A policía detivo na mañá deste mércores 18 persoas máis pola suposta relación coa masiva liorta que rematou co asasinato do seareiro deportivista Francisco Javier Romero Taboada, Jimmy, o pasado 30 de novembro. Dous dos detidos están acusados de homicidio e a operación desenvolveuse principalmente en varias localidades de Madrid, aínda que tamén en Valencia e Toledo.
Segundo aseguran varios medios, nesta terceira fase da operación Neptuno -aberta xa hai meses- arrestouse por homicidio unha persoa que xa fora detida nos días posteriores á morte de Jimmy, aínda que daquela tan só se lle imputara rifa tumultuaria e tenza de armas prohibidas. As probas apañadas nas últimas semanas empurraron a Birgada de Información de Madrid a detelo como presunto participante no homicidio do membro dos Riazor Blues.
Todos os detidos son membros do Frente Atlético ou de peñas afíns a este grupo de extrema dereita; dous están acusados de homicidio
Todos os detidos desta vez serían membros da peña ultra de extrema dereita Frente Atlético ou de peñas afíns a este grupo radical, incluídos algúns dos considerados históricos. Un dos acusados de homicidio é menor de idade e non se descarta que se produzan máis detencións durante esta xornada.
Esta fase da operación Neptuno chega logo de que, pouco despois do asasinato, se levasen a cabo un total de 82 detencións, entre os que se atopaban os catro supostos homicidas (Ismael López Pérez, Sergio Santiago Martínez, Francisco Javier Jiménez Linares e José Luis Zarzoso). Pero o caso deu unha reviravolta incomprensible para a propia policía cando o pasado 21 de maio, e logo de escoitar a versión renovada de dúas testemuñas, o cuarto xuíz que se ocupaba do asunto decidiu deixar en liberdade os catro presuntos asasinos. Considerou que as probas -vídeos gravados no escenario dos feitos principalmente- concluían que a persoa á que agredían non era Jimmy, senón outro afeccionado do Deortivo que logrou saír do río Manzanares polo seu propio pé.
A policía está convencida de que os autores do homicidio son dous dos detidos este mércores e os catro encarcerados e postos en liberdade
Pero a versión policial non é esa, senón a que mantivo desde o principio. De feito, os axentes están convecidos de que foron seis os participantes na malleira que acabou coa vida de Jimmy: os catro acusados e detidos nun principio e os dous que agora foron tamén arrestados e acusados de homicidio.
A policía mantén, xa que logo, a súa versión, que é a mesma que se aclara con todo luxo de detalles nunha dilixencias que inclúen numerosas imaxes e comprobacións. Os investigadores policiais aseguran que a persoa que tiran ao río estes seis ultras si é Jimmy e en declaracións a axencias dicían recibir "con estupefacción" a decisión do maxistrado.
En declaracións a El País, os investigadores eran claros: "Non temos ningunha dúbida de que é Jimmy", aseguran os investigadores. "Pola súa complexión física delgada, pola roupa que levaba, pola súa estatura (entre 1,65 e 1,70 metros), polo pelo; mentres que o outro seareiro que caeu ao río é de complexión grande, pode medir 1,80, é calvo e no momento da súa detención levaba un xersei azul", dixeron. Pero o maxistrado puxo en dúbida a versión policial para aceptar a das testemuñas.
Investigación detallada
Estes mesmos investigadores botaron meses analizando vídeos, gravacións de cámaras de seguridade, debullando intervencións telefónicas e mesmo realizando xeolocalizacións. Acabaron por dar cos catro presuntos homicidas, todos eles coñecidos no mundo ultra de extrema dereita, pero faltábanlle outros dous, que serían estes arrestados este mércores.
Os Riazor Blues fixeran público un comunicado daquela no que manifestaban o "máis absoluto desprezo" a esta decisión xudicial. "Unha vez máis se demostra a absoluta impunidade coa que actúan os fascistas e neonazis", dicían. E o presidente do Deportivo, Tino Fernández, declaraba que a decisión xudicial lle parecía "sorprendente". "Estamos moi descontentos; non me explico que seis meses despois se chegase a esta situación. A xustiza estanos tratando mal", insistiu.
Seis meses e medio despois do asasinato do afeccionado ultra do Deportivo, os únicos datos que se revelan do sumario que investiga os altercados acontecidos en Madrid apuntan sempre á emboscada por parte do Frente Atlético e non a unha pelexa pactada -como mantiveron fontes policiais e oficiais desde un inicio- entre ambos os dous grupos. Malia todo, agora parece que a operación Neptuno podería acabar coa impunidade dos asasinos, ao tempo que a maioría das sancións recaeron sobre afeccionados deportivistas -incluído o presidente da Federación de Peñas- e sobre o propio club.
>> HABERÁ AMPLIACIÓN