Cristóbal Rodríguez, pentatleta: "Dareino todo para poder estar nas Olimpiadas de Rio de Janeiro"

Cristóbal remata unha das probas durante o último Campeonato de Europa, disputado en Hungría © Cristóbal Rodríguez

Cristóbal Rodríguez Fidalgo, un dos novos e máis brillantes talentos do Pentatlón Moderno galego e estatal, concedeunos esta entrevista xusto antes de viaxar cara ao Rio de Janeiro para disputar a Copa do Mundo. Nacido en Viveiro hai 21 anos, acumula na súa sala de trofeos un subcampeonato de Europa en Biatlón, unha medalla de bronce no Europeo de Turquía en Pentatlón Moderno, e mais catro campeonatos e cinco subcampeonatos de España nesta mesma especialidade. Desde hai sete anos, adestra no Centro de Alto Rendemento (CAR) de Sant Cugat.

Comezaches no pentatlón aos 14 anos e desde aquela resides e adestras no CAR de Sant Cugat. Como ten sido a experiencia?

Cheguei a Sant Cugat con 14 anos, lonxe da casa, dos amigos, de meus pais e da miña irmá… Pero aínda que ao principio foi duro, funme adaptando, aprendín catalán e inglés (co inglés son moi esixentes e todos os internacionais temos que sabelo) e hoxe en día estou plenamente integrado, aínda que a terra se bota de menos, mais meus pais veñen verme sempre que poden.

Tras ser catro veces campeón e cinco subcampeón de España, cales son os seguintes pasos que tes pensados?

O meu soño e obxectivo é clasificarme para os Xogos Olímpicos. En Londres quedei a catro postos pola clasificación por Europa; non é coma noutros deportes, que con teres a mínima xa vas: a federación internacional ten uns criterios durísimos, así que terei que seguir adestrando moi forte para poder competir ao máis alto nivel.

Un ano antes das últimas Olimpíadas, comezaches a frecuentar as competicións internacionais de primeiro nivel. Que balance fas e que perspectivas tes para esta e as vindeiras temporadas?

Para as temporadas vindeiras o obxectivo é entrar en final e comezar a madurar na categoría absoluta a nivel internacional

En canto a experiencia, o balance é positivo: puiden entran en varias finais, aínda que o nivel era moi alto. Para as temporadas vindeiras o obxectivo é entrar en final e comezar a madurar na categoría absoluta a nivel internacional.

Faltan máis de tres anos para as Olimpíadas de Rio de Janeiro. Podemos contar cun olímpico galego no pentatlón?

Eu dareino todo para poder estar nas Olimpiadas de Rio de Janeiro, precisamente nuns días saio para a Copa do Mundo de Rio de Janeiro para a cal me clasifiquei, e serei o único representante español

Como xa dixen antes, os criterios son durísimos e non chega con ter as mínimas, que eu xa teño, senón que ademais tes que clasificarte nas probas que dita a federación internacional. España aí non pode decidir, coma noutros deportes que con ter a mínima xa está. Eu dareino todo para poder estar nas Olimpiadas de Rio de Janeiro, precisamente nuns días saio para a Copa do Mundo de Rio de Janeiro para a cal me clasifiquei, e serei o único representante español.

O pentatlón permite ter unha carreira longa ao máximo nivel, mais en troca é un deporte con pouca visibilidade. Que lle pedirías aos medios e ás institucións deportivas para mellorar esa situación?

Neste país falta moita cultura da difusión e todo é fútbol. En Hungría ou en Rusia, aos pentatletas internacionais pídennos autógrafos polas rúas

Neste país falta moita cultura da difusión e todo é fútbol. En Hungría, de onde é o meu mestre de espada, Bondi Kovacs, o pentatlón é deporte nacional: a equipa nacional facemos estadías ali e recoñécennos polas rúas de Tata ou de Budapest e pídennos autógrafos, e o mesmo pasa en Rusia. Aquí queda moito que facer, aínda que grazas a medios coma o voso cada vez estamos máis presentes. Tamén a TVG me entrevistou varias veces, o mesmo que as televisións locais. É importante a sensibilidades dos medios visuais e escritos para difundir este deporte considerado un dos máis completos do mundo. Aristóteles foi pentatleta e olímpico na Grecia do seu tempo, aínda que o barón de Coubertin adaptou as probas á era moderna en 1912.  
  
Actualmente compaxinas o pentatlón cos estudos de arquitectura. Dúas ocupacións moi esixentes.

Efectivamente, moi esixentes: érgome ás seis da mañá de luns a venres e ás sete menos cuarto xa estou no vaso da piscina, despois almorzo, tomo un pequeno descanso e fago carreira e combinada, a última hora da mañá esgrima, e despois xantar, coller o tren e para a Universidade. Arquitectura é moi esixente, estes días tiven tres exames e unha presentación que o meu titor arranxou para que ma adiantaran debido a que marcho á Copa do Mundo do Rio. Á volta pasarei uns días en Viveiro e volta ao entreno e aos exames. Ademais, dous días á semana, a maiores tamén entreno esgrima das oito ás dez e media da noite no Sala de Armas de Montjuïc, e os fins de semana xeralmente temos competicións.

Cristóbal Rodríguez en pleno esforzo durante unha competición © Cristóbal Rodríguez
Cristóbal remata unha das probas durante o último Campeonato de Europa, disputado en Hungría © Cristóbal Rodríguez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.