As meigas son de Lugo e xogan ao hóquei

As meigas, facendo piña © CHL Meigas

O Club de Hóquei en Liña Meigas é pioneiro –e, por agora, único– en Galicia. Conta con equipos de base e unha escola de patinaxe e hóquei, mais tamén cun equipo feminino profesional que compite na máxima categoría estatal, a Liga Elite Feminina. Falamos con dúas das xogadoras máis destacadas do equipo lucense, a porteira María López e a dianteira Andrea Ferreiro, que se mostran confiantes a respecto do presente dun club que reforzou o seu cadro ténico e ao que tamén lle agoiran moito futuro, grazas ao traballo coa canteira.

O hóquei en liña adoita identificarse con grandes doses de contacto físico e frecuentes pelexas na pista. Con esa imaxe que dan os filmes americanos e mais a pouca tradición do voso deporte en Galicia, como se leva iso de ser xogadoras de hóquei en liña?

María López – Como dis, é unha imaxe creada a través dos filmes. Na verdade, adóitase asociar o hóquei en liña co hóquei xeo: o deporte en si parécese, xa que xogamos en pistas parecidas, a roupa e o material son semellantes, e tamén o sistema de xogo... pero o regulamento é moi diferente, xa que non se permiten as cargas, as pelexas, etc, que é o que nos fai ver o hóquei xeo como un deporte agresivo.

O hóquei en liña é un deporte de contacto, pero non ten nada que ver co que os canais americanos nos ofrecen deste deporte

Andrea Ferreiro – O hóquei en liña é un deporte de contacto, pero non ten nada que ver co que os canais americanos nos ofrecen deste deporte. A verdade é que o levo con bastante naturalidade e competir na liga nacional considéroo un luxo.

M.L. – A verdade, creo que a tradición en Galicia estase a crear pouco a pouco. Ser xogadora de hóquei é algo normal, como ser xogadora de calquera outro deporte. Tenche que gustar patinar e xogar en equipo.

Vós sodes deportistas de elite: competides na máxima división estatal e figurades na lista de preseleccionadas para xogar coa selección española. É fácil compaxinar a dedicación que require ese nivel de esixencia coa vida familiar, laboral, estudantil...?

A.F. – Se estás disposta a sacrificarte, lévase ben. Tanto os estudos de segundo de Bacharelato como o hóquei requiren moito tempo e esforzo, pois son moi esixentes, pero tamén son compatibles.

O hóquei pode ser unha maneira de desconectar da vida diaria, incluso unha terapia para saír da rutina

M.L. – Non o vexo como unha esixencia senón como unha maneira de desconectar da vida diaria, incluso como unha terapia para saír da rutina dos estudios, do traballo e de todos os problemas do día a día. Ademais é un deporte de equipo, polo tanto isto tamén favorece a relación con novas persoas e creas outro círculo de amizades.

Como está indo a temporada para o CHL Meigas? Que obxectivos colectivos vos marcades para este ano?

A.F. – A temporada aínda está comezando e queda todo por decidir. Uns equipos son asequibles, outros son inalcanzables, mais nós sempre saímos a xogar con mentalidade gañadora.

Esta temporada o equipo está máis motivado ca nunca

M.L. – Esta temporada o equipo está máis motivado ca nunca, dado que reforzamos o equipo técnico que nos adestra, e grazas a eles as xogadoras estamos avanzando a máis velocidade e estamos aprendendo moito. Os obxectivos principais son mellorar o noso xogo de equipo e intentar conseguir o maior número de vitorias posibles.

Competir nun club dunha cidade pequena como é Lugo, axuda a ter visibilidade ou dificulta aínda máis as cousas?

A.F. – Xogar nun equipo modesto como é o CHL Meigas contra clubes máis experimentados, con máis orzamento e polo tanto máis fortes, supón un maior aliciente para as xogadoras.

M.L. – Tamén nos axuda ver que o equipo vai medrando ano a ano, e cada vez somos máis xogadoras.

Os vosos equipos rivais son de Cataluña, Madrid e Valladolid. Iso obrígavos a longas viaxes e a concentrar os partidos: iso é unha desvantaxe a máis?

M.L. – Este ano o formato da Liga Elite Feminina de Hóquei Liña modificouse: isto fai que sexa unha liga regular con partidos de ida e volta. Polo tanto ao ser oito equipos implica xogar un total de 14 partidos, sete en Lugo e outros sete fóra. Para as xogadoras si que nos dificulta ter que viaxar, xa que como ben dis son moi longas as viaxes, e iso provoca non estar ao 100% das nosas capacidades. Pero tamén temos que pensar que os outros equipos teñen que facer as mesmas viaxes para xogar aquí.

As viaxes son un desgaste, mais forman parte do equipo e da convivencia entre xogadoras e corpo técnico

A.F. – Supón unha desvantaxa no ámbito físico, pois ao mellor nunha fin de semana xogamos tres partidos, o que equivale a un importante desgaste e non nos permite render ao máximo en todos os encontros, e máis cando os outros equipos están descansados. Non obstante, as viaxes forman parte do equipo e da convivencia entre xogadoras e corpo técnico, fomentando as relacións persoais.

O CHL Meigas realiza un importante traballo de base. Hai relevo para garantir o futuro do hóquei en liña en Lugo? Por outra parte, botades en falta a existencia de máis clubs da vosa especialidade en Galicia?

A.F. – O traballo da canteira é moi importante, pois no equipo actual 5 xogadoras do plantel saíron das escolas, eu incluída. Hai que ter en conta que o futuro do hóquei sae delas, por iso o CHL Meigas vén desenrolando un importante labor na súa escola. Nelas, ademais de nenos e nenas de todas as idades, inténtase que os pais se involucren e se animen conosco.

A escola de patinaxe e as categorías inferiores son as que nos proporcionan as futuras estrelas do noso equipo

M.L. – Como xa dixen antes, o equipo vai aumentando en número de xogadoras, e iso é grazas a ter unha escola de patinaxe e un equipo de categorías inferiores que son os que nos proporcionan as futuras estrelas do noso equipo.

A.F. – Respecto á segunda pregunta, por suposto! Bótase de menos unha competición provincial ou autonómica, posto que ao ser o único clube federado en toda Galicia pasan uns períodos de tempo moi longos entre cada un dos partidos de Liga Nacional.

Encantaríanos poder ter unha Liga autonómica, e iso tamén beneficiaría o hóquei liña en xeral, non só a nós

M.L. – A falta de existencia doutros equipos galegos nesta modalidade aféctanos moito, porque dificultan a mellora do equipo dado a pouca competición que temos. Só xogamos os partidos oficiais da Liga. Encantaríanos poder ter unha Liga autonómica, e iso tamén beneficiaría o hóquei liña en xeral, non só a nós.

No plano persoal, ambas sodes xogadoras destacadas, en posicións tan diferentes como a portería (María) e o ataque (Andrea). Sería posible vervos no futuro coa camiseta doutro equipo, despois de tantos anos no HCL Meigas?

M.L. – Eu non me vexo coa camiseta doutro club: levo moitos anos neste posto e no club, e non o cambio por nada.

A.F. – Non se pode descartar nada, pois aínda temos moitos anos por diante para continuar aprendendo. Mais o CHL Meigas sempre será o noso fogar.

Se as meigas que dan nome ao voso equipo vos concedesen un desexo, que lles pediríades?

A.F. – Que as Meigas non perdan nunca a ilusión que teñen e as ganas de progresar, e que poidamos seguir practicando e disfrutando xuntas deste magnífico deporte.

M.L. – Eu pediría poder seguir xogando durante moitos anos con todas as miñas compañeiras, e seguir medrando como equipo tanto en resultados como en canteira.

As meigas, facendo piña © CHL Meigas
Actual plantel do CHL Meigas © CHL Meigas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.