Siniestro Total: "Non se pode regalar todo; a xente vai ao fútbol e non pretende que sexa gratis"

Siniestro Total © Siniestro Total

O próximo verán cúmprense 33 anos do accidente de coche que deu nome a unha das bandas máis importantes do rock and roll español, Siniestro Total. Así quedou, segundo a compañía de seguros, o R12 familiar que conducía un novísimo Julián Hernández tras bater cunha enorme pedra fronte aos estaleiros de Vigo nunha noite de néboa de agosto de 1981. Naquel momento, morreron todos. E a vintena de discos e todo o vivido desde entón é "unha fantasía pre-mortem antes de marchar para o outro mundo", di o fundador e líder do grupo galego.

Dos seus éxitos máis desvergonzados da primeira época a ser uns verdadeiros sobreviventes da escena musical estatal cos estilos máis dispares, dos que fan gala no seu último disco, Country & Western. Están en plena xira e as reflexións de Julián Hernández van desde citar a anécdota do Bombita a valorar os plans culturais do Goberno.

Hai algún segredo para que Siniestro Total siga aí despois de tantos anos?

Somos como Pitita Ridruejo ou algo así. Moito segredo non hai. É unha mestura de cousas, do que ti decides e do que pasa ao redor. Por unha banda é teimosía nosa, pero tamén son os cambios no grupo, aínda que levamos uns doce anos sendo os mesmos. É cuestión dun pouco de sorte e de que a maquinaria funcione. Se non funcionase, pois deixaríamolo.

"Somos rock and roll pero, dentro diso, creo que somos un grupo sen un xénero determinado"

Que tipo de público senten agora máis preto? Tocaron moitos paus durante a súa carreira.

O único que se nos ocorre para definilo é rock and roll pero, dentro diso, creo que somos un grupo sen un xénero determinado. Se cadra, un estilo de facer as cousas que consiste en que, como dicía Picasso, se hai algo que roubar, pois roubámolo. Antes que músicos fomos fans. A curiosidade por ver como se fan as cousas foi un pouco o motor de todo. Outro dos factores de durar é que houbo substitucións xeracionais.

Claro, desde 1981...

Claro. E notamos que na primeira fila está a rapazada nova e a medida que avanzas cara ao fondo da sala, onde está a barra, é onde está a xente máis maior, aí apalancada. Son como capas xeolóxicas. Tamén é certo que a xente máis nova ouviu as cancións doutra maneira, noutra orde. Socioloxicamente España é un país moi curioso. A xente, en canto cumpre determinados anos, aparta un pouco a música do seu consumo de entretemento, ou cultural, e abandona a primeira liña.

Canto cambiou a forma de escoitar música?

Radicalmente, dunha forma brutal. Da cassette, o tocadiscos ou a radio ao streaming ou o que hai con internet pois hai un abismo. Por unha banda é xenial pero por outro fan falta filtros. O exceso de información é brutal. O que quere decatarse de cousas ten que facer un esforzo e, á vez, escoita música moita xente que non fai ningún esforzo e compra música ao peso.

"A lei que se está perpetrando vai deixar a España, un país exportador de contidos, nunha posición moi fodida"

Que lle parece o proxecto de Lei de Propiedade Intelectual que se debate agora no Congreso?

A lei que se está perpetrando vai deixar a España, un país exportador de contidos, nunha posición moi fodida. Non é a piratería o problema, esa é unha cuestión que se pode solucionar relativamente ben. Está claro que cultura gratis na rede hai a moreas. Trátase de, por exemplo, que as novidades teñan financiamento dalgunha maneira, se non as podemos parar, non pasa nada, pero se alguén quere cultura, pois home... O Quixote é gratis en internet, e Beethoven, ou sexa que cultura hai, outra cousa é que queiras a Lady Gaga.

"A cousa está en considerar a cultura ou o entretemento como industrias, case máis que como obxectos culturais"

Daquela, onde está o problema e cal é a solución?

O problema é que España vai pór en mans de empresas xigantescas unha propiedade intelectual que vai desaparecendo como unha maneira de financiar o que a xente poida querer consumir. Algo de diñeiro ten que haber. Non creo que se poida regalar todo directamente porque á xente cústalle ir ao fútbol, por exemplo, e ninguén pretende que sexa gratis. Pois o mesmo con isto. A cousa está en considerar a cultura ou o entretemento como industrias, case máis que como obxectos culturais. Industrias onde traballa moita xente, onde non só está o creador, que é unha mínima parte de todo un armazón. Iso hai que protexelo porque non é só cousa duns cantos titiriteiros. É unha industria cultural. É o único no que ninguén, nunca, xamais, poderá competir connosco. Podemos vender laranxas e sempre haberá alguén que poida vender laranxas mellores. Ou coches. Pero o que é persoal e intransferible é un símbolo de identidade que é a expresión da comunidade. Non velo así é estar moi cego.

En que está centrado o grupo agora?

Country & Western foi o último álbum pero desde hai uns meses estamos a gravar singles para a rede. Saen cancións de dúas en dúas e logo igual pois o editamos en vinilo ou o que sexa. É unha especie de work in progress, facer o disco á vista de todo o mundo. Cando temos dúas cancións gravadas, sacámolas e non hai que esperar un ano e medio a que saia o album que logo ten unha repercusión equis, que tampouco é tanta. É a maneira de estar permanentemente facendo cancións sen ter despois o lastre de 12 ou 15 cancións aí, ciscadas. Así podemos incorporalas ao repertorio dunha forma máis paulatina, intercambiándoas. Estamos moi contentos con iso.

É o que comentabamos do cambio de formato, non?

Claro. O album como tal desapareceu. Para nós isto foi unha especie de cambio de estratexia que nos vén moi ben. Outra cousa é que logo haxa discos que teñan necesariamente que ter un formato dese tipo, cousas máis conceptuais. Este formato supón, como digo, un esforzo maior pero tamén unha liberación de non ter que pensar nun album.

"A historia de España é un pesadelo do que hai que espertar; unha historia de película de terror case"

Cre que España está en sinistro total?

Se o pensas cun pouco de perspectiva, non só agora, senón que vén de moi atrás. España é un país bastante tremendo, cunha historia de película de terror case. Agora mestúranse moitas cousas que nos fai estar nunha apocalipse xeral. Hai pouco lendo a historia dos Borbóns que está a publicar a revista Mongolia daste conta de que aquí vén todo de moi atrás. Isto foi sempre bastante caótico, desastroso e pagamos o que é a nosa historia, que é un pesadelo do que hai que espertar.

"Hai xente en política que tenta facer as cousas ben, pero os listos apartáronse da primeira fila e hai moitos que dan unha imaxe bastante patética"

Como definiría a clase política actual?

Hai xente que tenta facer as cousas ben, pero a xente lista apartouse da primeira fila e deixou moita xente que evidentemente dá unha imaxe bastante patética. O problema de que o gremio que se dedica á política caese tan baixo foi ese, que os máis capaces, os máis preparados, pois ao ver o panorama e a tropa vanse desmarcando. As consecuencias son moi fodidas. Negar evidencias, por exemplo, como o outro día Montoro co do informe de Cáritas, é moi grave, porque seguimos co triunfalismo. En España non só foron triunfalistas no franquismo senón con cousas como o V Centenario, con que gañamos os mundiais, etc. Pero se logo dinnos que os nenos pasan fame en España, aínda que veña dunha organización católica, pois non facemos nin caso porque eses son uns rojos e non ten valor ningún. Iso é grave, porque se non ves o problema, dificilmente o solucionas.

Repasemos algunhas das súas cancións. Sobre que tumba lle gustaría bailar?

Temos unha longuísima colección de xente. Segundo o día. Ás veces tócalle a Montoro, pero ben, pódelle tocar a calquera.

España bebe, España se droga, é o problema ou a solución?

Si que é certo que parece que aquí estamos en ácido permanente. Por unha banda a situación é totalmente lisérxica e por outro a solución é a chea para non ver as cousas.

Aínda pensa que vai vir o Señor a iluminar su corazón?

Si, home, confiamos en que algún día se nos apareza a virxe como a Fernando Arrabal. Que veña, pero cun pan baixo o brazo, cun cheque en dólares ou cousas así. Porque iso de aparecerse a uns pastores e dicirlles catro cousas sobre o comunismo e tal pois non nos fai graza. Xa que se nos aparece alguén importante do máis aló, que bote unha man, non?

"Imos claramente cara ao desastre, como toda a humanidade"

Dame comida, desgrazadamente, recobra actualidade hoxe en día  Esta vida es una mierda?

Iso si é verdade. Eu creo que esta vida é bastante tremenda. Se xa o xénero humano nace cun estigma terrorífico, logo está como o agravamos nós mesmos. Como dicían os situacionistas, fannos vivir unha vida que non é a nosa, non é a que decidimos, e as cousas son máis fodidas.

Saben xa quen somos, de onde vimos e, sobre todo, cara a onde imos?

A última é a que non temos nada claro. Somos uns galegos que tocamos rock. Até aí chegamos. Vimos dunha música que nos interesou sempre moitísimo, que vén seguramente do Mississippi, dos anos 30, de xente que inventou o rock and roll cunha guitarra como Robert Johnson ou Charlie Patton. Onde imos? Home, claramente ao desastre, pero iso xa toda a humanidade.

Quen lle sorprendeu máis cantando Miña terra galega, o himno oficioso galego?

Non o perdas: non o vin, pero hai pouco creo que saíu Chenoa na Televisión de Galicia cantando a canción. Como dicía Josele Santiago, unha vez que fas unha canción, aínda que neste caso é unha versión, sóltala e xa deixa de ser túa. O que nos segue sorprendendo é a versión orixinal, porque seguimos sendo bastante fans de Lynyrd Skynyrd. Fixemos un pequeno intento de adaptación á nosa identidade nacional, pero nada máis.

"Miña terra galega' foi un pequeno intento de adaptación dunha versión á nosa identidade nacional, pero nada máis"

Segue crendo que Solo los estúpidos tienen la conciencia tranquila, que La sociedad es la culpable ou as dúas cousas?

Non se me ocorreu polas en paralelo, pero si que funciona. Pensar que a sociedade é a culpable é unha maneira de escaquearse pero todos os humanos somos culpables de algo. De feito nacemos co pecado orixinal. Por moito bautismo que haxa, xa empezamos mal. A humanidade é culpable de moitos crimes contra si mesma e contra todo o que a rodea. Ou sexa, que ter a conciencia tranquila é un pouco parvo.

Siniestro Total © Siniestro Total

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.