Xavier Rodríguez Barrio é poeta Halley. Aparece só moi de vez en cando no ceo literario galego, mais, cando o fai, o seu brillo loce intenso no firmamento das nosas letras.
Fortuna quixo que hai pouco dese á luz Fulguración e Silencio, un poema longo dedicado á lembranza de Xosé María Díaz Castro que editou a Deputación Provincial de Lugo.
Confeccionado materialmente polo Obradoiro do Libro CENTRAD (esa magnífica factoría artesanal que tanto apoia a infatigable Rexina Polín), esta edición numerada é un obxecto artístico admirable. Impreso en papel rústicus fabiano de alta gramaxe, con portadas feitas en policarbonato gravado e encadernado nunha espiral de vimbio, protexido todo por un estoxo de cartón corrugado que deseñou Fonso Castro. Marabilla.
Toda a edición foi coidada ata o mínimo detalle: a publicación ten 14 páxinas, mide 14 X 14 e a espiral de vimbio desliza en 14 punteados, todo en homenaxe ao ano 14, o do nacemento de Díaz Castro e o do actual centenario.
Canto ao poema en si, Rodríguez Barrio lembra o vencello indisoluble que uniu a Díaz Castro con Galicia, máis concretamente cos eidos natais, tal se a eles os xunguise “un fío para o sangue/ un cíngulo de lúas”. Tamén incide no papel decisivo da mater familias, quen o fixo persoa pola “luz nos adentros dun ventre que se abre/ e disemina como un outonar para os días”. Do mesmo xeito, hai espazo para a acordanza dos amigos fraternos, ese “Aquilino evocando pedregais de Seivane/ decruando contigo o idioma, os entusiasmos lentos,/ a orde substantiva da palabra”.
Incluso se vira a atención para os días nas Rías Baixas, coa memoria dos “poñentes de Arousa (...) as nubes submarinas dun ceo interminable,/ tratando de ancorar eternidades/ en cada baixamar de lonxanías”.
Hai nos versos deste Fulguración e Silencio un procurado ton outonizo, unha luz cembada, indecisa, que deixa no tasto os claroscuros das “tempas doídas”, da “dor do equilibrio”, dos “veráns feridos”. É un dicir melancólico e evocador, de “tardes longas” e “sombras caladiñas”, de “anxos/ que non deixan o seu ronsel no aire/ senón no corazón de quen os mira”. Unha poética da Beleza a caer co “ruído do sangue”.
Excelente este Fulguración e Silencio, peza memorable dun Xabier Rodríguez Barrio que rende, así, homenaxe ao amigo e mestre neste ano tan sinalado.