'Can sen Dono': a revista de humor en galego que disparaba contra todos e dignificou a profesión

Número 0 de 'Can sen Dono' © Museo do Humor

Entre 1983 e 1991 a revista de humor gráfico en galego Can sen Dono sacou á rúa 23 números. Editada en Vigo, foi fundada por Pepe Carreiro e nela colaboraron debuxantes como Xaquín Marín, Paco Oti ou Chichi Campos e xornalistas e escritores como Gustavo Luca de Tena, Manuel Rivas, Alberto Avendaño, Antón Reixa, Xosé A. Perozo, Clodio González Pérez e mesmo X. L. Méndez Ferrín, Darío Xohan Cabana ou Claudio López Garrido. En total, máis de medio cento de humoristas gráficos e literarios. Nas súas páxinas, con retranca e disparando contra os poderes, podemos percorrer a actualidade galega da década dos 80.

Entre 1983 e 1991 a revista de humor gráfico en galego Can sen Dono sacou á rúa 23 números

O pasado ano o Museo do Humor Xaquín Marín de Fene acolleu a mostra 40º aniversario da revista Can sen dono, que incluía debuxos orixinais, acetatos e recortes empregados na composición das páxinas da revista. Tamén se amosaron reproducións das vinte e tres portadas e dos catro especiais publicados de Can sen dono, xunto con correspondencia orixinal e referencias bibliográficas. A mostra, comisariada polo humorista gráfico e colaborador da revista Paco Oti, foi promovida polo Museo e a Concellería de Cultura de Fene, coa colaboración da Biblioteca de Galicia. Dende hai uns días, pódese ver online na web do museo.

Números 3, 11 e 14 de Can Sen Dono, na súa primeira etapa © Museo do Humor

O pasado ano o Museo do Humor acolleu a mostra 40º aniversario da revista Can sen dono. Dende hai uns días, pódese ver online na web do museo

A orixe da revista está na celebración, a finais de 1982, do Primeiro Seminario Galego do Humor, que tivo lugar no Museo Carlos Maside de Sada baixo o acubillo de Isaac Díaz Pardo. Alí, un grupo de debuxantes de Vigo presentou o proxecto editorial dunha revista galega de humor que se ía denominar Can sen dono. A publicación foi realidade en 1983, cando viu a luz o seu número cero, coa dirección de Pepe Carreiro, coordinación de Gogue e edición de Antón Mascato.

A orixe da revista está na celebración, a finais de 1982, do Primeiro Seminario Galego do Humor, que tivo lugar no Museo Carlos Maside de Sada baixo o acubillo de Isaac Díaz Pardo

Segundo Paco Oti, “a xuntanza do Primeiro Seminario Galego do Humor foi especial para nós, pois presentaba en sociedade un novo nacemento, o da revista Can sen dono, que a partir de 1983 conseguiu unificar e consolidar as profesións do humor gráfico e literario”. Tamén foi importante para o seu nacemento o Manifesto en Defensa do Humor, impulsado en 1983 por Siro e Xaquín Marín, que reivindicaban a falta de atención ao humor gráfico e literario galego.

Números da primavera de 1989 e 1990 e suplemento especial das eleccións galegas de 1989 en Can Sen Dono © Museo do Humor

Can sen dono conseguiu unificar e consolidar as profesións do humor gráfico e literario

Na primeira etapa de vida da revista (de 1983 a 1989) a dirección corre da man de Pepe Carreiro, a coordinación a Gogue e a edición a Antón Mascato. Na segunda etapa, entre 1989 e 1991 X. A. Suárez substitúe a Pepe Carreiro na función de dirección. Ademais, creouse un consello de dirección formado por Gustavo Luca de Tena, Antón Mascato, Zacarías Castro e Pepe Carreiro. No Extra Eleccións Xerais 1989 uniuse Xesús Chichi Campos.

"Can sen dono marcou un fito para o humor gráfico e literario galego e contribuíu a dignificar estes oficios"

Para afondar na historia da revista, pódese consultar a reportaxe publicada hai uns meses por Cultura Galega, que destaca que "ao longo dos anos oitenta, unha revista de humor en galego mantívose nos quioscos a conseguir importantes cifras de vendas. Can sen dono marcou un fito para o humor gráfico e literario galego e contribuíu a dignificar estes oficios".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.