Cinco medallas e dous cuartos postos de doce opcións para Galicia. O deporte galego volve orgulloso do seu paso polos Xogos Olímpicos de Londres, onde acadou a súa mellor colleita de metais na historia e onde foi protagonista destacado. "Mulleres e galegos", bromeouse nas redes sociais cando os primeiros éxitos da delegación española chegaban unicamente a mans da delegación feminina ou de representantes do país como Javier Gómez Noya e David Cal. Máis tarde, Sofía Toro e Támara Echegoyen, mulleres e galegas, obtiñan en vela a primeira medalla de ouro para unha deportista da comunidade na súa historia.
Case a metade dos deportistas galegos acadaron medalla, ademais de dous cuartos postos
Foi o ouro destas dúas rapazas -unha coruñesa e unha pontevedresa, acompañadas da asturiana Ángela Pumariega- o principal éxito da delegación galega. E foino por meritorio, pero tamén por inesperado. Hai ben pouco, nin Toro nin Echegoyen contaban con barco para poder optar aos Xogos de Londres. Conseguiron a clasificación sen case apoios, adestrando á marxe de macroestruturas federativas e co apoio de amigos e coñecidos. Aumentaron de peso e adestraron duro para cumprir o soño de viaxar á capital británica, pero acabaron proclamándose campioas olímpicas tras vencer na final da clase Elliott a embarcación australiana.
David Cal converteuse no deportista máis laureado da historia olímpica española
A vela fixo historia como historia fixo David Cal. O padexeiro de Cangas acadou a súa quinta medalla olímpica, desta vez de prata, converténdose así no deportista olímpico máis laureado da historia da delegación española. Un metal acadado, ademais, con épica, remontando posicións no último cuarto da carreira e demostrando a fortaleza dun home que aínda soña con sumar máis éxitos en Río de Xaneiro.
O do Hío acadou outro podio no piragüismo, un deporte que acumula doce medallas na historia olímpica de España. Delas, oito contan con acento galego: cinco de Cal, unha de Carlos Pérez Rial, dúas de Ramos Misioné e outra máis de Enrique Míguez. Por moi pouco outra canguesa, Teresa Portela, non se une a este grupo exitoso. Rematou cuarta na súa proba e na súa cuarta participación nuns Xogos Olímpicos, outro diploma olímpico agredoce para unha padexeira que quedou a 128 milésimas do metal.
Portela quedou a 128 milésimas do metal, mentres Gómez Noya acadou por fin o seu soño olímpico
Non quedou desta vez Javier Gómez Noya, cuarto en Pequín 2008. O triatleta ferrolán cumpriu o seu soño, o seu obxectivo desde hai anos, e completou cunha prata olímpica un palmarés envexable. E fíxoo nunha proba na que logrou meterse entre os dous grandes favoritos, os irmáns británicos Brownlee, e nunha carreira na que demostrou a súa calidade e forza desde o principio. Foi unha medalla máis que merecida para un rapaz que representa como poucos o espírito olímpico, a superación e o sufrimento por unha vitoria.
En balonmán, tamén houbo sufrimento. A viguesa Begoña Fernández liderou unha selección española que acadou o seu maior éxito na historia vencendo na final polo bronce a Corea do Sur logo de dúas prórrogas. Foi unha recompensa axeitada para un meritorio grupo de mulleres que están a sufrir nos seus equipos a crise económica e que se ven obrigadas a emigrar ao estranxeira ante a falta de apoios nos clubs femininos. Tamén a galega marchará da liga española este ano, pero farao cun metal colgado do pescozo e cun broche de ouro a unha carreira ben exitosa.
José Antonio Hermida, pola súa banda, buscaba tamén un broche de ouro. E acadouno cun meritorio cuarto posto en bicicleta de montaña, unha vez máis a un paso do podio e das medallas, como aquela que conseguira en Atenas. Tamén meritorias foron as actuacións de dúas mozas, Iria Grandal e Bea Gómez. A primeira meteuse entre as 32 mellores en tiro con arco, mentres que a segunda foi a segunda nadadora máis nova nos 200 metros estilos, nuns Xogos que lle serviron para coller experiencia.
Na maratón, Alessandra Aguilar baixo das dúas horas e media para rematar no posto 26, mentres que Vanessa Veiga acabou na posición 93 na que era a súa segunda carreira nesta enorme distancia. En fútbol, o porteiro vigués Diego Mariño nada puido facer para evitar o desastre da selección española, que quedou eliminada na primeira fase e na que non xogou nin un minuto.
Unha lista de medallas cada vez máis ampla
As cinco medallas acadadas por deportistas galegos en Londres únense así a unha lista de éxitos olíimpicos de Galicia cada vez máis ampla. Ramón González, Moncho Gil e Luis Otero, coa prata en Amberes 1920 en fútbol, foron os pioneiros dunha listaxe que inclúe o redondelán Pedro Cea, ouro tamén en fútbol con Uruguai en 1924; Luis Gregorio Ramos Misioné, prata e bronce en piragüismo en dous Xogos consecutivos; o tudense Enrique Míguez, tamén padexeiro; Fernando Romay, membro do histórico equipo de baloncesto que disputo a súa primeira final olímpica; José Antonio Hermida, prata en Atenas en ciclismo de montaña; e os catro anteriores metais do histórico David Cal.