"Cada vez hai máis xente nova que non entende a retranca, tamén se globaliza a psicoloxía colectiva"

Gonzalo Vilas, 'Gonzalo', por el mesmo © Gonzalo

Gonzalo, debuxante e humorista gráfico, leva facendo cadriños dende finais dos oitenta: A Nosa Terra, Can sen dono, El Correo Gallego, Compostelán, Plis-Plas, GZNación, Novas da Galiza, e agora Praza Pública e Dioivo. Mira aquí as viñetas de Gonzalo para Praza. Falamos con el sobre o humor, os medios de comunicación e outras cousas.

 

En que é diferente o humor galego do doutras nacións?

Os galegos sempre lle damos unha volta máis ás cousas -para ben e para mal- e no humor é para ben. Gustamos dos dobres sentidos, de dicir unha cousa significando o contrario, somos máis revirados e indirectos que un andaluz ou un vasco, por poñer dous exemplos. Pero tamén creo que cada vez máis hai xente nova galega que non pesca a ironía ou retranca, todo se globaliza, e tamén a nosa psicoloxía colectiva. Por outra banda, no humor gráfico hai claves, liñas e referencias que son universais, e que todos temos presentes a través do que temos lido, visto e escoitado, non dependendo tanto do noso entorno inmediato.

Cal é o personaxe que máis che gusta debuxar, aquel que case o fas cos ollos pechados?

Non é que me gustara precisamente, pero Fraga era un clixé recoñecible case en calquera estilo que se debuxara, e resultábame máis expresivo debuxado con catro riscos que dun xeito máis elaborado. Agora Feijoo é tamén moi caricaturizable, aínda que menos histriónico. Espero que non lle dea tempo a converterse tamén en icona de tan longa duración coma o outro.

Cal é o teu debuxante ou humorista gráfico favorito? Cales son os teus referentes?

Iso suporía unha lista interminable, porque é un campo donde houbo e hai enormes talentos que engadiron ao seu xenio unha inmensa capacidade de traballo. Da escola franco-belga, por exemplo, Gotlib, Greg (autor de Aquiles Talón), o gran Goscinny ou Jean Giraud/Moebius. Blueberry foi o meu héroe dende pequeno. Moitos da editorial Bruguera como Conti ou Vázquez, Quino, Jordi Amorós/Ja de El Papus…, e Xose Lois "O Carrabouxo" paréceme un grande do humor gráfico en xeral, non só do galego.

Ti colaboraches en varios dos medios escritos en galego que existiron nos últimos anos. A que cres que se debeu a caída xeral, a dificultade de consolidación? Como ves o futuro?

Nunha análise fría do asunto, a caída foi froito da crise, do cambio a un goberno totalmente hostil ao galego, e en último termo á falla de lectores de medios en galego (aínda que nunha prensa que está totalmente subvencionada polo poder este factor é o menos importante). No caso d'A Nosa Terra, onde traballaba de redactor e ilustrador, podemos unir unha mala xestión, unha falla de ilusión xornalística dende a dirección e unha confusión ou medo na liña política xusto no intre en que máis medios tiña á súa disposición. Aínda así era un produto en galego máis que decente que case ninguén lía nin mercaba, pero que todos choraron ao desaparecer. E eu, como Mourinho, pregúntome, por que? O exemplo vale tamén para casos como o do Xornal, e outros. Xa podían ser moito mellores do que eran, que a xente que despois clama por medios en galego tampouco os ía levantar. O hipercriticismo dos/as presuntos lectores en galego é moi cansino, e moita xente fala e fala, e logo merca La Voz, que regala unha cunca de café o domingo. O futuro, con medios dixitais coma o voso e outros, é de supervivencia, á espera de tempos mellores no económico, e de cambios de goberno que fagan outro tipo de políticas realmente favorecedoras do idioma e non subvencionen escandalosamente a certas cabeceiras a conta dunha pornográfica propaganda ao poder. Tamén creo que só co ámbito dixital non abonda, o papel segue tendo un importante idem, e tamén habería que abordar medios como a radio, tan orfos de idioma galego.

"O hipercriticismo dos/as presuntos lectores en galego é moi cansino, e moita xente fala e fala, e logo merca La Voz, que regala unha cunca de café o domingo"

Tamén es un bo coñecedor de Compostela. Cres que está vivindo unha certa crise de actividade social ou cultural? Como ves o futuro inmediato da cidade?

Creo que vivimos uns tempos moi grises, de tristeza e desesperanza no campo político, social e cultural. Entre a crise e un poder local en sintonía coa parálise autonómica e estatal, a cousa non pinta moi ilusionante. As actividades culturais convencionais (teatrais, musicais) están moi paralisadas pola bola de neve do colapso económico e tampouco vexo unha reacción colectiva en ningún senso. Todos estamos á espreita de "a ver que pasa", ou como moito conectados ás redes chamadas sociais, pero que son algo autistas, a ver si facemos a revolución a golpe de comentarios e links diversos. A cidade..., pois non sei, de momento estamos entretidos coas ocurrencias e momentos frikies de Conde Roa. Un exemplo da inacción xeral pode ser a desaparición do emblemático Códice Calixtino, que só xerou unha concentración dunha ducia de veciños o outro día, e varios titulares do Correo, até que "alguén" lles mandou parar co tema.

"Estamos á espreita de 'a ver que pasa', ou como moito conectados ás redes sociais a ver si facemos a revolución a golpe de comentarios e links diversos"

Existe unha certa burbulla compostelá, temas que importan moito na zona vella da capital e que pasan máis desapercibidos no resto do país?

Isto máis ou menos é un centro neurálxico que exerce de teórica vangarda estudantil, política ou cultural, cos excesos da excesiva teorización, da revolución de taberna, das intrigas políticas de cargos e popes, ou as sobredoses de reintegracionismo ou independentismo, apenas reflectidos no resto da sociedade. É un ambiente proclive, neste eido da esquerda e o nacionalismo, a perder un pouco a referencia da realidade social, pero tamén é estimulante e positivo en moitos aspectos. Hai outras burbullas equiparables, coma a de internet e certos foros opinativos. Vino claro nestes días, cando moita xente, da que le xornais e se informa, me preguntou "que pasa no bloque?" (coma se un fora do Bloque por falar galego), onde vin diafanamente que debates e recontradebates que un segue pola rede chegan a quen chegan, aos de sempre, e para de contar.

Gonzalo Vilas, 'Gonzalo', por el mesmo © Gonzalo
A última viñeta publicada en Praza por Gonzalo © Gonzalo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.