Ana Peleteiro é xa a mellor atleta de triplo salto de Europa. Este domingo acadou o ouro no Campionato de Europa de Atletismo en Pista Cuberta de Glasgow, cun salto de 14,73 metros que non só constitúe a mellor marca de toda a súa carreira, senón que se converte no récord de España (superando os 14,64 de Carlota Castrejana en 2007) e na mellor marca europea do ano, a terceira mellor marca mundial da tempada, ademais.
Peleteiro dominou a competición dende o terceiro salto, un 14,56 que a poñía en cabeza. No seguinte, a galega bateu todos os rexistros co 14,73 definitivo que a facía máis líder, superando a grega Papajristou e a ucraína Saladukha, prata e bronce. As portuguesas Mamona e Costa foron cuarta e quinta.
"Ninguén sabe polo que pasei este último mes; non puiden saltar nin correr", destacou Peleteiro entrevistada ao rematar a competición, na que agradeceu a dirección achegada polo seu adestrador, o cubano Iván Pedroso: "Non hai nada máis bo que o teu adestrador che transmita esa seguridade en ti mesma". "Canto máis lonxe chego, máis ganas teño de seguir mellorando", concluíu.
Ana Peleteiro Brión naceu en 1995 en Ribeira e ata os 17 anos competiu na Asociación de Atlétismo e Deportes do Barbanza, adestrada por Abelardo Moure. Acadou moi nova os seus primeiros éxitos, gañando o Campionato do Mundo Junior en 2012 cun salto de 14,17 metros.
Nos anos seguintes cambiou de adestrador e en 2016 comezou a ser dirixida polo cubano Iván Pedroso. Dende entón o seu rendemento experimentou un crecemento espectacular. O pasado ano acadou o bronce no Campionato Mundial de Atletismo en pista cuberta celebrado en Birmingham, cunha marca de 14,40. Ese mesmo ano foi bronce no Campionato de Europa ao aire libre de Berlín, con 14,44 metros.