A miña primeira Rosalía é unha homenaxe á poeta, en formato de libro-cd, editado por Xerais, que combina os textos orixinais, coas ilustracións da cantante ferrolá María Manuela e as adaptacións musicais dunha ducia de poemas, a cargo da propia María Manuela, de Mini e Mero e de Xiana Lastra. O vindeiro 1 de novembro A miña primeira Rosalía chega a Compostela, ao Teatro Principal, en forma de espectáculo musical, a partir das oito da tarde e por só dous euros.
Os devanditos María Manuela, de Mini e Mero e de Xiana Lastra interpretarán esa ducia de temas, acompañados de Xurxo Varela, Nuria Lestegás, Paco Barreiro, Manuel Dopico, Roberto Grandal, Juan Collazo e Adrián Saavedra. Ademais, salientan, "haberá algunha colaboración sorpresa".
As cancións que conforman o repertorio son O forno está sin pan, Vente rapasa, Tecín Soia, Paseniño, Lévame a aquela fonte cristaíña, No ceo azul crarísimo, Miña Santa Margarida, Negra Sombra, A xustiza pola man, Vamos Bebendo e Máis o que ben quixo o día. Pechará o concerto o poema que Curros lle dedicou á poeta: A Rosalía.