Galicia, un equipo de dez para os Xogos Olímpicos de Londres

Javier Gómez Noya, nunha foto de arquivo CC-BY-NC-SA Adolf Boluda

Dez, pero de calidade. Galicia ten asegurada a presenza dunha decena dos seus deportistas nos vindeiros Xogos Olímpicos de Londres. Á espera dalgunha praza máis, a arqueira ferrolá Iria Grandal e a balonmanista Begoña Fernández uníronse nos últimos días a unha lista que polo de agora completan os padexeiros David Cal e Teresa Portela, o triatleta Javier Gómez Noya, a atleta Vanessa Veiga, as regatistas Tamara Echegoyen e Sofía Toro, a nadadora Beatriz Gómez, e, por que non, José Antonio Hermida, ciclista de montaña nado en Catalunya, pero que pide a súa cota entre a galeguidade olímpica. “Meus pais son galegos e eu falo galego”, xustifícase.

Agás sorpresas, unha deportista galega máis defenderá a terriña en Inglaterra dentro duns meses. A maratoniana Alessandra Aguilar, a mellor de España na súa disciplina, agarda a que remate a súa sanción para ser confirmada pola Federación Española de Atletismo e acompañar así a Vanessa Veiga, unha atleta que regresa á elite pola porta grande despois de sete anos e tres fillos de paréntese.

Aos dez olímpicos confirmados unirase, agás sorpresa, a maratoniana Alessandra Aguilar

En competicións por equipos, o porteiro vigués Diego Mariño parece un dos fixos na selección olímpica de fútbol, unha das favoritas para acadar unha medalla nos Xogos Olímpicos, mentres que o chantadino Fran Vázquez aspira aínda a formar parte do conxunto de baloncesto, outro dos favoritos no Reino Unido. Non serán as únicas opcións en deportes de conxunto. Begoña Fernández, líder do equipo de balonmán, soña cun metal para poñer un broche de ouro a unha carreira que continuará, pero na que acumula xa incontables éxitos desde que marchara de Vigo hai xa uns cantos anos.

Pero se hai algunha opción segura de éxito olímpico esa está en Aldán (Cangas) e chámase David Cal. O padexeiro galego aspira a se converter (case nada) no deportista español máis laureado na historia olímpica. Conta xa con catro medallas olímpicas (tres de prata e unha de ouro) e vai por máis na capital británica. Alí estará acompañado de Teresa Portela, outra rapaza de Aldán que certificou a súa presenza no K-1 200 logo de impoñerse na Copa de España en Verducido. Outro padexeiro cangués, Carlos Pérez Rial, Perucho, deu a sorpresa negativa ao quedar sen praza olímpica logo de obter a medalla de ouro en Pequín xunto a Saúl Craviotto.

David Cal aspira a se converter no deportista español máis laureado da historia olímpica; Gómez Noya é unha baza segura no triatlón

Tamén nas augas, pero desta vez en vela, terá Galicia unha opción de medalla. A pontevederesa Támara Echegoyen e a coruñesa Sofía Toro, xunto a asturiana Ángela Pumariega, serán as repreentantes españolas na clase Match Race.

E nas augas, pero tamén por terra e en bicicleta, loitará o ferrolán Javier Gómez Noya por unha medalla. Se hai algún deportista galego no que confía a afección é este triatleta, recentemente proclamado campión de Europa e cun palmarés envexable. Os problemas físicos sufridos na última cita olímpica impedíronlle lograr un soño polo que pelexará en Londres, onde non estará o ordense Iván Raña, que quedou fóra ás últimas de cambio malia a súa experiencia anterior nos Xogos.

A nadadora Beatriz Gómez, de 17 anos, e a arqueira Iria Grandal, de 21, tamén conseguiron praza nos Xogos Olímpicos

Quen debutará será a rapaza Beatriz Gómez. A nadadora pontevedresa acadou unha praza nos 200 estilos con tan só 17 anos. Con catro anos máis, 21, outra moza, a arqueira ferrolá Iria Grandal,  conseguiu tamén unha praza olímpica no equipo español de tiro con arco.

De momento son dez, pero aínda poden ser máis. Os atletas David Gómez e Lolo Penas apuran as súas últimas posibilidades para acudir a Londres neste verán, ao igual que a tenista Lourdes Domínguez. De aquí a aló, algunha sorpresa máis pode caer do lado da Galicia olímpica. Unha representación pequena, pero de dez.

Hermida, co maillot de campión do mundo © hermidabike.com
Vanessa Veiga, durante o campionato de España de maratón CC-BY foroatletismo.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.