Existen eidos da escrita literaria en galego que xogan cunha desvantaxe evidente. En xeral, todo o producido no noso idioma padece dese mal, pero está claro que, dependendo dos xéneros e apostas creativas que esteamos a falar, as eivas aínda se fan máis acusadas.
O teatro é, con certeza, unha arte que nunca gozou dunha implantación masiva entre nós, nin o escrito nin sequera o escénico. Houbo, xaora, tempos menos malos e tempos peores, mais desafortunadamente creo que non pode afirmarse, sen obxeccións, que este xénero —nin no pasado nin no presente— teña gozado do favor maioritario do público, ou, polo menos, dunha atención en verdade ampla da que, sen dúbida, é merecente.
A teatro infantil —ao que se suman certos prexuízos comparativos respecto desa convención que adoita chamarse literatura de adultos— aínda experimenta un arrombamento maior
Por descontado, se isto é así para todo o fenómeno dramático galego, o teatro infantil —ao que se suman certos prexuízos comparativos respecto desa convención que adoita chamarse literatura de adultos— aínda experimenta un arrombamento maior. Por iso é tan importante que existan plataformas que promovan a súa existencia e divulguen as obras que van, aos poucos, xurdindo. Neste sentido, o labor levado a cabo pola Fundación Neira Vilas coa convocatoria do Premio Estornela de Teatro creo que é exemplar, pois posibilita que os nosos creadores acheguen propostas coas que alimentar esa canteira esencial que é o teatro escolar e o teatro dos grupos infantís de asociacións culturais e de veciños.
Pois ben, dende hai un tempo as ferrolás Edicións Embora están a colaborar coa Fundación Neira Vilas na publicación dos textos gañadores (por veces tamén dos finalistas) deste certame, que agora edita na nova colección Tren das Cores.
Á última das pezas distinguidas co Premio Estornela quero referirme agora, pois Arlequino Viceversa, que así se titula o libro, é unha obra de Diana Varela Puñal que avanza nesa liña posibilista de teatro próximo, moi accesible pola inxeleza estrutural e a depuración estética do texto, que fan posible a súa lectura tanto aos máis noviños como aos que non o son tanto con igual agrado e que dispón toda a loxística escénica de xeito tal que resulta doada a súa adaptación ás táboas sen necesidade de grandes desembarcos.
Ofrece unha lectura en valores, con marcado acento para cuestións como a defensa das tradicións propias, a necesaria convivencia interxeracional, a esperanza e a ilusión por vivir, a capacidade para soñar e emocionarse
A maiores, Arlequino Viceversa ofrece unha lectura en valores, con marcado acento para cuestións como a defensa das tradicións propias, a necesaria convivencia interxeracional, a esperanza e a ilusión por vivir, a capacidade para soñar e emocionarse e aínda a importancia da solidariedade a a amizade.
Ambientada no tempo do Entroido, Arlequino Viceversa —que dende o propio anuncia airexas de homenaxe metateatral— ofrece catro actos nos que vai tecéndose un trama festiva e familiar no que o elemento fantástico tamén comparece e onde hai unha visión amable e esperanzada da realidade.
Os diálogos amenos, salferidos polo humor, e a inequívoca empatía que espertan os personaxes fan deste Arlequino Viceversa unha peza coa que Diana Varela Puñal consegue conmover como xa o fixera cos poemarios Fíos ou Animal abismo ou a poética tamén vehiculada para os máis pícaros de As trovas de Midas, títulos aos que agora se engade este título de Embora que confirma o bo momento da autora e do premio do que se fixo acredora.