Derbi espléndido en Balaídos. Nun estadio cheo e con grande ambiente, Deportivo e Celta demostraron que son equipos de Primeira. Golpearon os coruñeses na primeira xogada de perigo, cun golazo de Riki a pase de Juan Domínguez ante un Celta que dominou a primeira parte, pero que non acertou ante Aranzubía. Os de Oltra, que crearon moito perigo á contra, melloraron na segunda parte e puxeron o 0-2 cun tanto de Lassad. Cando mellor estaban os branquiazuis, un tanto de De Lucas e outro de Catalá puxeron un empate que semellaba o máis xusto. Na última xogada do partido, Borja rematou de cabeza un despexe de Yoel e deulle unha vitoria fundamental aos deportivistas.
Non decepciounou o encontro. Saíron os celtiñas a por todas, pero o Deportivo golpeou ben cedo. No seu primeiro achegamento á área, os branquiazuis adiantáronse con gol de Riki. Foi unha conexión galega. Bergantiños para Juan Domínguez e Juan Domínguez para o madrileño, que picou por riba de Yoel para adiantar os coruñeses. Foi un guión idéntico ao da primeira volta. Tamén no resto da primeira parte, onde o Celta controlou o balón e dominou ante un rival tranquilo e asentado na seguridade de Colotto, inconmensurable, que onte puido con Aspas, De Lucas ou Joan Tomás. Pero aínda así, Aranzubía tivo que aparecer para rexeitar un despexe do propio central arxentino, que puido marcar en propia porta.
Controlaba o Celta ante un Deportivo cómodo, que esperou á segunda parte para volver reaccionar. E foi Lassad, seguindo guión do partido de novembro, o que marcou tras un gran pase de Guardado. Semellaba o partido sentenciado, cuns celtiñas golpeados polo tanto e moi cansos tras o esforzo da primeira parte. Pero apareceu De Lucas e os locais resucitaron. Marcou o catalán cun gran disparo para que, poucos minutos despois, Catalá aproveitase un rexeitamento a un disparo de falta do dianteiro.Aí Oltra decidiu un cambio estraño. Primeiro substituíu a Valerón por Borja, algo habitual, pero logo decidiu quitar a Bruno para dar entrada a Manuel Pablo, mandando unha mensaxe nada positiva para o equipo.
Pero o fútbol eche así de raro. Co empate no marcador, os dous parecían dar por bo o resultado. O Deportivo porque lle conviña e o Celta porque semellaba esgotado tras o esforzo da primeira parte. Intentárono os celtiñas até o final, pero os coruñeses souberon manexar os tempos. Como no principio da segunda parte, volveron coller a posesión do balón nos últimos minutos. Cando todo parecía rematado, chegou o gol. Na xogada de sempre. Balón colgado ao segundo pau e prolongación de Colotto. Yoel rexeitou pero deixou o balón morto para Borja, que rematou o gol. El, precisamente el, que fora apupado na súa presentación por catro energúmenos que lle recriminaran as súas boas palabras sobre o Celta.
Os milleiros de deportivistas estouparon de emoción. Os celtistas enmudeceron. Puido ser empate, pero o Dépor volveu tirar de efectividade para dar un paso fundamental cara á Primeira, esa categoría na que deberían estar os dous. Por equipo e por afección. Gañou o Dépor, pero tamén gañou o Celta e Galicia. Os dous demostraron que son equipos de elite nun partido memorable. Un derbi que esperan repetir na máxima categoría. Que así sexa.
Celta de Vigo: Yoel; Hugo Mallo (Catalá, min.74), Oier Sanjurjo, Túñez, Roberto Lago; Oubiña, Alex López Quique de Lucas, Joan Tomás (Bermejo, min.51), Orellana; Iago Aspas (David Rodríguez, min.67).
Deportivo da Coruña: Aranzubia; Laure, Colotto, Ze Castro, Morel; Alex Bergantiños, Juan Domínguez; Bruno Gama (Manuel Pablo, min.75), Valerón (Borja Fernández, min.63), Guardado; Riki (Lassad, min.38).
Goles: 0-1 Riki, min2; 0-2 Lassad, min.62; 1-2 Quique de Lucas, min.67; 2-2 Catalá, min.82; 2-3 Borja Fernández, min.93
Árbitro: Miranda Torres (colexio catalán). Amoestou a De Lucas, Bustos, Orellana por parte do Celta de Vigo, e a Riki, Morel, Colotto, Juan Domínguez por parte do Deportivo da Coruña.