Twain en Camelot

Capa do libro © Kalandraka Editora

A literatura é a vida cando a vida é unha aventura. E así foi para Mark Twain, o pai da novelística estadounidense moderna, un auténtico portento da natureza que fixo de todo e en todos sitios, pois nos seus sesenta e cinco anos de vida pouco houbo que non coñecese ou experimentase.

Nacido en Florida en 1835, ben pronto foi levado pola súa familia á beira do río Mississippi, onde se establecerían nunha pequena vila, Hannibal, con porto fluvial e mil historias que aprender para logo as contar. Desa súa estancia, de todo o que alí veu, oíu e gozou nacerían logo As aventuras de Tom Sawyer e aínda As aventuras de Huckleberry Finn.

Alí foi tamén onde o demo da tinta o atacou por vez primeira. Comezou, así, a traballar nunha imprenta local e, pouco despois, de tipógrafo do Hannibal Journal, o periódico que dirixía o seu irmán máis vello, Orion. Foi naquel rotativo provinciano e pintoresco onde apareceron os primeiros artigos de Twain, nun momento no que aínda se conformaba con relatar o mundo sen vivilo.

Un ianqui na corte do rei Artur foi á novelería histórica e bretonizante do seu tempo o que o Quixote fora no seu ás novelas de cabalería. Acabou con elas non por peche, senón por reconversión do negocio

Mais ben pouco lle duraría aquel vagar repousado e botouse aos camiños para ser primeiro impresor en Nova York e Filadelfia, máis tarde piloto dun barco de vapor que cruzaba o Mississippi, logo mineiro nas lonxincuas terras de Nevada e aínda soldado confederado, para rematar regresando ao periodismo, que sería a súa dedicación definitiva ata o seu pasamento en Connecticut en 1910.

Pois ben, se hai unha obra na que o espírito inquedo, crítico, irónico e descrido de Twain tomou corpo esa é, a non dubidalo, Un ianqui na corte do rei Artur, relato desmitificador, distopía no pasado na que se fala sempre do presente e a súa problemática servíndose dese sutil subterfuxio de transposición temporal.

Divertida como poucas, Un ianqui na corte do rei Artur foi á novelería histórica e bretonizante do seu tempo o que o Quixote fora no seu ás novelas de cabalería. Acabou con elas non por peche, senón por reconversión do negocio. Despois de Twain esta escrita medievalizante de tinturas arcaicas ficou definitivamente arrombada para dar paso a unha nova realidade literaria: a novela crítico-social de ambientación histórico-mítica.

A explotación, a superstición, o engano e a ignorancia dese mundo de cabaleiros da Táboa Redonda son as mesmas que Twain quixo denunciar na Norteamérica finisecular

As peripecias do mecánico Hank Morgan que, logo de sufrir un accidente e quedar inconsciente, aparece fantasticamente no Camelot de Artur sérvenlle a Twain —a través do tamén moi cervantino recurso do manuscrito atopado— para describir os sensentidos e absurdos sociais do seu tempo, véndoos reflectidos nese espello prebrechtiano que é ollalos no ridículo de séculos pasados. A loita de clases, as convencións e hipocrisías, as desigualdades e abusos, os costumes obsoletos e as prácticas inxustas e arbitrarias van desfilando por esta corte artúrica de cabaleiros e damas abraiados ante os portentos tecnolóxicos que é quen de poñer a funcionar Morgan, pero que, lonxe de mudar as súas mentalidades, non fan senón acusalas en negativo.

A explotación, a superstición, o engano e a ignorancia dese mundo de cabaleiros da Táboa Redonda son as mesmas que Twain quixo denunciar na Norteamérica finisecular que lle tocou vivir e que é, no esencial, o mesmo mundo que nós hoxe padecemos.

Como o propio Twain lembraba sempre, “a raza humana ten unha arma verdadeiramente eficaz: a risa”

Por iso, esta competente tradución de Carlos Acevedo da moi amena Un ianqui na corte do rei Artur é un novo albo da división narrativa de Kalandraka Editora, quen recupera para o lectorado galego un título clave das letras occidentais, versionado en múltiples ocasións, traducido a unha chea de idiomas e adaptado cinematograficamente varias veces.

Para pequen@s e grandes, apocalípticos e integrados, tirios e troianos, Un ianqui na corte do rei Artur resultará unha lectura máis que agradecida, porque, como o propio Twain lembraba sempre, “a raza humana ten unha arma verdadeiramente eficaz: a risa”.

Capa do libro © Kalandraka Editora

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.