Anos 70: A banda deseñada galega comezou a imaxinar mundos distintos

"O home que falaba vegliota" de Reimundo Patiño © BDG70

Antón Patiño, Fran Jaraba, Isaac Díaz Pardo, Miguelanxo Prado, Oitabén, Pepe Barro, Pepe Carreiro, Raimundo Patiño, Ulises L. Sarry, Xan López Domínguez, Xaquín Marín, Xesús Chichi” Campos, Xosé Díaz ou Xosé Lois O Carrabouxo. Son algúns dos autores nos anos setenta inauguraron a banda deseñada galega, abrindo uns camiños continuados nas décadas seguintes. A exposición BDG70: a revolta do cómic galego, inaugurada esta semana na Coruña, analiza estas obras e iniciativas pioneiras. Comisariada por Xulio Carballo Dopico e dirixida por Manel Cráneo, pódese ver ata o 31 de decembro en Normal, o espazo de intervención cultural da UDC.

A mostra xorde como resultado da investigación realizada en 2015 por Xulio Carballo para a súa tese de doutoramento sobre a banda deseñada galega. A exposición quere pór de relevo "a gran cantidade de artistas que, aínda en período ditatorial, canalizaron o seu pensamento antiautoritario e artístico a través dun medio aínda marxinal, o cómic, e dunha lingua pretendidamente marxinalizada, o galego". A mostra destaca pola fonda carga social, reivindicativa e cultural das obras "que nos achegará unha clarificadora visión do tardofranquismo e da transición, así como da necesidade de xustiza social que estes novos creadores demandaban", destácase na súa presentación.

En 1971 Xaquín Marín publicou o que coñecemos como a primeira historieta galega. Sería a prancha O emigrante, publicada na revista Chan, dirixida dende Madrid polo xornalista Raimundo García Domínguez Borobo. Con ela iniciaríase o que se deu en chamar o “ciclo da fame”: unha serie de catro historietas autoconclusivas onde a percura de comida e a subsistencia son o eixo central das mesmas.

Ademais da denuncia social, destaca o carácter transgresor das obras e a súa estética e linguaxe novas, nas que xogan un papel fulcral as representacións dunha Galicia distópica enmarcada dentro da ficción científica así como o seu achegamento aos medios de comunicación como xornais ou revistas. A este respecto, autores como Reimundo e Antón Patiño levaron as súas obras "a un radicalismo magmático e caótico", segundo destaca a presentación da mostra. A través da obra mural O home que falaba vegliota (Reimundo Patiño) ou do álbum 2 viaxes, xa xunto con Xaquín Marín, transportaríase a toda unha xeración a través de tempos e mundos distópicos que non deixaban de ser unha representación e denuncia da opresiva realidade galega do momento.

 

Exposicións e presenza nos medios de comunicación

Pouco despois desas primeiras obras, chegan as primeiras exposicións de banda deseñada galega, tanto na nosa comunidade autónoma coma en Madrid, da man do propio Reimundo Patiño, ademais de Xaquín Marín, Pepe Barro ou Ricardo Lázaro.

Outro fito importante foi a aparición en 1975 de Vagalume, a primeira cabeceira de cómic infantil e xuvenil editada en galego. Por ela pasaron boa parte dos autores que comezaban a publicar banda deseñada nese anos. Ademais, contou coa supervisión lingüística do Instituto da Lingua Galega e a colaboración, en ocasións desinteresada, de numerosos axentes educadores, culturais e artísticos de todo o país. Tamén naceron fancines, como Xofre A Cova das Coias. A banda deseñada tamén chegou á prensa diaria, como Historias dunha vella descoñecida, de Esperante; Gaspariño, de Xaquín Marín; Sabeliña, de Xosé Lois Carrabouxo; O Galo Camilo, de Pepe Carreiro; ou Fuco, de V. Veiga.

A mostra, que conta coa colaboración de institucións e entidades coma Real Academia Galega, o Museo Carlos Maside ou o Museo do Humor, inclúe tamén unha serie de actividades paralelas, que se desenvolverán ata final de ano. Xa esta semana Metrópoles Delirantes gravou na propia exposición o seu programa. O 1 de decembro haberá unha mesa redonda arredor dos inicios da banda deseñada en Galicia na que participarán Pepe Barro, Fran Jaraba e Pablo Oitabén, moderados por Xulio Carballo. De igual xeito, o 28 de novembro celebrarase un obradoiro práctico sobre edición de banda deseñada, desde a creación ata a distribución dunha publicación, pasando por todas as fases da produción e modalidades de edición

 

Capitán Zelta de Xaquín Marín, un dos autores indispensables da mostra © BDG70
Unha imaxe da mostra © Metropoles Delirantes
Un dos cartaces da mostra © BDG70
Vagalume", a primeira cabeceira de cómic infantil e xuvenil que se editou en galego no ano 1975 © BDG70

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.