A canteira resucita no Celta e no Deportivo

Domínguez e Oubiña. Ao fondo, Álex Bergantiños e Iago Aspas © Roberto Berdini

No último derbi en Primeira División, hai xa cinco anos, había máis uruguaios que galegos sobre o campo. O único futbolista da terra era Iago Iglesias, coruñés do Birloque e agora no Montañeros. No enfrontamento de rivalidade do pasado mes de novembro, xa en Segunda, nove galegos e dez canteiráns pisaron o céspede de Riazor. Seis coa camisola celeste e catro coa branquiazul. Son outros tempos. Eran outros tempos.

Agora, con paso firme cara a Primeira, Deportivo e Celta asentan na canteira boa parte das súas posibilidades de ascenso. Os vigueses levan tempadas coa aposta e non é estraño que sete ou ata oito canteiráns formen parte dos seus equipos titulares. Logo de cinco anos consecutivos en Segunda e tras superar unha grave crise económica, o club celeste tirou por fin dunha base historicamente prolífica.

Logo de cinco anos consecutivos en Segunda e tras superar unha grave crise económica, o club celeste tirou por fin dunha base historicamente prolífica

Algo semellante ocorre no Deportivo, equipo de onde saíu o único Balón de Ouro do fútbol español. Descendido tras vinte anos consecutivos de éxitos en Primeira e cunha débeda abundante, o presidente Lendoiro insiste no seu obxectivo: “Que a metade do plantel proceda da canteira en 2015”. O Celta está ben preto de conseguilo e o Dépor leva o mesmo camiño. Por desgraza, son poucos os que pensan que este agromar canteirán de ambos os dous clubs proveña dun cambio real de filosofía. Ou polo menos que ese sexa o principal motivo.

Fran “En Galicia sempre tivemos boa materia prima, ás veces cústame entender porque durante tantos anos non saíron máis xogadores”

“Unha das razóns fundamentais é o momento económico dos dous clubs, porque sempre houbo moi bos xogadores na canteira do Celta e na do Deportivo, pero non se lles deu a oportunidade”, asegura Xurxo Otero, canteirán celeste e internacional na década dos 90. “Todo inflúe, pero o descenso a Segunda e a crise económica son a clave da aparición destes rapaces; non hai mal que por ben non veña”, insiste Nacho, ex do Celta e do Compostela, e que coincide co ex deportivista Fran nunha apreciación contundente: “En Galicia sempre tivemos boa materia prima, ás veces cústame entender porque durante tantos anos non saíron máis xogadores”. O de Carreira sabe do que fala. Durante moitas campañas exerceu de símbolo único da canteira e da terra no seu Deportivo. O mesmo papel que primeiro lle tocou a Míchel Salgado e logo a Oubiña no Celta.

Otero: “Tiráronse cartos en futbolistas que non eran nin moito menos mellores que os que había; e ninguén fala de titulares indiscutibles, senón de membros dos planteis que cortaron o paso aos da casa"

“Sempre te ves máis forzado a tirar da túa xente cando non tes recursos ou cando baixa o nivel; agora coincide que temos unha boa xeración, pero tamén un momento económico e deportivo máis precario”, recoñece Tito Ramallo, adestrador do filial deportivista e ex coordinador da canteira branquiazul. Tanto Tito como Otero asumen que “era moi difícil achegar xogadores da base aos que foron os mellores equipos de Deportivo e Celta na historia”. Djalminha, Mauro Silva, Makaay, Mazinho, Karpin, Mostovoi... Todos eles cortaron o paso a moitos, pero tamén é certo que foron outros tantos os que chegaron a ocupar un lugar que xa estaba ben cuberto. 

“Tiráronse cartos en futbolistas que non eran nin moito menos mellores que os que había; e ninguén fala de titulares indiscutibles, senón de membros dos planteis que cortaron o paso aos da casa”, resume Otero. “Todos os clubs, non só Dépor e Celta, esquecéronse dos seus; era unha época de bonanza e pasou o que pasou. Agora tiran dos da casa porque saben que eles sempre van dar a cara. E dana”, insiste Nacho, que lembra que el debutou co conxunto vigués a tempada na que os de Balaídos descenderon “con 23 negativos”.

O Deportivo xuvenil de Xaco ou Deus quedou campión de España. Pouco despois, chegaron Dani Mallo, Viqueira, David, Padín ou Sanromán

Tito Ramallo, malia o seu papel, tamén quere ser xusto: “Moitos dos que pensamos que ían chegar tampouco triunfaron noutros equipos”. El mesmo pertenceu a unha xeración na que destacaron Arturo Patiño ou Mariano. Máis adiante, o Deportivo xuvenil de Xaco ou Deus quedou campión de España. Pouco despois, Dani Mallo, Viqueira, David, Padín ou Sanromán conformaron un conxunto que quedou a un paso da Segunda División. Moitos fixeron carreira noutros conxuntos, pero branquiazuis e celestes comezaron a destacar na elite sen xogadores da terra. Non tiñan sitio.

Por non ter, o Deportivo tivo épocas sen categorías inferiores máis aló dos xuvenís. O potencial económico de Barcelona ou Real Madrid fartaron a un Lendoiro que se sentiu decepcionado pola marcha de futbolistas como Marcos Vales (internacional con Camacho) ou Julio Álvarez e Nano, agora ambos os dous no Numancia, e que deixaron clubs modestos da comarca para fichar polos grandes. Algo semellante lle ocorreu non hai moito ao Celta. Os cartos do Madrid levaron a Joselu e Rodrigo (hoxe no Benfica) e os petrodólares dos xeques acabaron por convencer a Denís, que progresa no Manchester City.

Os cartos do Madrid levaron do Celta a Joselu e Rodrigo (hoxe no Benfica) e os petrodólares dos xeques acabaron por convencer a Denís, que progresa no Manchester City

“Tanto Deportivo como Celta temos a limitación orzamentaria ante xigantes aos que non podemos facer fronte”, resume Tito Ramallo, que no entanto cre que ambos os dous equipos “están traballando moi ben coa canteira”. “É un traballo de moita paciencia e de tranquilidade porque ao final recolles a metade do que traballas”, asume. Otero destaca, ademais, que o traballo coa base dá froitos deportivos, pero tamén económicos. O Madrid pagou ao Celta por Joselu e o Deportivo sacou máis de cinco millóns de euros polo traspaso dun Xisco que, como tantos outros, non se criou desde cativo en Galicia pero chegou para formar parte da base do fútbol galego. Tamén Michu, agora triunfando no Rayo, que se formou no Oviedo. Ou Laure, do Castilla, ou o franco-tunecino Lassad, ou Álex López, que destaca cos celestes pero provén do Racing de Ferrol.

O presente e o futuro de dous equipos que bastarían para conformar unha excelente selección galega

Ademais de todos eles, Álex Bergantiños, Juan Domínguez, Seoane, Rochela, Lago, Hugo Mallo, Yoel, Sergio, Túñez, Vila, Aspas, Oubiña ou Toni. O presente e o futuro de dous equipos que bastarían para conformar unha excelente selección galega. “Haberá que adestrar e traballar moito con eles para que cheguen á elite, pero non teño ningunha dúbida de que en Galicia sempre houbo e haberá moi bos futbolistas”, remata Fran. Que así sexa.

 

Unha fornada chea de internacionais

A verdadeira esperanza da canteira galega dos dous grandes galegos non está só nos seus primeiros equipos. Na actualidade, máis dunha decena de futbolistas de Deportivo e Celta son internacionais nas categorías inferiores da selección española. Rubén Blanco, Jonathan Castro, Jordan Domínguez, Yelko Pino e Adrián Domínguez son os celtistas que destacan nas categorías inferiores da campiona mundial. Dani Iglesias, David Gómez, Julio Delgado e Javier Fernández (Bicho) son os deportivistas que achegan a súa calidade ao conxunto estatal. Incluso hai futbolistas da Madroa ou de Abegondo que xa debutaron en seleccións como a de Gabón ou Venezuela, como é o caso do celstista Madinda e do deportivista Eloy, respectivamente.

Incluso hai futbolistas da Madroa ou de Abegondo que xa debutaron en seleccións como a de Gabón ou Venezuela, como é o caso do celstista Madinda e do deportivista Eloy

Non son os únicos. Nos últimos anos, Deportivo e Celta triunfaron nas categorías inferiores, acadando títulos en categorías xuvenís e loitando cos grandes do fútbol español tanto na Copa do Rei como na Copa dos Campións dos máis novos. Porque en Galicia, hai canteira. E moita.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.