A autoexpulsión de Iago Aspas dálle aire ao Deportivo

Un momento do intenso partido vivido este venres en Riazor © Santiago López

O Deportivo gañou por 3-1 o derbi galego deste venres pola noite en Riazor. O choque estivo marcado pola expulsión de Iago Aspas por propinar un cabezazo a Marchena no minuto 28 con 1-0 no marcador, que lle pode custar o perder varios encontros. Riki, Silvio e Salomao anotaron os goles deportivistas, mentres o surcoreano Park fixo o tanto celeste nada máis encaixar o 3-0.

Fernando Vázquez logrou a súa primeira vitoria como adestrador branquiazul, a cuarta da temporada para un Deportivo que se sitúa a seis puntos da salvación antes de enfrontarse a dous rivais directos como Mallorca e Zaragoza

Fernando Vázquez logrou a súa primeira vitoria como adestrador branquiazul, a cuarta da temporada para un Deportivo que se sitúa a seis puntos da salvación antes de enfrontarse a dous rivais directos como Mallorca e Zaragoza. Un Riazor cheo ata a bandeira despediu ós seus berrando "Sí se puede”. Mentres, o Celta prolonga a súa terrible xeira lonxe de Balaídos. En canto ó extradeportivo, non houbo demasiados incidentes, pero os autobuses do Celta e dos seus afeccionados desprazados, entre 800 e 1000, foron increpados ó chegar ó estadio. Algúns punteiros láser (recollidos na acta), o cántico “Aspas muérete” e a foto de Hugo Mallo, mancado de longa duración, cun cartel de “Se vende” co escudo deportivista e a bandeira portuguesa foron as outras notas negativas.

Fernando Vázquez, ante as baixas en defensa, dispuxo unha zaga formada por Manuel Pablo e Silvio nos laterais e Marchena e Aythami no centro. Mentres, Abel Resino optou por Pranjic acompañando a Oubiña no lugar de Álex López, e por De Lucas e Bermejo no ataque, en detrimento de xogadores como Krohn-Delhi ou Orellana. A súa aposta coa defensa tan adiantada cústalle ó Celta conceder demasiadas ocasións claras ás costas da súa liña de cobertura.

A tensión, os nervios e a escaseza de fútbol caracterizaron os primeiros minutos, ata que apareceu a maxia de Valerón, de novo excelente, para centrar sobre Riki, que controlou e marcou o primeiro para o Deportivo no minuto 8. Os dous centrais célticos quedaban amoestados pouco despois co cartón por man a Demidov. O Deportivo era mellor e cargaba o seu xogo pola esquerda, onde Pizzi poñía en problemas ó canteirán Jonny. Unha boa xogada do portugués culminou cun remate de Riki que desviou Javi Varas, outra vez un dos mellores do Celta.

Tras outro remate de Iago Aspas, o moañés propinoulle un cabezazo a Marchena, o seu marcador, que viu o colexiado Velasco Carballo e lle amosou o cartón vermello directo

A maior posesión celeste, ata o momento infructuosa, fíxoo espertar a partir do minuto 20 cun disparo de Pranjic e un remate de cabeza de Bermejo. Tras outro remate de Iago Aspas, o moañés propinoulle un cabezazo a Marchena, o seu marcador, que viu o colexiado Velasco Carballo e lle amosou o cartón vermello directo. Era o minuto 28, e o Celta quedaba con dez para o resto do encontro e sen o seu mellor xogador para catro partidos se se considera unha agresión. Primeira expulsión na carreira de Iago Aspas e segunda consecutiva do Celta nun derbi trala de Cabral na primeira volta.

Non se notou nos seguintes minutos a superioridade numérica branquiazul. O Celta seguía tocando, pero custáballe un mundo crear perigo na ordenada zaga local. Riki volveu probar a Varas tras outro gran pase de Valerón, mentres que o Celta tivo tres achegamentos sen demasiado perigo antes do descanso por medio de Lucas e de Augusto, que non chegou a rematar. Só un tiro a porta na primeira metade do Celta ante un Deportivo cómodo co resultado e coa súa superioridade numérica.

Quixo ir arriba o Celta no segundo tempo, pero unha entrada de Demidov a Valerón case lle custa a segunda expulsión. Riki tivo a máis clara do seu equipo ó desaproveitar un man a man. Pouco despois outro disparo seu desde a frontal obrigou a intervir a Varas. Abel empezou a mover o banco metendo a Orellana por un desaparecido De Lucas.O partido non estaba sentenciado co 1-0, pero Silvio, lateral esquerdo do Deportivo, enganchou un rexeite da zaga céltica e marcou un golazo pola escuadra desde 20 metros que deixou mirando a Varas. Primeiro gol para unha das fichaxes invernais do Deportivo no minuto 18 da segunda metade que provocou a coñecida carreira pola banda de Fernando Vázquez. O tanto sentenciou o encontro e o Deportivo tivo a pelota e comezou a gustarse.

O Deportivo volve crer no milagre da salvación, aínda que ten que gañar sete partidos dos dez que faltan. O Celta, a tres puntos da permanencia antes de que xoguen os seus rivais directos, perde unha ocasión para respirar

Abel metía a Park por Mario Bermejo, mentres Riazor premiaba con “Olés” ó xogo dos seus. Abel Aguilar, Bruno Gamma e Pizzi puideron facer o terceiro pouco despois. Salomao entraba por Riki e nunha contra, na primeira que tivo, plantouse só diante de Varas, recortou e anotou o terceiro para delicia de Riazor. Krohn-Delhi substituía a Augusto no Celta e na súa primeira aparición servía un balón rematado por Park ó fondo das mallas. Un gol materializado por dous xogadores saídos desde o banco que debería facer pensar a Abel.

En resumo, 3-1 a falta de dez minutos, un resultado que non se movería pese a outra ocasión de Salomao. Cos xogadores do Celta impotentes, Riazor ovacionaba a Valerón ó ser substituído e facía a ola antes de despedir ó seu equipo co cántico “Sí se puede”. O Deportivo volve crer no milagre da salvación, aínda que ten que gañar sete partidos dos dez que faltan. O Celta, a tres puntos da permanencia antes de que xoguen os seus rivais directos, perde unha ocasión para respirar e, sobre todo, ó seu mellor xogador para uns cantos partidos nos que se xoga a permanencia.

Un momento do intenso partido vivido este venres en Riazor © Santiago López

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.