A XXII edición dos Premios Mestre Mateo deixa un palmarés protagonizado polas mulleres profesionais do sector, premiadas na maioría das categorías
O excelente momento do audiovisual galego permitiu que a Academia Galega do Audiovisual celebrase a súa gala máis ambiciosa para esta XXII edición dos Premios Mestre Mateo, que ratificou a importancia histórica de dous películas: O Corno, de Jaione Camborda, que logrou sete galardóns; e Matria, de Álvaro Gago, que se fixo con cinco premios. Un palmarés protagonizado polas mulleres profesionais do sector, premiadas na maioría das categorías da cerimonia celebrada no Coliseum da Coruña este sábado e retransmitida pola TVG en directo.
Uns presentadores en estado de graza, Lidia Veiga e Miguel Canalejo –que tamén se levou o seu recoñecemento pola curtametraxe O coidado, cuxo trailer puido verse primeiro na revista VINTE– conduciron un evento que combinou o humor, a estética e a reivindicación, pese a que segue a haber asuntos, como o da situación dos medios públicos denunciada polos seus profesionais, dos que non se fala abertamente; a pesar de que nesta ocasión convidouse á presidenta da Acadèmia Valenciana de l'Audiovisual, que denunciou "os efectos da intolerancia e a censura" e a precaria situación na que os deixou a retirada do apoio do departamento de Cultura do Govern desde que goberna a coalición de PP e Vox.
'O Corno' gañou sete premios Mestre Mateo, entre eles os de Mellor película, dirección e guión
O Corno, gañadora da Cuncha de Ouro no Festival de San Sebastián e premiada nos Goya á Mellor actriz revelación para Janet Novás, foi a película máis premiada da noite, levou o Mestre Mateo á Mellor dirección de arte para Melania Freire, á Mellor maquillaxe e perruquería para Bárbara Brouke, Lorena Clavo e Silvia Neira; ao Mellor son para Sérgio Silva e David Machado; ao Mellor vestiario para Uxía Vaello, á Mellor longametraxe para Esnatu Zinema, Miramemira e Elastica Films; e á Mellor dirección e Mellor guión para Jaione Camborda.
A cineasta vasca que reside en Galicia hai anos lembrouse dos seus inicios e de como subiu ao escenario dos Meste Mateo para recoller un premio polo guión de Os fenómenos, que escribiu xunto a Alfonso Zarauza, director do filme, hai xa unha década. Jaione Camborda fixo referencia ao pobo palestino e o xenocidio que Israel está a levar a cabo en Gaza todas as veces que subiu o escenario este sábado.
Lucía C. Pan, Nati Juncal, María Vázquez, Susana Sampedro e Santi Prego: o equipo de 'Matria' recolleu cinco galardóns
O equipo de Matria, capitaneado polo seu director, o vigués Álvaro Gago, recolleu os galardóns á Mellor dirección de fotografía para Lucía C. Pan e á Mellor dirección de producción para Nati Juncal. Ademais, fixo pleno nas categorías de interpretación nas que era finalista, con recoñecementos para María Vázquez como a Mellor interpretación feminina protagonista polo seu papel de Ramona, baseado na historia real de Francisca Iglesias; Susana Sampedro como Mellor interpretación feminina de reparto e Santi Prego como Mellor interpretación masculina de reparto.
Rapa, de Portocabo coa colaboración de Movistar Plus+, foi a serie de televisión máis votada polas académicas e académicos, e tamén gañou os premios a Mellor montaxe para Gaspar Broullón, Julia Juanatey e Lucía Iglesias e á Mellor música orixinal para Xavi Font. A arte de ser (mal) pai, da produtora Miraveo, obtivo o Mestre Mateo a Mellor serie web e reclamou máis presenza destas obras, máis aínda agora que xa está en funcionamento a plataforma AGalega.
Tamar Novas repetiu nesta edición como Mellor interpretación masculina protagonista
Tamar Novas repetiu nesta edición como Mellor interpretación masculina protagonista. O ano pasado subiu o escenario para recoller o premio por O corpo aberto, de Ángeles Huerta, e agora fíxoo polo seu papel en ¡Salta!, de Olga Osorio. Tamén lle tocou de novo agradecer o recoñecemento a Lucía Veiga, pero nesta ocasión non como actriz, senón como Mellor comunicadora polo seu traballo no programa Malicia Noticias, que emite a TVG. Alba Prol, Raúl García e Jairo Iglesias gañaron na categoría de Mellor Realización polo seu traballo en O Gran Camiño. Grandes Rutas a Pé do Mundo.
O Mestre Mateo ao Mellor documental foi para Os espazos en branco, de Bruno Arias, por unha obra na que se serve da xenerosidade da súa familia para traer ata a actualidade a figura da súa tía, a poeta Xela Arias. A Mellor curta de animación recaeu en To bird or not to bird, de Abano Producións, que tamén gañou o Premio Goya na mesma categoría. O videoclip de C. Tangana para o R.C Celta de Vigo, Oliveira dos cen anos, venceu na súa categoría e Chama a miña neta, da axencia Recados Carmen, que promociona o proxecto 'falAI' de Balidea e a Universiadade de Vigo alzouse co premio ao Mellor anuncio publicitario.
Un momento xa icónico será o de Mela Casal dobrando en directo ao galego as palabras de Fran Drescher, presidenta do sindicato SAG-AFTRA, que en Galicia sempre será lembrada como A Nanny
Un momento xa icónico será o de Mela Casal dobrando en directo ao galego as palabras de Fran Drescher, presidenta do sindicato de actrices e actores dos EEUU, SAG-AFTRA, que en Galicia sempre será lembrada como A Nanny, pola serie que emitiu a TVG nos anos noventa e principios dos dous mil. Un comunicado de Drescher no marco da folga que mativeron nos últimos meses os intérpretes para lograr un mellor recoñecemento pola súa forza de traballo, "imprescindible" para as empresas que producen e distribúen o audiovisual no mundo.
A lección da noite veu de outra muller, Eva Veiga, premio de Honra Fernando Rey. A xornalista, actriz e poeta salientou a importancia de navegar unidos e mais de ser compañeiros. Recibiu o galardón das mans de Xosé Ramón Gayoso, un dos cinco compañeiros que segue en activo –ademais de Mon Santiso– que acompañou a Veiga nas primeiras imaxes que se emitiron da TVG no verán de 1985.
As Fillas de Cassandra foron as encargadas de poñerlle música á cerimonia, dirixida por Noemi Rodríguez, para o que contaron coa colaboración de Mondra, Sabela Domínguez e os peliqueiros de Laza.