Agur jaunak! O que enterra a fin do proxecto Euskadi

Despedida do Euskaltel na Volta a España © Euskaltel Euskadi

Xabier Rábade analiza en Elos e Canelas, o blog de ciclismo de Praza Pública, o proceso que levou á desaparición do equipo vasco e as súas consecuencias inmediatas.

As novas tendencias desterran a cor laranxa do pelotón. No outono-inverno de 2012 despedíase o Rabobank, e doce meses despois morre o Euskaltel Euskadi. Dúas escuadras senlleiras no imaxinario ciclista que desapareceron por motivos diferentes.

O Euskaltel-Euskadi naceu como un soño, un soño nunha tarde de verán de 1992. Disque foi preto de Lourdes onde o Deputado Xeral de Biscaia, José Alberto Pradera, especulou por primeira vez cun equipo ciclista vasco, e disque tamén que llo comentou ao seu chofer, figura confesora de altos cargos, Miguel Madariaga quen estaba ligado a un club amateur.

A idea foi tomando forma, primeiro constituindo a Fundación Ciclista de Euskadi, presidida por Madariaga. O obxectivo desa institución era fomentar o ciclismo nos territorios históricos de Euskadi e Navarra, así como promocionar os ciclistas desas zonas ou ligados a elas por competir en formacións vascas. Para conseguir os fondos necesarios fixeron durante un ano unha intensa campaña do que hoxe chaman crowdfunding. Malia as dificultades, os esforzos foron bos: para 1994 xa tiñan o primeiro equipo feito, un maillot coas cores da Ikurriña e ao experimentado Txomin Perurena de director deportivo. Facíase real un equipo ciclista profesional de nivel ligado a un territorio, nacía a lenda do Euskadi que outras comunidades tentaron imitar.

Abríase un palmarés que ao longo de 20 anos conta con máis de cento cincuenta victorias incluídas tres etapas no Tour de Francia e outras tantas no Giro, así como doce na Vuelta

O primeiro triunfo foi o do malfadado Agustín Sagasti na quinta etapa da Itzulia de 1994. A etapa foi especialmente simbólica, Sagasti fixo unha escapada quilométrica en solitario ata chegar a meta da Basílica de Loyola para euforia dos seareiros: nada mellor para estrearse. Abríase un palmarés que ao longo de 20 anos conta con máis de cento cincuenta victorias incluídas tres etapas no Tour de Francia e outras tantas no Giro, así como doce na Vuelta.

As turbulencias financeiras acompañaron o Euskadi durante os primeiros tempos, non gañando seguridade financeira ata o desembarco de Euskaltel. Os cambios na Deputación Foral de Biscaia e unha débeda incontrolable fixeron que en apenas tres anos, o equipo estivera a piques de desaparecer. A clemencia jeltzale fixo que a provincia de Biscaia aportara fondos para manter o equipo ata que en 1997 a teleco Euskaltel asumiu o co-patrocinio.

Co cambio de século, o Euskaltel-Euskadi comezou a consagrarse co acceso ás principais competicións e xa coa cor laranxa no maillot. En 2001, tomaban a saída do seu primeiro Tour de Francia no que, por se fora pouco, Roberto Laiseka acabou coa vitoria de etapa da pirenaica Luz-Ardiden. Empezaba unha xeria de éxitos: Unai Etxeberría, Iban Mayo, Aitor González, Haimar Zubeldia, Igor Antón e Mikel Nieve, por exemplo, reportaban triunfos ao equipo todas as temporadas. E entre todos eles, foi emerxendo a figura de Samuel Sánchez: asturiano de nación, vasco de profesión. Samu, unha carreira ligada ao Euskaltel que o converteu no capitán e esperanza do equipo.

A comezos desta década, a UCI considerou necesario que os equipos que desexaran manterse na máxima categoría, ademais das custosas licenzas, debían recoller unha serie de puntos outorgados por méritos deportivos. Os xestores do Euskaltel-Euskadi comezaron a preocuparse porque consideraban dificil apañalos e formularon un novo proxecto. O Euskaltel-Euskadi extinguíase, herdaba a súa posición o Euskaltel Euskadi; o mesmo que o vello pero sen guión. Pero había máis diferenzas: no futuro, xa non sería un equipo pechado para vascos, navarros ou persoas ligadas a clubes de aló, senón que se estipulaba un cupo de prazas a ocupar por ciclistas sen vinculación algunha ao País Vasco. Moitos consideraron que era unha decisión errada: unha traición á filosofía orixinal.

O Euskaltel deixaba de ser o Athletic de Bilbao do ciclismo e Beñat Intxausti, Jonathan Castroviejo e Diego López que xa non corrían polo equipo vasco, asinaron un manifesto no que alertaban dos cambios previstos: recordaban os seus comezos e crían que sen esa política vasquista do Euskaltel-Euskadi, tal vez non chegaran ata onde estaban. Igor González de Galdeano, o novo xestor á fronte, tentaba acabar coa polémica destacando que só era unha adaptación aos tempos que vivía o ciclismo.

Detrás deses problemas tamén había grandes dúbidas sobre a viabilidade económica. A Fundación Euskadi tivera que ceder ante o novo proxecto debido a súa delicada situación financeira e as administracións públicas vascas non ían seguir aportando cartos para o ciclismo profesional. Euskaltel, en principio asumíu a totalidade do orzamento, pero posteriormente retractábase: nove millóns ao ano sobre os algo máis de 38 que a empresa sacaba de beneficio era demasiado estipendio nunha época de crise. Así, o Euskaltel Euskadi chegaba a Córcega nunha situación dramática, sería o derradeiro Tour de Francia.

Aínda que a procura por un socio estaba aberta, cada etapa pasaba e a fin do equipo facíase cada vez máis real. Só un salvador podía acabar coa agonía: primeiro houbo rumorosos que decían que o millonario ruso Tinkoff estaba disposto pero el mesmo negouno; e logo, apareceu Fernando Alonso. O piloto de Formula1, que din que axudaba a Samuel Sánchez, negociou, parecía que o asunto estaba feito: xa se facían cálculos para trasladar a sede do equipo ao Principado, pero… todo acabou en nada. Despois da Vuelta a España, o equipo correu a súa derradeira competición en Pekín e esta mesma semana, coa fin de temporada, morría de vez.

Se dende Galicia, onde tivemos un intento por facer un equipo profesional noso apoiado nos nosos, hai unas semanas analisábamos que volver a ese proxecto era pouco real, coa desaparición da escuadra vasca verificamos que é unha utopía

Se dende Galicia, onde tivemos un intento por facer un equipo profesional noso apoiado nos nosos, hai unas semanas analisábamos que volver a ese proxecto era pouco real, coa desaparición da escuadra vasca verificamos que é unha utopía. Os tempos cambian e os de antes non volverán.

O Euskatel Euskadi deixa uns afeccionados entregados, a marea laranxa, que gozaron vendo competir a veciños entre as estrelas deste deporte. Uns seareiros que non deixaban indiferentes e que moveu ao vetereano ciclista alemán Jens Voigt a escribirlles unha carta de agradecemento hai un par de anos. Nesa misiva, o tudesco, confesáballes que os seus berros de alento lle daban azos. Voigt remataba cun “mila ezker!”, un mil grazas que suscribimos dende Elos e Canelas mentres nos preparamos para entoar esa canción de despedida entre amigos: agur, jaunak!/ jaunak agur!/ agur t’erdi…

Despedida do Euskaltel na Volta a España © Euskaltel Euskadi
Samuel Sanchez gañou unha etapa da Dauphiné Libéré de 2013 © Euskaltel Euskadi

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.