Río alzheimer: Restauración da luz

Carlos Pereira Martínez Dominio Público Praza Pública

Coñecía o labor do coruñés Carlos Pereira Martínez na súa vertente de ensaísta sobre temas históricos. Moito aprendín lendo volumes seus como A Galicia heterodoxa (2010) ou Xaime Quintanilla. Vida e obra dun socialista e galeguista ao servizo da República (2011). Mais case nada sabía da súa andaina como poeta, apenas o que puidera ler sobre da súa participación en tempos no colectivo herculino Os habitantes do lago e as colaboracións en verso que fixera daquela chegar a revistas como Ó loro, As follas de Sísifo, Olláparo ou Cerne. Por iso sorprendeume gratamente descubrir que se fixera coa XXXVII Edición do Certame Literario do Concello de Vilalba co seu poemario Río alzheimer, o primeiro libro de versos que asina e que ve luz agora grazas aos competentes oficios de Alvarellos Editora, quen o integrou na colección Libros do Sarela a carón doutros textos de Martiño Maseda Lozano (Entre as paredes do silencio), Xosé Otero Canto (Nenias chairegas) e Xoán X. Piñeiro (Quenda da catividade), todos eles publicados tamén este mesmo ano.

Poema a poema vai deixando sentir os estragos da enfermidade, que devasta a memoria dos feitos e persoas, condenando aos que a padecen á perda da consciencia vital

Río alzheimer é un poemario breve (menos de medio cento de composicións que en ningún caso superan a plana e, en moitas ocasións, apenas se alcanza a ducia de versos) que, como o seu propio nome indica, se mergulla de cheo no intenso drama que supón a perda de memoria por tan temible patoloxía. Neste caso, amais, a intensidade do canto faise se cabe máis lacerante polo que de vivenciado ten, pois non por acaso o libro vai dedicado á falecida nai do poeta que marchou silandeira e sen acordanzas.

Dividido en tres seccións (“Diario de avisos”, “O dominio da Sombra” e “Ner Tamid”), a obra vai tracexando un camiño lírico de inmersión no territorio da brétema do esquecemento. Poema a poema vai deixando sentir os estragos da enfermidade, que devasta a memoria dos feitos e persoas, condenando aos que a padecen á perda da consciencia vital, arrasada a súa percepción intelectiva por as térmites do descoñecemento que acaba por sumilos na mudez e a total desconexión co circundante.

Os versos de Pereira Martínez —delicados, dolorosamente conscientes— acaban por se constituír nunha sorte de crónica da ruína do eu, da disolución da personalidade, revelando as miudezas que, día tras día, confirman a traxedia e anuncian a fin.

Os versos acaban por se constituír nunha sorte de crónica da ruína do eu, da disolución da personalidade, revelando as miudezas que, día tras día, confirman a traxedia e anuncian a fin

Mais entre tan sangrante perda hai tamén sutilezas para o recordo dos instantes luminosos, das raiolas pasaxeiras que balsamizan o corazón. Por descontado, tamén para os que acompañan en tan dura viaxe aos mancados, homenaxe a un amor filial e conxugal que convoca a dignidade para aturar a dureza do transo.

Hai na dicción de Pereira Martínez un discorrer vagaroso, de relanzos serpeantes en encabalgamentos cento, un gubiado da transparencia, revocado con cultismos contados e, tantas veces, con remates en inciso, epítomes poéticos dun sentir tronzado.

Eva Veiga actúa como a maxistral talladora que sabe tirar o máis resplandecente facetado do diamante versal que deita a entraña fértil de Carlos Pereira Martínez

Non quero rematar sen recomendar con énfase a lectura demorada do excelente prólogo que a tamén poeta Eva Veiga dispón como adro ao libro. “O diálogo inconcluso” que a escritora de eumesa descobre na poética de Pereira Martínez é unha delicia analítica á altura de moi poucos, un ensaio epifánico no que os versos deste Río alzheimer tecen redes de sentido con palabras fulgurantes de Antonio Machado, Emilio Lledó, Vicente Aleixandre, Homero, Gastón Bachelard, Hesíodo, Jeannette L. Clariond, María Zambrano, Gong Bilan, J. C. Wilkings, Maurice Blanchot, Yves Bonefoy ou Eugène Guillevic, entre outr@s. Un limiar no que Veiga actúa como a maxistral talladora que sabe tirar o máis resplandecente facetado do diamante versal que deita a entraña fértil de Carlos Pereira Martínez, para que brille, radiante, a súa “escrita núa” que loita pola restauración da luz.

Carlos Pereira Martínez Dominio Público Praza Pública
Capa de Río Alzheimer Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.