Turner na Tate Britain

Sol poñéndose nunha lagoa. 1840. J. M. W. Turner © Tate Britain

A exposición EY. O último Turner. A pintura liberada  é o título da exposición centrada na figura de J. M. W. Turner, organizada pola Tate Britain en Londres. Forma parte das numerosas exposicións que actualmente se poden visitar na cidade: no Victoria and Albert Museum atópase a mostra sobre Constable (Constable: a formación dun mestre), H. P. Horst (Horst: Fotógrafo do Estilo) e a evolución dos traxes de noivas (Vestidos de voda. 1775-2014). Na William Morris Gallery os retratos de Jane Morris pintados e debuxados por Rossetti (A obsesión de Rossetti: imaxes de Jane Morris). Na National Gallery a e exposición das últimas obras de Rembrandt (Rembrandt. Os traballos tardíos) e o seu lado, na National Portrait Gallery, as exposicións acerca do movemento sufraxista (Sufraxistas: feitos, non verbas), dos Tudor (Os Tudor reais: reis e raíñas redescubertos) e de William Morris (Anarquía e Beleza. William Morris e o seu legado. 1860-1960). 

 

Innovacións

Coincidindo coa estrea da película Mr. Turner de Mike Leigh, a exposición deste pintor romántico recolle a produción pictórica dos seus anos finais

Coincidindo coa estrea da película Mr. Turner de Mike Leigh, a exposición deste pintor romántico recolle a produción pictórica dos seus anos finais. Ferozmente criticada por académicos e parte do público entre 1835 e 1850, as obras de Turner son, tanto a nivel técnico coma de linguaxe visual, dunha lucidez extrema. As obras están distribuídas en seis salas, xirando cada unha delas entorno a unha temática. A primeira sala analiza as innovacións de Turner respecto a composición, luz, cor, pincelada (uso de espátula), así coma novos tipos de pinceis e soportes (lenzos octogonais). Dúas paletas empregadas polo artista xunto cos seus lentes, comparten espazo con cadros referidos a vida de Turner -Turner no Día do Barnizado na Academia (1840), O interior da galería de Turner. O artista mostrando as súas obras (1851)-.

As obras que serven de modelo das innovación do artista divídense en lenzos -Sol poñéndose nunha lagoa (1840), O heroe das cen batallas (1847), acuarelas -A cidade e palacio de Eu (1845), Eu a luz da lúa (1845)- e albumes de apuntes. A gama cromática turneriana é sobria pero cuns matices moi ricos. Inclúe branco, azul intenso, violeta pastel, gris, laranxa forte, dourado, ámbar, rosa en distintas tonalidades, negro, vermellón, carmín, pardo e marrón cobrizo. Turner fusiona as cores mediante pinceladas soltas, diluíndo os contornos e abstraendo as formas, trasladando pictóricamente o poder e drama das forzas naturais. 

 

Viaxando por Europa.

As viaxes de Turner por Europa están divididas en dúas partes. A segunda sala da exposición está dedicada enteiramente as obras realizadas durante as súas estancias en Venecia. Contemplando estas obras obsérvase que Turner pinta de forma preferente o luscofusco. Aproveita todas as gradacións, toda a potencia plástica dunha luminosidade cálida, densa, entre nubes grises e ceos azuis. Exemplos delo son Acercándome a Venecia (1844) e Indo o baile (1846). Esta clase de pintura dos anos 40 fascina entre outros a John Ruskin, quen defende a Turner fronte o desconcerto xeral. A terceira sala reúne os traballos e apuntes froito dos traxectos pola propia Inglaterra, Dinamarca, Bohemia, Val de Aosta, Francia, Bélxica, Luxemburgo, Alemaña, Suíza e a costa norte francesa, viaxes realizadas no tempo de dez anos, de 1835 a 1845.

As acuarelas e libros de pequeno tamaño recollen os rápidos bocetos de Turner. As montañas reflexadas nas lagoas, o rápido paso das nubes polo vento, a desaparición do límite entre ceo e mar aparecen en boa parte dos debuxos. Son notables apuntes coma Lago Lucerna: a bahía de Uri, dende Brunnen (1841-1842), Heildelberg: abrente (1842) e Ehrenbreitstein (1845) nas que Turner capta a transición instantánea e unión dos elementos -auga, aire, terra-. Nelas a distinción entre persoas, edificios e obxetos comeza a ser difusa en plena Natureza.

 

Shakespeare, as Guerras Napoleónicas…

O incendio nas casas dos lores e dos comúns do Parlamento (1834), A despedida de Hero e Leandro (1837), Cicerón na súa vila (1839), Baco e Ariadna (1840), Luz e cor. (A teoría de Goethe) – A mañá despois do diluvio (1843), Sombras e escuridade: a tarde do diluvio (1843) conforman algunhas das pinturas nas que Turner trata a literatura, a historia e mitoloxía clásica ou feitos contemporáneos. Tamén fan honra os mestres admirados por Turner (Regulus, pintado en 1837, é unha homenaxe magnífica o artista francés Claudio de Lorena). Todas elas son pezas profundas e trascendentais, fortemente ligadas a propia interpretación de Turner do presente, e constitúen algunhas das obras mais belas do pintor.

Entre elas cóntase A treboada de neve (1842) que mostra un pequeno barco loitando no medio dun mar embravecido entre a neve e o vento. Paz – Enterro no mar (1842) é unha conmemoración do seu amigo o pintor David Wilkie. Turner plasma o seu funeral no mar de noite nunha escea silenciosa e reflexiva. Xunto a estas obras aparece Choiva, vapor e velocidade. O Gran Ferrocarril do Oeste (1844). No lenzo aparece a última tecnoloxía, o Gran Ferrocarril do Oeste, víndose de fronte entre fortes choivas e vento. A composición rómpese ca marcada diagonal da ponte, mentres a paisaxe, o tren e a ponte están desmaterializadas pola impresión do aire en movemento e o traslúcido da choiva, a deformación visual da velocidade e o evanescente do vapor. Turner tamén emprega contrastes de texturas rugosas e lisas, intensas gamas cálidas de cor xunto as frías e pinceladas visibles fronte as veladas. O resultado é por tema e técnica, un símbolo da era contemporánea.

 

O mar.Os últimos traballos

A quinta sala ocupa unha das grandes paixóns de Turner: o mar. Píntao constantemente, prestando sobre todo atención os momentos de maior gloria dos lóstregos e das treboadas. É capaz de representalo coma unha paisaxe o borde do caos (Paisaxe do mar con trebón cerca, 1840), así coma mostrar a súa forza e liberdade (Mar embravecido, 1840-1845) ou a percepción dun mundo de fantasía (Amencer con monstros do mar, 1845). A sala alberga lenzos e acuarelas que falan das horas invertidas debuxando, pintando, buscando, vivindo o mar. Olas rompendo contra o vento (1840) ven a ser unha das imaxes que mellor traduce a sensibilidade e intelixencia de Turner co sublime dos océanos.

Entre 1844 e 1850 Turner leva un maior grado de transparencia, case etérea, os seus cadros. Aínda cando disminue o ritmo de traballo (de feito en 1846 apenas pinta), en 1849 volve de novo a pintar para presentar a súa exposición en 1850. Na sexta sala están presentes desta época Aurora dende o cumio de Rigi (1844), Lago Lucerna: a bahía de Uri dende o alto de Brunnen (1844), Europa e o touro (1845), O castelo de Norham. Alborada (1845), Mercurio enviado para advertir a Eneas (1850) e A saída dos barcos (1850). Turner mostra paisaxes transformadas en sucesivas transicións cromáticas e de texturas na tela, sen apenas motivos gráficos identificables. A derradeira vista a sala ten a impresión de que incluso as pinturas só esbozadas, teñen este carácter precursor no florecemento artístico final de Turner.

Sol poñéndose nunha lagoa. 1840. J. M. W. Turner © Tate Britain
A treboada de neve. 1842. J. M. W. Turner © Tate Britain
O castelo de Norham. Alborada. 1845. J. M. W. Turner. © Tate Britain

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.