Volve novembro, volve Cineuropa e ese escuro obxecto de desexo que é o catálogo de películas convértese na axenda do mes para moitos composteláns e foráneos. Non importa que a información estea en cineuropa.gal, é fundamental ter entre as mans ese libriño que funciona como guía de supervivencia, como compañeiro vital nas colas do Principal, e que como sempre se fai o remolón os primeiros días para xerar aínda máis ansiedade.
Tras a síndrome de Stendhal que produce botarlle a primeira ollada, pasando dunha páxina á outra como nenos cun catálogo de xoguetes, é momento de sinalar todos aqueles filmes da sección oficial e internacional que se esperaban como auga de novembro. Tras isto, retrospectivas, focos, lembranzas... centenares de películas divididas en distintas seccións, moito, moitísimo, onde elixir. Este ano ademais o excepcional ciclo “Roxos e marcianos” sobre o macarthismo e a caza de bruxas en Hollywood, ben podería manternos ocupados todo o mes.
Ante a gran variedade de propostas e como alternativa á biblia oficial, propoñemos tres camiños, tres roteiros distintos que zigzaguean entre seccións
Ante a gran variedade de propostas e como alternativa á biblia oficial, propoñemos tres camiños, tres roteiros distintos que zigzaguean entre seccións: un que nos leva por festivais de todo o mundo, outro que nos descobre as marabillas que temos na casa e outra aventura da man de cineastas imprescindibles. O obxectivo non é chegar a ningures, é dar voltas en círculos e perderse nun bosque de imaxes. Iso si, despois de todo a sensación será de esgotamento e de que o camiño mereceu a pena.
O roteiro polos grandes festivais
Son of Saul
Primeiro Berlín, despois Cannes, no verán Locarno e en setembro Venecia e San Sebastián, sen esquecer por suposto Sundance, Tribeca ou Sitges; o calendario de festivais é tan apertado para a industria como inaccesible para a cinefilia. Afortunadamente hai unha alternativa para non ter que percorrer medio mundo: achegarse a este festival de festivais que é Cineuropa. A pesar dalgunha ausencia sinalada, se percorremos este roteiro toparémonos co máis destacado do ano.
1. El club (Pablo Larraín, Chile) O director chileno concentra nunha casa de retiro a catro sacerdotes para que purguen os seus pecados, que non son outros que os da Igrexa católica: pederastia, roubo de nenos, colaboración coa ditadura... Unha película incómoda que conseguiu Gran Premio do Xurado no Festival de Berlín. [Días 7, 8 e 9. Panorama Internacional]
2. Son of Saul (Lázsló Nemes, Hungria) Con todo o que leva filmar o Holocausto, Lázsló Nemes aposta por un punto de vista tan valente como arriscado. Son of Saul é demoledora e polémica, para moitos a mellor película do pasado Festival de Cannes, finalmente levou o Gran Premio do Xurado e o premio da crítica. [Días 9, 10 e 12. Sección Oficial]
3. Virgin Mountain (Dagur Kári, Islandia) Esta historia sobre un corentón inadaptado que pinta miniaturas de guerra e vive coa súa nai, ten a súa maior fortaleza na actuación protagonista. Gunnar Jónsson foi recoñecido como mellor actor na Seminci de Valladolid e no Festival de Tribeca, onde ademais a película levou o máximo galardón. [Días 12 e 15. Sección Oficial]
4. Taxi Teherán (Jafar Panahi, Irán) O director iraniano, condenado polo réxime a vinte anos de inhabilitación para facer cinema, segue burlando as trabas do seu país cunha mestría indiscutible. Nesta ocasión fai un retrato de Irán recollendo a distintos pasaxeiros no taxi que el mesmo conduce. Flamante gañadora do Oso de Ouro en Berlín. [Días 16, 17 e 18. Panorama Internacional]
5. Mustang (Deniz Gamze Ergüven, Francia/Turquía) Gañadora da Espiga de Ouro na recente Seminci de Valladolid, esta película conta a historia de cinco irmás adolescentes e orfas que ven sacudida a súa vida pola condición de ser muller nun país como Turquía. [Días 17 e 18. Sección Oficial]
6. Sparrows (Rúnar Rúnarsson, Islandia) Este drama sobre un adolescente sensible que ten que deixar a cidade e volver ao hostil pobo da súa infancia gañou a Cuncha de Ouro no Festival de San Sebastián nunha edición bastante mediocre. [Días 20 e 21. Sección Oficial]
7. The Assassin (Hou Hsao-Hsien, Taiwán) Aínda que na pasada edición de Cannes houbo varias candidatas á Palma de Ouro, o que parecía indiscutible era o Premio de Mellor Director a Hou Hsao-Hsien por regalarnos un filme de artes marciais distinto, pausado e apabullantemente belo. [Días 20, 21 e 22. Panorama Internacional]
8. Cosmos (Andrzej Zulawski, Francia) Baseada na novela homónima de Witold Gombrowicz, é a historia de dous mozos que se refuxian nunha casa na que non atoparán a paz buscada. A debatida película de Zulawski levou o recoñecemento a Mellor Director no Festival de Locarno. [Días 23, 25 e 26. Sección Oficial]
9. The invitation (Karyn Kusama, EEUU) Co aval de ser a Mellor Película na pasada edición do Festival de Sitges, o director estadounidense Karyn Kusama tráenos un thriller potente e sen fisuras. [Días 25 e 27. Panorama Internacional]
10. Paulina (La patota) (Santiago Mitre, Argentina) Este remake dun clásico arxentino de 1961 destaca pola mestría na dirección de Mitre, non é de estrañar por tanto os seus premios en Cannes -Gran Premio da Semana da Crítica- e en San Sebastián -Mellor Película Latinoamericana e Premio do Público-. [Días 25, 28 e 29. Panorama Internacional]
11. Desde allá (Lorenzo Vigas, Venezuela) Unha pequena xoia que mestura homosexualidade, prostitución e crime, con elegancia e sen estridencias. Unha boa mostra do cinema latinoamericano actual. A ópera prima de Lorenzo Vigas foi León de Ouro en Venecia. [Días 26 e 28. Panorama Internacional]
12. Right now, wrong then (Hong Sang-soo, Corea del Norte) Fiel á súa cita anual cos grandes festivais, con películas recentes como In another country ou Hill of freedom, Hong Sang-soo volveu a constatar a súa calidade cinematográfica alzándose co Leopardo de Ouro no Festival de Locarno. [Días 28 e 29. Panorama Internacional]
O roteiro pola península
As mil e uma noites
Non fai falta percorrer o mundo para ver bo cinema, de feito non fai falta nin saír do país. Un ano máis Cineuropa nútrese dun bo puñado de obras de Galicia e se queremos máis, alén da beira do Miño ou o Eo, hai outras moitas imaxes que descubrir nesta península poboada de prolíficos pobos.
1. As mil e uma noites (Miguel Gomes, Portugal). En apenas dez anos e catro longametraxes Miguel Gomes converteuse nun autor de referencia, non só en Portugal, senón en todo o mundo. O Premio Cineuropa desta edición chega a Compostela coa que é a película-evento do festival, unha relectura do clásico As mil e unha noites para falar da Portugal de hoxe. Seis horas de metraxe divididas en tres volumes que poderemos ver seguidas ou en días distintos. [Vol. I días 13, 24 e 15; Vol. II días 14 e 16; Vol. III días 14 e 17. Sección Oficial]
2. Um dia normal (Barbara Reis, Portugal) O xornal portugués Público celebrou o seu vinte e cinco aniversario cunha película de 24 horas composta por planos dun minuto que funcionan como retrato do país. Agora, tras o seu paso por DocLisboa preséntase unha nova montaxe dunha hora de duración. [Día 16. Disidencias]
3. John From (João Nicolau, Portugal) O director João Nicolau convídanos a pasar un verán na vida -e na mente- dunha quinceañeira chamada Rita. A película que vén da Mostra de São Paulo fai parada en Santiago antes de chegar ao Festival de Sevilla onde compite en Nuevas Olas. [Días 17 e 18. Sección oficial]
4. Frankenstein-04155 (Aitor Rei, Galicia) Apenas dous anos despois da traxedia do tren Alvia, Aitor Rei indaga neste documental sobre as causas e as responsabilidades do accidente. A película foi producida pola plataforma de vítimas que sacaron adiante un crowdfunding con máis de 1.500 mecenas. [Día 18. Docs Cineuropa]
5. El nome de los árboles (Ramón Lluis Bande, Asturies) Ramón Lluis Bande percorre Asturies co seu equipo buscando os sitios onde a represión franquista acabou cos maquis. Unha procura que iniciou co seu anterior traballo Equí e n’otru tiempu que tamén poderá verse en Cineuropa. [Día 20. Disidencias]
6. Caudillo (Basilio Martín Patino, España) Non hai que perder nunca de vista a obra de Basilio Martín Patino porque é necesario volver a ela en calquera momento para entender mellor esta España desmemoriada. Neste traballo de 1977, realiza unha particular montaxe coas imaxes de Franco pero na clandestinidade e coas trabas propias tras o balbordo que causou Canciones para después de una guerra. Non é coincidencia que se proxecte o 20 de novembro. [Día 20. Docs Cineuropa]
7. La academia de las musas (José Luis Guerín, España) Guerín é posiblemente un dos cineastas máis libres, reflexivos e intelixentes que temos, por iso non podemos deixar de esperar a súa obra coas máis altas das expectativas. Este Premio Cineuropa (2007) vén de presentar a súa película no Festival de Locarno. [Días 20 e 21. Sección Oficial]
8. Viagem ao princípio do mundo (Manoel de Oliveira, Portugal) Aínda que moitos xa crían -e esperaban- que a súa inmortalidade era un feito, este ano deixounos aos 106 anos o cineasta portugués por excelencia. Ata o último suspiro traballando, o ano pasado puidemos ver a súa última obra O Velho do Restelo e este ano recupérase esta película de 1997. [Día 22. Lembranza]
9. Isla bonita (Fernando Colomo, España) O director de Bajarse al moro ou Los años bárbaros, volve á gran pantalla coa intención de levantarse tras un par de patinazos. Esta volta supón ademais o seu protagonismo alén da cámara, pois el mesmo interprétase cal Woody Allen ou Louie CK. [Días 24 e 26. Sección Oficial]
10. Mi querida España (Mercedes Moncada, España) O xornalista Jesús Quintero entrevistou ao longo dos anos a miles de personaxes da máis variada condición: políticos, deportistas, aristócratas, sindicalistas, empresarios, delincuentes... Con este inmenso arquivo a directora Mercedes Moncada elabora unha radiografía da historia recente de España, a oficial e a marxinada. [Días 24 e 26. Docs Cineuropa]
11. El Rey de La Habana (Agustí Villaronga, España) O director da recoñecida Pa Negre lánzase nesta ocasión a retratar a base da sociedade cubana dos 90. Este achegamento á pobreza, o sexo e a miseria a través dun adolescente xerou moita polémica ao seu paso por San Sebastián, pero a súa actriz Yordanka Ariosa fíxose coa Cuncha de Prata. [Días 27 e 28. Sección Oficial]
12. Panorama Audiovisual Galego. Para ser xustos necesitariamos outra ducia de filmes para sinalar todo o cinema galego que hai que ver, por iso poñemos en valor a sección dedicada a el. Nela atopamos curtametraxes avaladas por Locarno como Eco de Xacio Baño ou Estrato de la imagen de Lois Patiño, tamén documentais que pasaron por outros festivais como La imagen reb/velada de Andrea Vázquez -Festival de Lima- ou Gran Hotel de Xurxo Chirro -Festival Mar de Prata-. .
O roteiro da man dos grandes directores
Our little sister
Este ano na cota de directores europeos hai pesos pesados como Terence Davies ou mais novos como Giorgios Lanthimos, pero se hai que destacar unha xeografía esa é a asiática con nomes propios como Jia Zhangke, Kawase, Kore-eda ou Apichatpong Weerasethakul, case nada. É a ruta máis segura, camiñando por ela é difícil non acertar aínda que iso non quere dicir que sexa un camiño de rosas. Hai lugar para o entretemento pero tamén filmes esixentes e auténticos retos, en calquera caso a recompensa ao final do camiño paga a pena.
1. Sunset song (Terence Davies, Reino Unido) Un relato ambicioso, extenso e espectacular que segue a vida dunha muller escocesa no primeiro terzo do século XX. Terence Davies desenvolve con soltura a épica da narrativa clásica nesta adaptación da famosa novela de Lewis Grassic Gibbon. [Días 6, 7 e 8. Sección Oficial]
2. Mountains may depart (Jia Zhangke, China) Eterno aspirante á Palma de Ouro con cada unha das súas películas, Jia Zhangke é un dos directores asiáticos de referencia. O director de A touch of sin, tráenos agora un drama ambientado na China de finais do século pasado. [Días 7, 8 e 9. Panorama Internacional]
3. An (Naomi Kawase, Japón) O filme que foi traducido polas distribuidoras como Unha pastelería en Tokio, anuncia desde o seu título que nos atopamos ante un conto doce. Unha nova entrega de sensibilidade e emoción da xaponesa Naomi Kawase, que xa nos conquistou o ano pasado en Cineuropa con Still the water. [Días 7, 8 e 10. Panorama Internacional]
4. Our little sister (Hirozaku Kore-eda, Japón) Quen vise anteriores traballos de Kore-eda como Kiseki ou Like father, like son, sabe que o director xaponés ten unha capacidade especial para facer un cinema emocionante e convencional ao que non se lle pode reprochar nada. Agora continúa a senda neste sentido con outro drama familiar centrado en tres irmás que descobren, precisamente á súa irmá pequena. [Días 7, 8 e 10. Panorama Internacional]
5. Izgnanie (The banishment) (Andrei Zvyagintsev, Rusia) Unha das películas con máis forza e personalidade da pasada edición de Cineuropa foi Leviatán. Consciente diso, o festival recupera agora a ópera prima de Zvyagintsev, un cineasta fundamental na cinematografía rusa actual. [Día 9. Cineuropa-Recomenda]
6. Eisenstein in Guanajuato (Peter Greenaway, Holanda) O director británico estivo presente na primeira edición de Cineuropa, o que sempre fai especial o regreso das súas películas. Neste filme que pasou por Berlín, mostra o período no que o mítico cineasta soviético Sergei Eisenstein ficó en México e rodou varias películas. [Días 13, 14 e 16. Sección Oficial]
7. The lobster (Giorgos Lanthimos, Grecia) Con Canino e Alps Giorgios Lanthimos gañouse o recoñecemento dos festivais, da crítica e do público. A particular mirada do grego continúa retando ao espectador na súa película máis internacional protagonizada por Colin Farrell e Rachel Weisz. [Días 14, 16 e 17. Sección Oficial]
8. El botón de nácar (Patricio Guzmán, Chile) O director de Cineuropa, José Luis Losa, advertiu ao público que este documental chileno pode ser a The Salt of the Earth deste ano, na medida que é un documental de forte carga emocional que pode conquistar aos espectadores. É un maxistral exercicio de cinema e memoria histórica, na liña poética do seu anterior traballo Nostalgia de la luz pero cun compoñente político máis marcado. [Días 21 e 22. Panorama Internacional]
9. Mia madre (Nanni Moretti, Italia) Moretti proxecta un drama familiar ao redor dunha directora de cinema para falar das relacións familiares pero tamén da súa profesión. É un intenso drama sobre o impacto que as enfermidades teñen nunha contorna familiar pero á vez é unha comedia divertidísima cada vez que John Torturo aparece en escena. [Días 21, 22 e 23. Sección Oficial]
10. La calle de la amargura (Arturo Ripstein, México) De Arturo Ripstein, Premio Cineuropa desta edición, temos a sorte de poder ver un nutrido número de traballos a través da súa retrospectiva, pero ademais estrea o seu último traballo que vén avalado pola crítica tras pasar por Venecia e Toronto. [Días 21 e 27]
11. Cementery of splendour (Apichatpong Weerasethakul, Tailandia) Á reunión de grandes directores asiáticos que se dan cita nesta edición de Cineuropa non podería faltar o director tailandés de nome impronunciable para bocas occidentais que se fai chamar simplemente “Joe”. Weerasethakul é un dos directores de culto mellor valorados a nivel internacional, co seu último traballo temos unha nova oportunidade para saber por que. [Días 27 e 28. Panorama Internacional]
12. The boy and the beast (Mamoru Hosoda, Japón) Un dos directores de animación xaponeses máis prestixiosos aterra coa súa última película en Cineuropa, para lexitimar co seu bo facer un xénero que non está reservado só aos máis pequenos. Unha historia fantástica dun neno atrapado nun mundo sobrenatural que posúe unha interesante lectura social. [Días 27, 28 e 29. Fantastique Compostela]