Unha ducia de filmes para non (se) perder en Cineuropa

Fotograma de 'Stray Dogs', de Tsai-Ming-linag Dominio Público Praza Pública

"Un festival está para que nel atopes películas que ames ou que detestes, pero non para que che deixen indiferente". Desta apaixoada premisa parte o inxente programa da 27 edición de Cineuropa, o encontro de cinefilia que cada novembro (entre o 7 e o 29) dirixe José Luis Losa.

É, coma sempre, Santiago de Compostela o punto xeográfico que volve albergar o paradoxo de posuír un dos festivais de cinema máis estábeis e prestixiosos do Estado; a cidade sen cines, circunvalada por un deserto XXL de cancelas Cinesa –onde só un grupo de mozos mantén un pequeno facho aceso no cineclube-. Santiago de Compostela e a súa cita anual de resistencia cinéfila pola que cada vez se interesan máis os de fóra. No centro dun país de programación ultraconservadora na maioría das salas, azoutado polo castigo institucional á cultura, obstaculizado por unha subida insólita do IVA, que deosta a versión orixinal e fomenta o cine como un paraíso máis da comida lixo. E en medio do temporal económico e da estratexia de asfixia cultural, Cineuropa programa 190 filmes, entre as máis destacadas películas internacionais do ano e o regalo dalgunhas xoias semiagochadas doutros tempos.

Por se alguén se perde na marea de títulos, aquí van unha ducia de filmes imprescindíbeis para o director, José Luis Losa: 1: Night Moves, de Kelly Reichardt. 2: Le dernier des injustes, de Claude Lanzmann. 3: The unspeakable act, de Dan Salitt. 4: Stray Dogs, de Tsai-Ming-liang. 5: L'Inconnu du Lac, de Alain Giraudieu. 6: Heli, de Amat Escalante. 7: Camille Claudel 1915, de Bruno Dumont. 8: L'Image Manquante, de Rity Panh. 9: Jeune & Jolie, de Francóis Ozon. 10: Tom a la Ferme, de Xavier Dolan. 11: La Jalouise, de Philippe Garrel. 12: La Grande Bellezza, de Paolo Sorrentino.

 

1) Night Moves

Night Moves é a historia de tres activistas ecoloxistas que argallan a explosión dunha presa hidroeléctrica, fonte e símbolo de succión de enerxía, cultura industrial que desprezan

A favorita do director de Cineuropa plantéxase a pregunta “que facer cando conviccións lexítimas esixen comportamentos ilegais?”. Night Moves é o novo da cineasta independente Kelly Reichardt, que asina con esta a súa quinta longa, protagonizada por Dakota Fanning, Peter Sarsgaard e Jesse Eisenberg. A película ten trazas de se convertir en filme de culto de boa parte da crítica e do público. Night Moves é a historia de tres activistas ecoloxistas que argallan a explosión dunha presa hidroeléctrica, fonte e símbolo de succión de enerxía, cultura industrial que desprezan. Unha engrenaxe moi ben configurada de personaxes, tensións, motivacións encontradas e escenarios. A crítica máis allea ao filme fixo recaer a polémica nunha suposta “lentitude” de acción.

2) Le dernier des injustes

O último dos inxustos é a última produción do cineasta e dura case 4 horas. Trátase dunha entrevista que o director realizou en 1975 a Benjamin Murmelstein, un intelectual xudeu que durante a guerra colaborou cos nazis

"Confío en que a metraxe desa obra mestra absoluta de Claude Lanzmann que é Le dernier des injustes non desanime a ninguén porque a visión imprescindíbel –comenta José Luis Losa-. Agora pregúntome se non tería sido pertinente programar con anterioridade Shoah, para que aqueles que non o coñecen puidesen situar a Lanzmann nese lugar seu de lendario narrador visual do holocáusto. Le dernier des injustes é unha desas obras ante as cales suscítanse todos os interrogantes que abren as películas esenciais da historia do cine. Como é posíbel que Lanzmann tivese esta entrevista filmada desde 1975 e non vise antes a luz? Lanzmann ten 88 anos. Se tivese falecido esta portentosa indagación na zona gris entre o mal absoluto e o instinto de supervivencia talvez nunca se faría cine". O último dos inxustos é a última produción do cineasta e dura case 4 horas. Trátase dunha entrevista que o director realizou en 1975 a Benjamin Murmelstein, -un intelectual xudeu que durante a guerra colaborou cos nazis nun campo de concentración na República Checa, como única forma de garantir a súa supervivencia-, e que nunca vira a luz. O labor de Murmelstein era participar nun suposto embelecemento do campo de concentración, creado para finxir unha imaxe utópica do horror que se puidese vender á opinión pública.

3) The unspeakable act

A terceira imprescindíbel de Losa é a historia dun incesto fallido entre irmáns con desarmado candor

A terceira imprescindíbel de Losa é a historia dun incesto fallido entre irmáns con desarmado candor. Entre o tenro e o incisivo, a película desdobra suavemente aos personaxes para revelar o amor confundido no seu corazón. Lonxe da psicose, da enfermidade, afronta os anhelos e a angustia.

4) Stray Dogs

Premiada e politicamente controvertida para o sector máis conservador, Stray dogs, de Tsai Ming-liang -o máis destacado realizador da Segunda Ola do cine taiwanés xunto a Hou Hsiao-hsien-, aborda a vida dunha familia que subsiste nos suburbios de Taipei. Un pai e os seus fillos que viven na rúa e subsisten co emprego de Home anuncio con cartel do proxenitor, o actor fetiche Le Kang-sheng á fronte do reparto. A propósito das críticas á ritmo dos filmes, como acontece con Night moves, Tsai Ming-liang posiciónase abertamente: “A lentitude é tan fermosa como a vellez” e reivindica outros modos de narrar “nun mundo onde prevalece a velocidade”.

A propósito das críticas á ritmo dos filmes, Tsai Ming-liang posiciónase abertamente: “A lentitude é tan fermosa como a vellez” e reivindica outros modos de narrar “nun mundo onde prevalece a velocidade”

“Mellor facerse un Boyero que molestar". "Entenderá o público a excelencia insubornábel de Tsa-ming-liang en Stray Dogs? –pregúntase o director de Cineuropa-. Na súa estrea mundial, hai tres meses en Venecia, tiña sentado ao meu lado na proxección a Michel Ciment, o megahistórico crítico de cine francés da revista Positif e autor do libro máis lido sobre Elia Kazan. Pois ben, Ciment pasou a segunda parte da proxección bufando, manifestando o seu desprezo, irritado ante os dous últimos planos-secuencia que coroan a película. Cheguei a pensar, ante unha actitude así, que é moito máis respectábel facerse un Boyero, isto é, largarse aos quince minutos a pasear á rúa pero, polo menos respectar ao espectador que tes á beira. Pero, se iso pensa Ciment da película de Tsai-mimg-liang: como deslexitimar a un espectador que diga que lle aburre soberanamente Tsai-ming-lian?”.

5) L'Inconnu du lac

Para algúns, a sombra de Hitchcock é alargada neste filme, que mestura o thriller e a sexualidade, co protagonismo dun mozo chamado Franck cando namora do descoñecido, Michel. Todos os personaxes son masculinos, todos eles nun lago deserto e nos seus boscosos arredores. O descoñecido do lago arrinca cunha forte tensión amorosa que desemboca en xénero policiaco con algúns dos seus elementos típicos, como a chegada dun sereno e encorvado detective e as preguntas que vai formulando a Franck e Henri, principais sospeitosos dun crime.

6) Heli

“A Heli en Cannes coñecíana como a película da pirola feita chistorra. Moitos quedaron no epidérmico desa secuencia de tortura, cando en realidade hai moito máis, un exhaustivo e demoledor relato nihilista dunha sociedade onde a vida non vale nada"

Segundo relata Losa, “a Heli en Cannes coñecíana como a película da pirola feita chistorra. Moitos quedaron no epidérmico desa secuencia de tortura, cando en realidade hai moito máis, un exhaustivo e demoledor relato nihilista dunha sociedade onde a vida non vale nada e non hai un só valor ao que aferrarse”. E é que o último filme do mexicano Amat Escalante será recordada pola secuencia dun mozo colgado do teito ao que, logo dunha boa malleira, préndenlle lume nos xenitais. A escena deu pe a un debate previsíbel sobre “o dereito dun director a estender o castigo aos seus espectadores, obrigándoos a mirar”. Alén, moito máis que recreación artística na violencia, Heli aborda en realidade o que en México converteuse en cotián, despoxándoo de artificio para subliñar unha esencia amoral. Heli foi exhibida en Cannes ante un xurado presidido polo conservador Steven Spielberg, que, porén concedeulle a Amat Escalante o premio a mellor director.

7) Camille Caludel 1915

Un tesouro para os amantes de Juliette Binoche, que en Cineuropa sempre foron tropa

Un tesouro para os amantes de Juliette Binoche, que en Cineuropa sempre foron tropa. Tomando como base a correspondencia e reportes clínicos da escultora Camille Claudel, Bruno Dumont realizou o guión da película Camille Claudel 1915, que nos achega, a través duns cantos días, ao encerro que viviu Camille no manicomio de Montdevergues. Lonxe de ser un biopic ao uso, trátase dun retrato sen concesións ao espectador. Os planos sostidos fannos partícipes da agonía que viviu a escultora e a angustia pola imposibilidade de volver traballar.

8) L'Image Manquante

Do comprometidísimo cineasta Rithy Panh, un prestixioso documentalista das masacres en Camboxa, Cineuropa trae L’image manquante, gañadora da competición Una Certa Mirada no festival de Cannes deste ano. O tratamento visual é moi arriscado. Grande parte da metraxe fórmana decorados con impasíbeis figuras de plastilina que representan a familia do director e outros habitantes de Camboxa no rural dos anos 70. Esta recomposición en miniatura acompáñase dunha voz en off e de imaxes de arquivo contextualizadas, canda imaxes reais e actuáis que poñen a ollada na herdanza dos nosos días.

9) Jeune & Jolie

Jeune & Jolie constrúese como unha revisión de Belle de Jour de Buñuel. E tamén un filme sobre a mirada que arrinca cun plano voyeur, coa sombra duns prismáticos

François Ozon organiza este filme en catro estacións, seguindo os Contos de Rohmer. Catro fases protagonizadas unha modelo profesional, Marine Vacht, que executa unha fría e elegante interpretación, que parecen desencadearse por si mesmas a raíz da situación da protagonista, unha nova e bela adolescente, en pleno descubrir da súa sexualidade. Jeune & Jolie constrúese como unha revisión de Belle de Jour de Buñuel. E tamén un filme sobre a mirada que arrinca cun plano voyeur, coa sombra duns prismáticos.

10) Tom a la Ferme

Co que é o seu cuarto título, Dolan practica un thriller psicolóxico cunha evidente e para algúns insolente carga homoerótica marca da casa

O novo prodixio do cine, o canadiano Xavier Dolan, 24 anos, convenceu a crítica e público cun intrigante thriller psicolóxico sobre identidade sexual, hipocrisía e mentiras. Co que é o seu cuarto título, Dolan practica un thriller psicolóxico cunha evidente e para algúns insolente carga homoerótica marca da casa. Protagonista, coguionista e até montador do seu filme, unha adaptación da obra teatral de Michel Marc Bouchard, Dolan interpreta a Tom, un mozo profundamente deprimido pola morte do seu amante, que vai coñecer á familia do defunto. Aí iníciase un macabro xogo de mentiras, ameazas e perversións co escenario do descoñecemento da homosexualidade por parte da nai.

11) La Jalouise

A penúltima película imprescindíbel para o director de Cineuropa é unha longametraxe onde Philippe Garrel segue fiel ao seu estilo de retratar ao home metido no amor. Unha historia de amor dun home que, porén, ten no seu pasado outra muller coa que tivo unha nena, a quen abandonou.

12) La Grande Bellezza

"A verdade, teño moitas ganas de ver como se divide a proporción de amores e odios en casos tan bulliciosos como La Grande Bellezza"

"A verdade, teño moitas ganas de ver como se divide a proporción de amores e odios en casos tan bulliciosos como La Grande Bellezza, tan candentes como Heli, tan intelixentemente imprevisíbeis como L'Inconnu du Lac. As tres foron das que mais deron que falar en Cannes", expresa Losa. La grande belleza de Paolo Sorrentino é un excelente exercicio formal e un retrato mordaz e fermoso dunha cidade e as súas xentes, dunha Roma que nega a súa agonía buscando na gloria do seu pasado. A Roma da Capela Sixtina é tamén a Roma da frivolidade, das modelos operadas e da droga de Berlusconi. O protagonista é un xornalista que comeza unha viaxe ao pasado e ao exterior para buscar os signos de beleza que o abandonaron. Para iso, atrévese a romper as súas rutinas e transitar novos e alonxados escenarios.

 

Prezos Económicos

O acceso é gratuíto para as 60 películas que compoñen o ciclo de cinema italiano. E tampouco haberá que pagar para ningún dos filmes do maratón de dous días sobre JFK

O custo de cada entrada co abono é de 3 euros. De 4 euros sen o abono. O acceso é gratuíto para as 60 películas que compoñen o ciclo de cinema italiano. E tampouco haberá que pagar para ningún dos filmes do maratón de dous días sobre JFK. Estes dous últimos ciclos gratuítos que, lonxe de caer en títulos obvios, meten de cheo a testa na boca do león para amosar as entrañas do que hoxe somos como planeta.

Ciclo Creo en Italia… Máis che vale!: o Novecento italiano en 60 películas

Cando se nos fodeu Italia? Para velo, estas sesenta películas que compoñen o mosaico dun tempo de despropósitos. De Mussolini a Berlusconi, o desembarco aliado en Sicilia apoiado pola mafia, a Operación Gladio fronte ao risco de que se producise o sorpasso comunista. Do terrorismo negro. Do Príncipe Borghese e as Brigadas Roxas. O da Década de Chumbo, que levou por diante a Mattei, a Pasolini e a Aldo Moro. Todo polo petróleo, pola xeoestratexia. Todo pola pasta. E para contalo, Dino Risi, Mario Monicelli, Luigi Zampa, Scola, Nanni Moretti, cos rostros de Alberto Sordi, de Nino Manfredi, de Tognazzi, Mastroianni ou Gassman. Para denuncialo, Bellocchio, Rosi, os Taviani, Petri, Damiani, Tullio Giordana, Amelio. E os rostros-manifesto de Gian Maria Volonté, de Franco Nero, ou de Trintignant, Noiret e Piccoli.

Ciclo J.F.K. Camelot, Cincuenta anos despois

Coincidindo coa última semana de Cineuropa, o 22 de novembro, cumpriranse 50 anos do asasinato de JFK, “da perda da inocencia dos norteamericanos en Dallas”. Cineuropa prepáranos unha batería de filmes que arrincan con Seven days in may e The Manchurian Candidate. Da America paranoica saen tamén as grandes películas da conspiración, Executive Action, The Trail of Lee Harvey Oswald ou a obra mestra de Robert Aldrich Twiligh’s Last Gleaming.

 

Unha reflexión de corolario

Se cada gozo en celuloide ou DCP é unha petit mort para o espectador, morremos un pouco en cada sala? Aos espectadores de Cineuropa quédalles millóns de fotogramas por vivir

"O número de orgasmos concedidos". “Francamente –conclúe Losa sobre as paixóns cinematográficas-, a miña opinión é que, por exemplo, alguén como o crítico Michel Ciment esgotou a súa capacidade para gozar do cine. Creo que a nosa sensibilidade para gozar do cine, ou polo menos para facelo dun modo puro, non é infinita. É como esa broma sobre que todos temos un número de orgasmos concedidos e, fóra deles, extinguiríasenos ese don. Algo asi quizais acontece co cinema. Ciment non é un vello, ten 75 anos. Pero seguramente emocionouse xa todo o que se tiña que emocionar ante unha pantalla. E agora só aplaude películas-gatillazo e é incapaz de soster a mirada ante o cine realmente nobre". Se cada gozo en celuloide ou DCP é unha petit mort para o espectador, morremos un pouco en cada sala? Aos espectadores de Cineuropa quédalles millóns de fotogramas por vivir. E, ademais, sempre lles quedará reencarnarse no existencialismo zombie e refundar o desexo na carne corrompida, nesa cota de monstros fantásticos aos que fai oco cada ano no ciclo Fantastique Compostela. E mentres, gozar sen medo.

L'Inconnu du lac Dominio Público Praza Pública
Fotograma de CAMILLE CLAUDEL 1915, de Bruno Dumont Dominio Público Praza Pública
Fotograma de 'Heli', de Amat Escalante Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.