As entidades culturais do país homenaxean Xaquín Marín como "cronista gráfico da Galiza popular"

Homenaxe a Xaquín Marín no Teatro Jofre de Ferrol © Galiza Cultura

A responsable do Museo do Humor de Fene, Almudena Marcos, o debuxante e grafista Siro López Siro, a pedagoga Pilar Sampedro e o deseñador Pepe Barro interviron nunha gala conducida por Quico Cadaval

Compañeiras e compañeiros de profesión, amizades e representantes de entidades culturais e sociais renderon homenaxe a Xaquín Marín este sábado no Teatro Jofre de Ferrol nunha gala organizada pola Federación de asociacións culturais galegas Galiza Cultura, que destacan que Marín é "o humorista gráfico galego de referencia deste máis de medio século último".

O acto, que celebrou os 60 anos de actividade de Xaquín Marín, foi conducido por Quico Cadaval e comezou coa actuación musical de ‘St. James Dixie Band’ para irse alternando sobre as táboas con intervencións e monólogos de humor nunha gala na que as emocións, o humor e a mesma retranca que Xaquín Marín emprega no seus cadros fixeron acto de presenza con chiscadelas constantes ao creador de Gaspariño e Isolino ou dos cadros dos pés.

Homenaxe a Xaquín Marín no Teatro Jofre de Ferrol © Galiza Cultura

O acto, que celebrou os 60 anos de actividade de Xaquín Marín, foi organizado pola Federación de asociacións culturais galegas Galiza Cultura

A responsable do Museo do Humor de Fene, Almudena Marcos e o debuxante e grafista Siro López Siro foron os primeiros en tomar a palabra para repasar os seus máis de 60 anos de traxectoria profesional dedicado ao humor gráfico, a ilustración, a banda deseñada e o debuxo en todas as súas facetas.

A seguir, tomaron a palabra a pedagoga Pilar Sampedro e o deseñador Pepe Barro, que afondaron na "gran pegada que a súa traxectoria tivo no grafismo galego". Destacaron, así mesmo, "como soubo como ninguén, neste máis de medio século, retratar de maneira tan realista e veraz a nosa sociedade converténdose no cronista gráfico da Galiza popular"

As emocións, o humor e a mesma retranca que Xaquín Marín emprega no seus cadros fixeron acto de presenza con chiscadelas constantes ao creador de Gaspariño e Isolino ou dos cadros dos pés

O acto rematou dunha proxección de imaxes dunha colección de obras orixinais de artistas gráficos, pintores, ceramistas e profesionais do ámbito artístico, que agasallaron ao propio Xaquín Marín subindo ao escenario e realizando unha pequena intervención onde rebordou a emoción e cariño de todas as persoas presentes.

A homenaxe contou coa colaboración da Sociedade Cultural Medulio de Ferrol e do Concello de Ferrol e foi subvencionada pola Área de Cultura da Deputación da Coruña.

Homenaxe a Xaquín Marín no Teatro Jofre de Ferrol © Galiza Cultura

60 anos de actividade

Marín é "o humorista gráfico galego de referencia deste máis de medio século último", destaca Galiza Cultura

Xaquín Marín naceu en Ferrol en 1943. Aínda en plena ditadura franquista comezou a facer cómic en colaboración con Raimundo Patiño, con quen en 1975 publicou 2 Viaxes, primeiro álbum galego en banda deseñada, e tamén na revista Chan. Despois, Marín derivou cara ao humor gráfico, colaborando en multitude de xornais e revistas, como Diario 16, El Ideal Gallego, Das Kapital, Luzes de Galicia, A Nosa Terra ou Teima, e a partir de 1988 en La Voz de Galicia e posteriormente en Retranca.

En 1984 fundou o Museo do Humor de Fene, que dirixiu durante os seus primeiros 25 anos, ata a súa xubilación en 2008.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.