Era merecida. E gañouna. Javier Gómez Noya xa ten unha medalla olímpica que completa o impresionante palmarés dun galego que acadou a prata, pero que é de ouro. O triatleta ferrolán logrou por fin o soño que buscaba desde hai anos. O obxectivo que ansiaba, sobre todo desde aquel cuarto posto en Pequín. Este martes, en Londres, na casa dos seus principais rivais, os irmáns Brownlee e polas rúas míticas da urbe británica, no mellor escenario posible para honrar un campión que levou Galicia ao Olimpo, aló onde xa está el tamén. Meteuse no medio dos dous favoritos e converteuse en novo subcampión olímpico.
Gómez Noya situouse en cabeza desde o principio e xa saíu segundo da auga
E tanto quería ese metal Javi que o demostrou desde o primeiro momento. Saíu xa segundo da auga e colocouse desde os inicios no grupo de cabeza, destacado con outros catro triatletas entre os que tamén estaban os irmáns Brownlee, as principais ameazas. E fíxoo nunha carreira trepidante e memorable, rota desde o principio, a máis rápida que se lembra nunha disciplina tan dura como espectacular. Pero Javi tivo forzas e folgos. Tamén ánimos, os que lle deron afeccionados e moitas bandeiras galegas que se puideron ver durante o percorrido, a mesma enseña que a el lle prohibiran ao celebrar outra vitoria.
Xuntáronse máis deportistas ao grupo de cabeza no sector ciclista e alí empezou o galego a intentar controlar a competición, aínda sendo consciente de que non lle cumpría unha carreira compacta. Até 22 deportistas se arrexuntaron nun grupo no que tamén se meteron os neocelandeses, co medallista olímpico Doherty entre eles. Gómez Noya estaba só ante as tácticas de equipo de alemáns e británicos, pero o ferrolán seguiu arriba e logrou comezar na quinta posición os 10 últimos quilómetros da carreira a pé, cos Brownlee na cabeza.
E aí apareceu a grandeza do galego. Escapouse cos irmáns británicos desde o principio, loitando contra os dous en solitario nunha carreira enorme. Aguantou e aguantou até que Jonathan Brownlee tirou a toalla -máis aínda logo de quince segundos de sanción- e deixou a pelexa entre Alistair e Javier, que chegaron ao final da proba como líderes en solitario. Era medalla segura, pero había que loitar polo ouro.
Loitou até o final. Sufriu, apertou os dentes e tentouno todo ante a fortaleza dun Alistair que ía collendo vantaxe. Non puido alcanzalo, pero acadou a prata ao carón de Buckingham Palace, onde a raíña de Inglaterra, onde o rei do triatlón. Un galego enorme que acabou deitado no chan, rebentado por un esforzo que pagou a pena, un esforzo incrible nunha carreira rapidísima e que acabou coas forzas do bronce olímpico, Jonathan Brownlee, retirado en padiola na súa chegada a meta.
O ferrolán puxo o broche de ouro a un palmarés envexable cunha carreira memorable
Dous campionatos do mundo, tres de Europa, doce da Copa do Mundo, innumerables torneos estatais e agora unha medalla olímpica -a cuarta da delegación española- contemplan un deportista exemplar, dentro e fóra das competicións. Este galego fillo da emigración -nado en Basilea, criado en Ferrol e residente en Pontevedra- puxo o broche de ouro a unha carreira envexable e a unha capacidade de sacrificio e superación que representan como poucas o espírito olímpico. Ninguén merece máis o recoñecemento da competición máis grande que Javier Gómez Noya, ese nadador convertido en triatleta que loitou por recuperar a licenza para competir internacionalmente logo de que lle detectasen en 1999 unha anomalía cardiaca que ameazaba con retiralo ás primeiras de cambio.
Recuperou o permiso internacional en 2003 e ese mesmo ano gañou o Campionato do Mundo sub 23. Desde aquela, e durante case dez anos, acumula unha morea de éxitos tempada a tempada e carreira a carreira. Pero faltáballe o éxito máis grande, aquel co que todo deportista soña desde que comeza a competir. E co que tamén soñaba Iván Raña, pioneiro nos éxitos do triatlon en Galicia, outro dos artífices de que o país sexa unha referencia mundial nunha disciplina que xa ten un mito máis. Gómez Noya, un galego para a historia.