Tom à la ferme: Aos ombreiros de xigantes

Fotograma do filme © Unifrance

Xavier Dolan volveu ás pantallas de Cineuropa con Tom à la ferme a súa cuarta película, avalada co premio da crítica internacional (FRIPESCI) no Festival de Venecia. O canadense, afeito a romper moldes estilísticos e narrativos, parece empeñado en desprenderse, dunha vez por todas, da etiqueta de “neno-prodixio”; os seus argumentos cinematográficos teñen o peso suficiente para convencernos de que xoga na liga dos maiores. A inefable Tom à la ferme é un exercicio cheo de enerxía, sensualidade e terror, unha película arriscada que foxe da adscrición a calquera xénero.

O prólogo do filme é un plano detalle: unha servilleta, un bolígrafo e unha man que escribe de forma nerviosa e atropelada unha despedida, un adeus cargado de amor e emoción. É a man de Tom, un mozo que se dirixe ao Quebec profundo para asistir ao enterro do seu mozo na granxa da súa familia. Alí coñecerá á nai, que descoñecía a orientación sexual do seu fillo, e ao irmán deste, quen se preocupará de que a farsa se manteña en pé. Desde o comezo Dolan ofrécenos claves para entender o que virá; a nivel visual, unha toma aérea amosa o coche de Tom atravesando a natureza, un comezo que nos remite a O resplandor de Stanley Kubrick, unha película de marcado terror psicolóxico. Doutra banda, a nivel sonoro, escoitamos unha versión francesa do clásico The windmills of your mind: «Tu fais tourner de ton nom / tous les moulins de mon coeur» («Fas virar co teu nome / todos os muíños do meu corazón»). A pantasma do desaparecido está presente en todos os personaxes e especialmente en Tom, premonitoria canción sobre o espírito da película.

Queda nas mans do espectador aplaudir a ousadía ou desprezar a temeridade. En calquera caso a película funciona por acumulación. Acumulación de xéneros, de ideas e de personaxes, pero tamén de referentes

Tom à la ferme toma un camiño que despista, como seguindo un compás que non marca o norte. É un thriller psicolóxico, é un melodrama e é cinema noir, é todo iso e á vez nada. A película transita polos xéneros en función das emocións que atravesa Tom. A desorientación do personaxe, será a desorientación do espectador. A esta dispersión narrativa acompáñaa un estilo visual sobrecargado, a proposta é arriscadísima, Xavier Dolan percorre a corda frouxa como un funámbulo sen rede. Queda nas mans do espectador aplaudir a ousadía ou desprezar a temeridade. En calquera caso a película funciona por acumulación. Acumulación de xéneros, de ideas e de personaxes, pero tamén de referentes.

Se no inicio do filme cítase a Kubrick, ao longo da trama o ambiente hitchcockiano está patente, en concreto ten elementos en común con Strangers in a train (1951). Doutra banda, é moi interesante a idea da granxa como cárcere, é unha prisión con barrotes psicolóxicos onde o campo aberto resulta claustrofóbico. Unha barreira imaxinaria que non se pode traspasar aínda que se pretenda. Aquí, El ángel exterminador (1962) de Luís Buñuel apadriña o concepto. O desfile de referentes podería continuar en relación a cada escena pero o relevante é que o bo uso das citas achega mérito ao relato que constrúe. Neste sentido, Xavier Dolan continúa na senda de directores post-modernistas da talla de Lars Von Trier, Quentin Tarantino ou Pedro Almodóvar. Tom à la ferme é a carta de presentación para formar parte dun club de cineastas que parten dos clásicos para romper moldes e mirar máis lonxe. Son modernos levantados pola altura dos antigos. Son ananos aos ombreiros de xigantes.

Fotograma do filme © Unifrance

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.