Pouca xente estará máis orgullosa que Iván Raña (Ordes, 1979) da medalla de prata acadada polo seu paisano Javier Gómez Noya o pasado martes en Londres. Amigo e compañeiro do ferrolán desde que comezara a dar os primeiros pasos no triatlón, este deportista polifacético foi o que abriu a porta do agora subcampión olímpico.
"Emocióname comprobar que todo o que lle vin sufrir e esforzarse a Gómez Noya pagou a pena"
Dúas veces campión de Europa e unha do mundo entre 2002 e 2003, quedou fóra por moi pouco dos que serían os seus cuartos Xogos Olímpicos logo de acadar dous quintos postos en Sídney e Pequín nun deporte, o triatlón, que os galegos empezaron a coñecer da man dos seus éxitos. “Emocióname ver como Javi (Gómez Noya), que pelexou e superou calquera problema desde neno, logrou o que tanto buscaba, alégrame ver que todo o que lle vin suar, todo o que o vin sufrir e teimar tivo a súa recompensa”, destaca Raña, que aínda lembra as condicións que mostraba o agora subcampión olímpico cando decidiu dar o salto a esta disciplina hai uns dez anos.
"Ver que en Galicia, con moito menos, conseguimos estes éxitos debería facernos reflexionar"
Para Iván Raña, o éxito de Gómez Noya, pero tamén o de David Cal, deberían “servir como exemplo”. “É a mostra de que con traballo e esforzo todo é posible; con estas cousas daste de conta de que pagou a pena papar tanta chuvia, tantos quilómetros, tanto sufrimento...”. “E sendo un rapaz de aquí”, destaca o ordense, que se enorgullece aínda máis do éxito do galego cando recorda “as impresionantes instalacións deportivas coas que contan noutros países como Alemaña”. “Ver que aquí, con moito menos, conseguimos o que conseguimos debería facernos reflexionar”, insiste o triatleta, que vai máis aló e cre que as fazañas olímpicas do seu amigo Javier e de David Cal “axudan a cambiar a mentalidade dos galegos”.
"Os éxitos olímpicos de Cal e Gómez Noya axudan a cambiar a mentalidade dos galegos"
“Agora quizais somos máis conscientes do que somos capaces de facer, máis aínda se temos en conta que Javier é un tipo normal, de carne e óso, ao igual que David Cal, cuxos pais celebraron a súa vitoria desde unha panadería, onde traballan día e noite, como calquera traballador máis”, engade.
Por iso, Iván Raña fai unha petición. “Hai materia prima en Galicia, pero hai que coidala; e non só porque se poidan acadar resultados, senón porque o deporte é saudable, beneficia a quen o practica e a sociedade”, destaca. Ademais, lembra Raña, medallas como as de Cal e Gómez Noya, así como a repercusión, ofrecen unha ocasión perfecta para aproveitar. “Casualidade ou non, nestes días atopeime con moita máis xente andando en bici e correndo e non hai dúbida de que ver xente da casa triunfando nuns Xogos axuda a motivar a xente para que faga deporte”, di.
Aínda así, Iván Raña sabe que as páxinas e reportaxes que agora se cobren de triatlón e Gómez Noya pronto esmorecerán, ao igual que lle ocorría aos seus éxitos. “Competir co fútbol é imposible e eu entendo que sexa o deporte rei porque cun único balón, e sen nada máis, consegues moito”, recoñece o ordense que, no entanto, si cre que os deportes minoritarios “deberían estar mellor vistos e ser máis valorados”. “O taekwondo, o piragüismo, o waterpolo... Todos os deportistas destas disciplinas teñen moito mérito porque turran e turran e ás veces sen ningún tipo de apoio”, conta.
Iván Raña aínda soña con estar en Río en 2016, nos que serían os seus cuartos Xogos Olímpicos
Sabe do que fala e aínda se acorda cando sufría bromas e até descualificacións durante as xornadas de adestramento polas estradas nos anos nos que o triatlón era en Galicia algo así como o fútbol australiano. “Agora o ambiente para practicar este deporte é moito mellor”, asegura un home que espera poder estar en Río de Xaneiro acompañando a Gómez Noya nun novo reto olímpico.
Pero tamén competirá nas esixentes probas de Iron Man, aínda que unha lesión impediulle debutar en Nova York. “Amoloume moito non estar en Londres porque creo que estaba en condicións, pero loitarei por estar en Río”, advirte un deportista que tamén foi copiloto de ralis e que formou parte do equipo ciclista Xacobeo. Iván Raña, o home que pulou polo triatlón en Galicia, un país que agora é potencia mundial.