Vigo e Pontevedra acollerán a primeira escola galega para escritoras e escritores

Carmela Silva e Francisco Castro, este mércores na presentación da Escola de Letras © Deputación de Pontevedra

Este mércores presentouse en Pontevedra a que será a primeira Escola de Letras de Galicia e unha das primeiras de todo o Estado. Impulsada pola Deputación e pola Editorial Galaxia, a Escola terá como sede as cidades de Vigo e Pontevedra e nela impartiranse obradoiros de escritura de diferentes nivel e modalidades.

A actividade formativa desenvolverase ao longo do curso e estará baseada na realización dos obradoiros, dun máximo de 15 persoas cada un, que estarán dirixidos por escritoras e escritores

A actividade formativa desenvolverase ao longo do curso e estará baseada na realización dos obradoiros, dun máximo de 15 persoas cada un, que estarán dirixidos por escritoras e escritores. En Vigo impartiranse o de Escrita Creativa Básica, o obradoiro Literario de Perfeccionamento, o obradoiro de Poesía de Perfeccionamento e o obradoiro Literario para Maiores. En Pontevedra o de Escrita Creativa Avanzada, o obradoiro Literario de Iniciación, o Literario Avanzado e o obradoiro de Poesía Básico. 

A Escola de Letras tamén acollerá encontros con profesionais do mundo do libro, e recitais con público onde dar a coñecer o froito do seu traballo. Amais, publicarase un libro dentro do Catálogo da Editorial Galaxia que recollerá, cando menos, un traballo por cada participante.

Logo da Escola de Letras © Editorial Galaxia

“Agora, fronte ao ruído que non aporta nada, unha Escola como esta é máis necesaria que nunca porque a cultura é unha necesidade vital. Deixemos a palabrería e démoslle sitio á palabra”, dixo Carmela Silva

Na presentación da Escola de Letras a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacou que Galaxia e o ente provincial levan traballando neste proxecto "máis dun ano" e cualificou a iniciativa como “un soño cumprido que converte a esta provincia de novo nunha referencia”. Silva subliñou que se trata dunha das primeiras Escolas deste tipo en funcionamento no Estado “a primeira que nace coa potencia dun apoio editorial”.

“É unha idea marabillosa, dixo, que apoia directamente ás escritoras e escritores, pero tamén a todas aquelas persoas que gozan escribindo e ás que podemos axudar a crecer na súa paixón”, destacou Carmela Silva, recollendo o lema co que nace a Escola: “Tod@s temos unha historia que contar”. “Agora, fronte ao ruído que non aporta nada, unha Escola como esta é máis necesaria que nunca porque a cultura é unha necesidade vital. Deixemos a palabrería e démoslle sitio á palabra”, concluíu Silva

Francisco Castro subliñou que a Escola de Letras nace co obxectivo de ofrecer ás persoas a posibilidade de contar “as súas historias” e “converter en literatura as súas vidas”

Mentres, Francisco Castro, director da Editorial Galaxia, subliñou que a Escola de Letras nace co obxectivo de ofrecer ás persoas a posibilidade de contar “as súas historias” e “converter en literatura as súas vidas”. “O único requisito marcado para participar, dixo é ter amor pola palabra e a literatura”. Sobre a posibilidade que dará Galaxia a algúns ou algunhas das participantes a publicar os seus textos, Castro destacou que “O importante non é só crear, senón tamén sacar á luz esas creacións”.

Castro agradeceu á Deputación “a súa complicidade coa cultura o que nos axuda a materializar proxectos como este que contribúen a transformar a realidade”. Para as persoas que estean interesadas en participar, a partir deste xoves, 21 de maio, Galaxia habilitará unha conta de correo para que poidan formalizar a súa solicitude, que será atendida por rigoroso orde de entrada.

Francisco Castro e Carmela Silva, este mércores na presentación da Escola de Letras © Deputación de Pontevedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.