Falamos co guionista Denís @denny_horror, creador de Non saímos do lixo xunto ao director Marcos Paino, e coa actriz Susana Sampedro sobre o regreso destes sketchs que sacan punta da actualidade galega
“Sempre pensei que non fixera nunca nada tan divertido”. O guionista Denís @denny_horror explica así o por que do regreso de Non saímos do lixo, un proxecto de serie de humor que hai máis dunha década puxera en marcha xunto ao director Marcos Paino. Sen a forza das redes sociais, aqueles sketchs de humor quedaron na rede para o seu público máis fiel ata que este mes de xuño volveron á carga cun dos temas máis de actualidade no país: o problema da vivenda e o incremento dos pisos turísticos, en concreto, en Compostela.
A resposta na conta de Instagram de Non saímos do lixo foi rápida e xa contan con máis de dous mil seguidoras para os seus vídeos humorísticos. “En dous meses ao mellor xa nos viu máis xente que en todos os programas que fixemos hai doce anos. Agora todo é máis inmediato, sae unha nova hoxe e en menos dunha semana podes ter o teu vídeo xa colgado, e se polo que sexa gusta, consegues chegar a moitísima máis xente do que podía suceder antes da presencia tan forte das redes sociais”, explica Denís.
“Volvemos porque tiñamos moi bo recordo e porque aquí temos un grupo de xente que é súper graciosa e súper talentosa. Susana Sampedro e O Leo parécenme dos mellores actores de comedia. Ademais había un pequeno oco, hai moita xente nova facendo cousas moi boas nas redes, pero nós xa quedamos un pouco boomers para os novos formatos. A nós gústanos moito o sketch de situación e pensamos que é algo un pouco esquecido”, conta Denís, que levaba unha década traballando fóra de Galicia.
Susana Sampedro, O Leo e Martiño Domínguez repiten no proxecto, que conta con novas fichaxes: Juan Gulías, a cómica Cata Ukelele e Pauliña (@Punkita). Actores como Antón Coucheiro e Antía Costas tamén apareceron nalgún dos vídeos que levan compartidos nas redes desde mediados de xuño. De momento, o sketch co que conseguiron a maior repercusión foi co titulado 'Asesores de Feijóo', no que Sampedro e o propio Denís interpretan a dous traballadores do equipo do presidente do PP e Cata Ukelele fai dunha terapeuta especializada en casos coma o deles.
"A censura chega cando ti fas algo que molesta e na TVG non se dá a oportunidade sequera de molestar", di o guionista
“É o máis quinqui que fixen na vida”, recoñece Susana Sampedro, que xa formaba parte da equipa inicial coa que comezaron facer sketchs hai doce anos. “Eramos un grupo de amigos facendo gamberradas e sempre hai material porque todo se pode abordar desde a comedia e a sátira. Agora a cousa é distinta, xa non nos xuntamos todo o día para gravar capítulos. Quedamos para gravar de maneira cada vez máis profesional e vémonos os que toca para cada vídeo”, conta a actriz, gañadora dun premio Mestre Mateo á Mellor interpretación feminina de reparto polo seu papel en Matria, de Álvaro Gago.
Xa houbo quen os bautizou como 'os Polònia galegos', en referencia ao espazo de humor da televisión pública catalá dirixido por Toni Soler, pero vense lonxe da Televisión de Galicia. “Debera haber programas así na TVG, pero... E en TV3 tamén teñen problemas de censura, pero claro, a censura chega cando ti fas algo que molesta e na TVG non se dá a oportunidade sequera de molestar. Obviamente, a nós o que nos gustaría sería que os cómicos de aquí tiveran a liberdade de facer formatos na televisión pública”, salienta o guionista.
A actriz de Ribeira non sente que sexa arriscado participar nun proxecto coma este. “Se se ve isto como un risco, pódese considerar que é arriscado, pero é humor. Ademais, se ves os vídeos vellos e os de agora queda claro que nos metemos con todo o mundo”, razoa Susana Sampedro, que incide en que “en Galicia hai un tipo de humor moi determinado que funciona moi ben” e que se exemplos como os de Non saímos do lixo chegasen a máis xente poderían tamén popularizarse outras maneiras de rirse do que nos rodea.
"Agora ninguén aguanta un vídeo de cinco minutos, hai que comezar sendo graciosos nos primeiros 15 segundos para captar a xente", conta Denís
Din que en 12 anos o humor cambia moito, mais tamén mudou a maneira na que como espectadores nos enfrontamos aos contidos. “Agora ninguén aguanta un vídeo de cinco minutos, hai que comezar sendo graciosos nos primeiros 15 segundos para captar a xente”, conta Denís, quen recoñece que algúns dos vídeos da etapa anterior “non envelleceron ben”.
Con todo, o espírito de “rirse de todo” mantense en Non saímos do lixo, que recupera a personaxes como o dúo Os Jallejos –“o mesmo humor que se segue facendo na TVG”, apunta Denís– ou o personaxe de Adrián Brandán, o ‘típico’ estudante de Santiago. E todo isto fano “por amor á arte”, a vez anterior “aguantaron” dous anos e non saben canto seguirán, o que dan por seguro é que o pasan ben gravando. “Aquí hai un gran talento para a comedia e temos que aproveitalo”, conclúe o creador.