No marco da entrega da vixésima segunda edición dos Premios Mestre Mateo, o vindeiro día 23 no Coliseum da Coruña, a cidade vólvese vestir de película coa quinta Semana do Cinema Galego. O "grande evento cinematográfico non competitivo do país" volve á súa cita co Teatro Colón, desta volta con oito filmes que suman 45 candidaturas aos premios do audiovisual galego.
Emoción, Vida e Teatro. A nave das Marías, documental dixirido por Saamira Ganay e Cris Andina, abre a programación o martes, día 19 (19h30) tras o acto de inauguración. O mesmo día, ás 21h30, é a primeira quenda da ficción cun dos grandes éxitos recentes do cinema galego, Matria, de Álvaro Gago, que chega á Semana do Cinema tras levar máis de 40.000 persoas ás salas comerciais.
O documental volve ser protagonista o mércores (19h30) a través d'A viaxe de Lucy, de Ruth Chao, "un achegamento sen precedentes ás bambolinas dunha apaixonante misión espacial da NASA". Na sesión das 21h30 proxectarase O corno, de Jaione Camborda, outro dos fitos do noso audiovisual do último ano, que chega aos Mestre Mateo con 14 candidaturas tras éxitos como a Cuncha de Ouro en Donostia ou o recente Goya para a súa protagonista, Janet Novás.
O Teatro Colón acolle oito proxeccións dalgúns dos fitos do cinema galego do último ano na semana da entrega dos premios Mestre Mateo, que se celebra o día 23 no Coliseum
¡Salta!, de Olga Osorio, será o primeiro filme das sesións do xoves 21 (19h30). Ás 21h30 proxectarase Fatum, de Juan Galiñanes. De argumentos moi dispares, ambos filmes comparten o feito de que a propia cidade da Coruña é un escenario esencial das súas tramas.
O venres, día 22, a Semana do Cinema Galego céntrase nos documentais. Chichi e máis eu, de Nico Campos, evoca a memoria do debuxante e humorista, pai do autor (19h30). Ás 21h30, Bruno Arias presenta Os espazos en branco, centrado nas memorias de diversas persoas sobre a poeta Xela Arias, tía do realizador. A Semana pecharase ao día seguinte da entrega dos Mestre Mateo, o domingo 24 (12h) cun concerto de bandas sonoras a cargo da Banda Municipal de Música.
Pepe Coira: "É unha das colleitas máis sobranceiras da historia dos Mestre Mateo"
Esta Semana do Cinema, explica dende a Academia Galega do Audiovisual o seu vicepresidente, Pepe Coira, está encadrada "nunha das colleitas máis sobranceiras da historia dos Mestre Mateo". Son, di, películas que "conseguen cada unha no seu xeito, cada unha dirixida ao seu público, chegar e ofrecernos unha ollada sobre quen somos, sobre quen podemos ser".
"Impulsamos á Coruña como a gran cidade galega do cinema, tanto por número de producións como por eventos tan significativos para a nosa industria como a gala dos Mestre Mateo ou esta Semana do Cinema Galego", defende o edil de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro. Dende a Deputación da Coruña, Avia Veira subliña a "obriga" das Administracións para "estar á altura dunha cultura e, nomeadamente, dun audiovisual galego que está madurando a pasos aceleradísimos e non fai máis que darnos alegrías".