoxe e de sempre.

Os oito anos que van xa aló desde a primeira edición do Resurrection Fest fixeron de Viveiro un referente no circuíto internacional da música punk e metal en todas as súas formas e variantes. O campo de Lavandeiras en Celeiro, a dez minutos da vila, foi o lugar onde bandas coas que a maioría só soñaba con ver, acabaron ao pé das súas casas ou cando menos, máis perto do que nunca pensaran.

Os oito anos que van xa aló desde a primeira edición do Resurrection Fest fixeron de Viveiro un referente no circuíto internacional da música punk e metal en todas as súas formas e variantes

Mais se hai algunha palabra que define a este festival é integración. Viveiro era para os que somos do norte de Lugo un lugar que nunca foi atractivo para desenvolver unha cultura do metal ou punk. A capital do Landro era o San Roque, O Naseiro e para nostálxicos da “canción lixeira”, a vila do Festival da Canción do Landro (ata que a crise impedíu a súa celebración este ano).

Este ano de 2013 os días 1, 2 e 3 de agosto o Resurrection Fest atraeu 30.000 persoas segundo a organización. Xentes de todas partes, Europa sobre todo, seguidos por latinoamericanos. A integración destes visitantes nos días do festival supón para Viveiro tirar abaixo cos complexos e medos dunha vila de provincias fronte ao que hai décadas outros lugares xa teñen máis que superado. Se todas esas persoas vestidas de negro, con camisolas estampadas cos nomes das súas bandas favoritas, co pelo tinguido de cores ou o corpo adornado de piercings, foron capaces de convivir cos veciños e veciñas sen incidencias relevantes, é que algo por fin vai cambiando nunha das vilas máis conservadoras socialmente da provincia de Lugo.

No 2005 uns amigos deciden montar un concerto de Sick Of It All dentro das festas de Viveiro. Todo estaba listo e preparado pero ao final, a banda americana non puido actuar debido á enfermidade dun dos membros. Chovéronlles críticas, mesmo houbo xente que apuntou enganos por parte dos organizadores. Novembro de 2006, os amigos non recuaron e montan o Resurrection Fest outra vez. Que lles fai tirar para diante? O apoio desde a alcaldía que bandas como Madball lembraron durante a súa actuación este ano. Alguén coñece a algún alcalde que asista a unha actuación en directo de bandas metal? Tamén o apoio desde a Deputación de Lugo, ofrecendo a loxística e persoal da Fundación TIC.

Todo acabou reducíndose a tres días de agosto nos que os hosteleiros ven incrementarse os beneficios, tres días nos que a ocupación hosteleira sube, nos que as vendas das superficies comerciais e do pequeno comercio ven aumentar beneficios. Pero tamén son tres días nos que os supostos guerreiros do averno se comportan como o que son, fans da música, dun estilo de música que non veñen a outra cousa que non sexa botar unha fin de semana vendo as súas bandas favoritas. Ao final eses xinetes da apocalipse que son as persoas amantes do hard e o punk, acaban ben integrados nun intenso día a día de só tres xornadas.

 

E as bandas?

Ao final eses xinetes da apocalipse que son as persoas amantes do hard e o punk, acaban ben integrados nun intenso día a día de só tres xornadas

Si, falemos das bandas. Con tres escenarios e unha sincronización case que matemática, a puntualidade dos grupos no Ressurecction Fest 2013, non foi impedimento para que o público puidese gozar dos concertos das súas bandas preferidas e das que están por coñecer. Houbo moita reivindicación nese 1 de agosto por parte dalgunhas bandas.

O primeiro día abriu con 1906, seguidos de Mutant Squad e Amenaza de Muerte. A cousa incrementou o seu poder logo de que Against the Waves, Bastards on Parade, Inordem, Posession, Oddy Lane e Anima abrisen o apetito para deixarlle paso aos portugueses Swichtense. Ofreceron unha boa mostra do que é o trash ao sur do Miño. Logo chegaron os asturianos Escuela de Odio, sempre lembrando a súa orixe obreira da conca mineira. Os New Haven Arise, Devil In Me, os franceses The Amsterdam Red-Light District e por último The Flatliners ofrecéronlle ao público tanto o que hai no panorama ibérico como internacional e as novidades que veñen das dúas partes.

Pero o día relamente comezou para moitos cando The Casualties deron o toque tanto musical como de mensaxe. O frontman Jorge Herrera berrou ao público como lle deu a risa vendo a intervención de Mariano Rajoy no Senado. Tiraron por temas xa coñecidos do seu repertorio, Ugly Bastard ou Nightmare. Lembraron a Eskorbuto e aos Ramones ofrecendo un concerto recomendable. Logo chegaron Trivium, unha nova vaga de metal desde Florida, profesionais a pesar de ser moi novos neste terreo. Madball, que xa veñen por cuarta vez, lembraron ao público a implicación de autoridades locais no apoio ao Resurrection e sobre todo “venir con respeto”. Cousa curiosa pasar dun concerto hardcore clásico aos Lamb Of God, metal en estado puro se queremos dicilo así. Forte na voz Randy Blythe, sempre rechamante John Campbell no baixo. E máis curioso pasar do metal ao clásico punk Jello Biafra, que non decepcionou a quen o seguíu ata Viveiro. Xunto coa banda Guantanamo School of Medicine, petou nas cabezas do respetable con California Uber Alles, Nazi Punks Fuck Off e un discurso intercalado contra a austeridade, o fascismo e a clase política. Sylosis, co seu death metal de nova xeración, pecharon un primeiro día moi reivindicativo.

Slayer, cos impoñentes Tom Araya e Kerry King e cos seus colegas de banda, barreron e deron o toque de campá nunha xornada que foi quizais a de maior afluencia de público

O dous de agosto, segunda xornada e agora toca máis eclecticismo se cadra. Primeiro bandas de aquí, como Nao, ou as chegadas doutras partes do estado como os novísimos Dawn Of The Maya, que foran precedidos por xentes como Vita Imana, Avulsed ou Violente Eve. Mencionar tamén a presencia duns No Turning Back divertidos e resolutivos. Pero a descarga ecléctica comezou con Lendakaris Muertos. Os navarros marcaron terreo abrindo con Gora España e pasando claro está, pola máis que simpática ETA deja alguna discoteca. O público de Lendakaris correu inmediatamente ao escenario máis grande, chegaban Exodus. Logo dos anos pasados, das formacións cambiantes e de tanto traballo acumulado, os de Gary Holt souberon superar un son por veces malo, todo atribuído ao vento que lle quitou atractivo ao festival por unhas horas. Saíron airosos os Exodus e aínda que boa parte do seu público foi ver aos canadianos Comeback Kid, as dúas bandas só eran o entrante para Slayer, quizais o prato máis forte do festival neste ano.

Slayer, cos impoñentes Tom Araya e Kerry King e cos seus colegas de banda, barreron e deron o toque de campá nunha xornada que foi quizais a de maior afluencia de público. Ao final, nos últimos temas, fixeron unha homenaxe ao recentemente desaparecido Jeff Hanneman, cofundador da banda, morto en maio deste 2013. Sendo xustos, The Exploited, que foron os seguintes, mantiveron o tipo diante dun público aínda en trance pola actuación anterior. Os suecos Millencolin fixeron mover os últimos restos da noite con solvencia, antes de deixar paso aos Display Of Power, tributo aos Pantera.

No terceiro e último día brillaban no cartel as actuacións de Bad Religion, Black Flag e Biohazard

No terceiro e último día brillaban no cartel as actuacións de Bad Religion, Black Flag e Biohazard. Antes, bandas como Crisix, Rise to Fall, Blowfuse, Horn of the Rhino, We Ride, Trashnos e Día de los Muertos quentaron o ambiente nas primeiras horas do último día. A falta de sono no público, o cansanzo acumulado xa chamaban á moderación da maioría. Outros grupos como os arxentinos Mostomalta, os Evergreen Terrace (impagable a súa versión de Sunday Bloody Sunday dos U2) ou os británicos Your Demise (que despiden os escenarios xusto neste Resurrection Fest 2013) prenderon os ánimos no público antes das actuacións máis esperadas. Pero antes, Toundra, os madrileños ofreceron un concerto instrumental que seduciu ao público. Chegaron e namoraron. Os Killswitch Engage fixeron un concerto entretido e divertido co que souberon mover ao respetable nunha noite xa con frío. Pero a calor chegou cando Greg Ginn e Ron Reyes moveron a súa Black Flag diante de público moi novo, tanto que seguramente a banda californiana xa se tiña separado e unido varias veces antes de teren nacido a maioría dos que estaban alí. Ginn entregado á súa guitarra e ao Theremin deixou que Ron Reyes fixese o traballo de remexer aos asistentes que responderon ben ás soflamas de My War, Room 13 e a versión de Louie Louie que regalaron desde o escenario. 

O ano que vén, segundo a organización un dos cabezas de cartel serán NOFX

Rematado Black Flag, comezou unha carreira dunha punta a outra do campo Lavandeiras para ver os Bad Religion. Para Greg Griffin non eran horas de filosofar pero podíase facer algo. You and Me, Fuck You ou Punk Rock Song sumáronse ás cancións máis novas da “Mala Relixión”. Si, van maiores, pero saben dicir que as cousas poden cambiar e podes facelo empezando por ti mesmo. Seguiron os Strung Out, mallaron aínda máis nos tímpanos dos últimos asistentes antes de que Biohazard alimentaran a noite coa súa forza rítmica de crossover seguida por un moi activo Bobby Hambel e un falangueiro Graziadei. Pecharon os Rancis, técnico tributo aos Rancid. O ano que vén, segundo a organización un dos cabezas de cartel serán NOFX.

Dominio Público Resurrection Fest
Dominio Público Resurrection Fest
Dominio Público Resurrection Fest
© Resurrection Fest

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.