Derrota digna do Cangas ante o todopoderoso Barcelona

Un intre do partido no Gatañal CC-BY-SA xeadodetoxo.com

O Balonmán Cangas caeu este sábado no Gatañal por 27-35 ante o Barcelona, o mellor equipo da Asobal e posiblemente do mundo. O Gatañal vestiuse de gala para recibir ó equipo azulgrana cinco anos despois. O Cangas aguantou os primeiros vinte minutos, pero pasouse oito dos seguintes dez minutos sen marcar, con tres exclusións de por medio, o que foi aproveitado polo Barcelona para lograr unha vantaxe no marcador moi difícil de recuperar.

Na segunda metade, aínda que o Barcelona prescindiu dalgúns xogadores, a diferenza no marcador ampliouse ata os once goles, pero ó final quedouse en oito. O Cangas loitou e deu a cara ante un fantástico conxunto, que conta nas súas filas con seis xogadores recentemente coroados como campións do mundo. Mikel Aguirrezabalaga, autor de oito goles, Ángel Montoro e Juanín García, foron un pesadelo para o equipo cangués.

O partido comezou cun ritmo frenético e moitos goles en ambas porterías. Na do Cangas estaba Kevin García e non Javi Santana, que entrou na segunda metade. Os ataques impoñíanse claramente ás defensas. Tanto o Cangas como o Barcelona transformaron en gol as súas primeiras seis posesións, poñendo o 6-6 no marcador nos primeiros seis minutos de contenda. O partido seguiu o mesmo guión ata o 8-8 no minuto 9. Adrián Rosales e Amarelle destacaban no Cangas, mentres Montoro, de 2 metros e trece centímetros de altura, e Mikel Aguirrezabalaga, facíano nos visitantes. Tralo 9-9 o Cangas, con algunhas paradas de mérito de Kevin García, conseguiu abrir distancia no marcador, ata o 12-10 do minuto 18 co que o Gatañal se viña arriba.

O Cangas e o Barcelona transformaron en gol as súas primeiras seis posesións

Non obstante, tres exclusións consecutivas dos xogadores do Cangas Simes, Hugo Rodríguez e Rosales, dúas delas con senllos sete metros incluídos, facilitaron a misión ó Barcelona, que, cun tempo morto do seu adestrador de por medio, púxose 12-18 ós 26 minutos de partido. Á eficacia ofensiva visitante, con Juanín García e Víctor Tomás nos extremos, e o salto poderoso de Montoro, uniuse unha melloría na defensa, xunto a varias paradas de Sterbik, que secaron ó ataque local. O Barcelona cambiou ó 5-1, nalgunhas ocasións mixto con marcaxe individual sobre David García e o Cangas pasouse case dez minutos, entre o 18 e o 28, sen marcar. Rosales  fixo o 13-18 co que se chegou ó descanso.

O Barcelona fixo bastantes cambios no segundo tempo, incluídos Sterbik e Montoro, pero seguía sendo cando menos igual de perigoso. Nos primeiros minutos, nos que o colexiado excluíu a un xogador por cada equipo,  mantívose a diferenza de entre cinco e seis goles a favor dos azulgrana. Pero cedo, con Mikel Aguirrezabalaga lucíndose, o Barcelona ampliou a súa vantaxe ata os oito goles no 16-24.

O cangas deu a cara ante o mellor equipo da Asobal e mantivo a igualdade nos primeiros minutos; está un punto e dous postos por riba do descenso

Achegouse mediada a segunda metade no 21-27 con dous goles consecutivos á contra de Moisés Simes. Non obstante, nin o tempo morto do adestrador dos cangueses, Víctor García ‘Pillo’, evitou que o Barcelona disipara as poucas esperanzas que aínda se albergaban no Gatañal. Bastoulles con mellorar na defensa e con algúns acertos do meta suplente, o bosnio Saric, para deter o ataque local e lograr un parcial que 4-0 que mataba definitivamente o choque. Reaccionou o Cangas, grazas ás achegas de Adrián Rosales e David García, para colocarse a oito goles no 25-33, distancia que se mantivo ata ó final cun sete metros transformado polo capitán Suso Soliño co tempo cumprido.

Así, o Cangas deu a cara ante o mellor equipo da Asobal a mantivo a igualdade nos primeiros vinte minutos. O Barcelona amosou contar cun gran plantel, con moitos xogadores determinantes incluso no banco, e contra iso un equipo humilde como o Cangas non pode competir. Está un punto e dous postos por riba do descenso, pero a xeira positiva do Cuatro Rayas Valladolid, a pesares da súa derrota de antonte, e o seu calendario complicado nas vindeiras semanas, póñeno en perigo. Tras el atópase o outro conxunto galego da Asobal, o Academia Octavio, que tamén perdeu onte ante o outro gran equipo da categoría, o Atlético de Madrid.

O Cangas tenta avanzar ante a presión do Barça CC-BY-SA xeadodetoxo.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.