Alessandra Aguilar, a lucense que busca a redención en Londres

Alessandra Aguilar, durante unha proba de cross © IAAF

A redención chega para a lucense Alessandra Aguilar (Lugo, 1978), que partirá o vindeiro martes cara a Londres para participar nos que serán os seus segundos Xogos Olímpicos, un evento que estivo en perigo hai tan só uns meses. No pasado decembro, e logo de participar nunha carreira de cross, deu positivo por unha “parvada”, como ela mesma di. Atopáronlle heptaminol, unha substancia prohibida en competición, pero non nos adestramentos, e que chegou ao seu corpo logo de inxerir un medicamento ao que non lle mirara o prospecto.

Precisamente ela, posicionada radicalmente en contra da dopaxe e loitadora como poucas pola boa imaxe do atletismo español, víase envolta nunhas sospeitas que para nada lle correspondían. Algúns non aforraron en cualificacións. “Supoño que dirían de todo, pero estiven un pouco á marxe do que saía na prensa ou nos foros de internet porque senón todo sería moito máis duro”, asegura agora,  logo de cumprir os tres meses de sanción e xa preparada para a proba máis mítica dos Xogos, a maratón.

Unha "parvada" supúxolle unha sanción por dopaxe de tres meses e as sospeitas dos que non a creron

“Isto supón darlle luz ao gris do inverno”, resume metaforicamente cando se lle pregunta que sentiu ao verse confirmada como parte do equipo olímpico. “Os que antes non me crían, seguirán sen crerme; e os meus inimigos seguirán sendo os meus inimigos”, resume tras uns meses de sufrimento que acabaron pronto.

Agora só está “moi concentrada” no seu obxectivo, unha carreira de máis de 42 quilómetros, contra as mellores do mundo e na que intentará cumprir as súas metas: “Conseguir o mellor resultado posible e alcanzar o nivel para o que tes adestrado todo este tempo; quero pelexar por estar entre as quince primeiras”. En Pequín, na súa anterior experiencia olímpica, as pernas non lle responderon e acabou por debaixo do 50º posto, pero agora vese “con máis experiencia” e aposta por correr “con moita cabeza e moito sangue frío”.

"Quero pelexar por estar entre as quince primeiras"

Na proba coincidirá con outra galega, Vanessa Veiga, un fito histórico que Aguilar quere resaltar porque, cre, “nunca teñen coincidido dúas galegas nunha mesma proba”. “Coido que no equipo de atletismo tampouco”, di, tras afirmar que a presenza de ambas as dúas “debe ser motivo de orgullo para o deporte galego” “Chegar a uns Xogos sempre é moi complicado”, aclara unha das once caras galegas que competirán na capital británica

Preguntada sobre como supera un atleta o sufrimento de probas tan duras e esixentes, Alessandra é clara: “Adoito concentrarme tanto que non penso en nada máis que en chequear o teu corpo constantemente para ver como responde e en seguir o meu ritmo”. “Sabes que vas sufrir e que o vas pasar mal, pero os adestramentos duros son os que te prepararan para estes momentos”, insiste.

Ademais, e respecto aos escasos resultados que se prevén para a delegación española de atletismo en Londres, Aguilar cre que “as cousas non van mal”, pero tamén aclara que hai “quen pensa que conseguir medallas é doado”. “En todas as probas hai doce ou quince persoas con posibilidades, pero só tres soben ao caixón; os países africanos teñen cada vez mellores condicións e medios para adestrar e xeneticamente son superiores, así que as cousas son cada vez máis difíciles”, remata unha atleta que, superada a trintena, vive os Xogos “como se fosen os primeiros" da súa vida.

Alessandra Aguilar, durante unha proba de cross © IAAF

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.