Entre 1914 e 1917 dezaseis xogadores do Heart of Midlothian escocés marcharon a Europa para defender o Imperio Británico. Sete deles non regresaron; dos dez restantes, a maioría volveu ferida ou gaseada, e moitos morrerían moi novos nos anos posteriores.
E non é que os Hearts fosen un equipo calquera. Na altura eran o mellor club de Edimburgo e disputábanlle a liga escocesa aos dous de sempre, os Rangers e, sobre todo, o Celtic de Glasgow. De feito, a temporada comezou en 1914 do mellor xeito posible, cunha restra de vinte vitorias seguidas e un xogo espectacular, elegante e nunca visto que facía presaxiar un triunfo sinxelo para os da capital.
Non foi tal. A pouco de empezar a temporada comezou tamén a guerra e, con ela, unha campaña na prensa para obrigar aos futbolistas a daren exemplo. Contaba Alex Massie no Guardian en 2005 que mesmo se chegaron a ler lacrimóxenas cartas ao director nas que "a filla dun soldado" afeaba aos Hearts que andasen arreándolle patadas ao coiro mentres o seu papá pegaba tiros contra os exércitos do Kaiser.
Os xogadores do Heart alistáronse en masa nun batallón dos Royal Scots, unha das unidades máis castigadas na historia do exército británico; coa Gran Guerra naceu o duopolio de Celtic e Rangers
Picados, os xogadores do Heart alistáronse en masa nun batallón dos Royal Scots. Mal sitio para estaren, pois foi unha das unidades máis castigadas non só na Gran Guerra, senón na historia do exército británico. Para empezar, os brutais adestramentos que deberon pasar antes de ir á fronte desfondaron o equipo, que acabou perdendo a liga. E cando cruzaron a Mancha... Os Hearts entraron en acción nada menos que no primeiro día da carnicería do Somme, onde morreron 20.000 británicos en 24 horas.
Os futbolistas que regresaron xa non foron os mesmos. Varios volveron vestir a camisola dos Hearts, pero a un nivel moito máis baixo. Algúns morreron pouco despois por enfermidades que se relacionaron cos gases que respiraran na fronte. Un deles, Bob Mercer, que inhalara veleno alemán, faleceu dun ataque ao corazón en pleno partido.
Os Hearts nunca recobraron o brillo, como se pode comprobar lendo algunha das novelas de Ian Rankin nas que se desvela que o inspector Rebus é seguidor do desventurado equipo. Coa Primeira Guerra Mundial naceu o duopolio de Celtic e Rangers, dous clubs que, como recordaban amargamente os xornalistas da época, non mandaran xogador ningún á fronte.