Falamos co autor de Futbolistas de izquierdas (Ed.Leeme, abril 2013), Quique Peinado, quen nos ensina historias de compromiso e valentía de xogadores que en tempos de éxito se atreveron a posicionarse e a rachar co dogma de que futbol e política non se poden mesturar. Este xornalista e “barrionalista” vallecano aborda en 234 páxinas relatos e anécdotas de futbolistas que cos seus xestos tamén fenderon aquilo de que o deporte rei só pode ser pan e circo.
Un exemplo é Pahíño, xogador galego profesional entre 1943 e 1957, amante da literatura rusa e que se atreveu a rir do militar franquista que en 1948, en Zurich, no estadio do Grashopper, lles pedía como xogadores da selección española “collóns e valentía”. Era o seu primeiro partido como internacional, e malia ao seu altísimo nivel de xogo, só disputaría dous partidos máis con esta selección. Vetado por ser de esquerdas e namorado de Tolstoi e Dostoievski, foi un heroe da súa época.
Outro caso de ousadía foi o de Manzanera e Aguirre, xogadores do Racing de Santander, que en setembro de 1975 saltaron ao terreo de xogo con cinta negra polos derradeiros fusilamentos do franquismo
Outro caso de ousadía foi o de Sergio Manzanera e Aitor Aguirre, xogadores do Racing de Santander, que o domingo 26 de setembro de 1975 saltaron ao terreo de xogo con cinta negra de botas no brazo polos derradeiros fusilamentos do franquismo. Os grises encheron o vestiario no descanso e obrigaron a estes dous bravos xogadores a quitar o seu brazalete caseiro. Foron multados e ameazados pola ultradereita. Rescatar esta e outras moitas historias paga a pena. Sobre fútbol, política e xornalismo falamos con Quique Peinado.
Como xorde a idea de levar adiante este libro?
Hai unha revelación que foi cando lin unha reportaxe de Enric González sobre Cristiano Lucarelli (xogador italiano, do Livorno, famoso por renunciar a parte do seu salario por xogar na súa equipa de toda a vida e pola súa ideoloxía comunista). Gustoume moito esa historia e tiven a sensación de que aí había un libro porque debía haber máis historias semellantes sobre futbolistas de esquerdas. O que si foi un proceso longo foi investigalo, saber deses xogadores, documentalo, contactar con eles, e iso levoume máis dun ano e medio.
"Eu son de esquerdas, non é nada secreto. Imaxino que como son de Vallecas se unen estas dúas paixóns"
Por que decides falar destes xogadores e non doutros? Que é o que marca a túa aposta pola temática do libro?
Eu son de esquerdas, non é nada secreto. Imaxino que como son de Vallecas pois que se unen estas dúas paixóns: o fútbol, porque me gusta este deporte, fun xornalista deportivo, e porque existe o Rayo Vallecano, que é o meu equipo e a miña paixón. Sempre me interesou o xornalismo deportivo que vai un pouco máis alá do puro xogo, que me aborrece un pouco, gústame todo o social que rodea o deporte.
Escollín a etiqueta esquerdas nun sentido moi amplo: desde xente do PSOE, maoistas, anarquistas, porque se me cinxía moito igual non había libro. Tomei as miñas decisións e historias que non me prestaban non as escribía, e tamén decidín non escribir historias da guerra civil porque, agás en casos moi concretos, na miña opinión determinar se un estivo nun bando ou noutro por cuestións ideolóxicas non é tan sinxelo. Como non son historiador e non me vía con esa capacidade de atopar verdades, porque a maioría deses protagonistas están mortos e non lles podes preguntar a eles, pois decidín non introducir futbolistas da guerra civil.
No teu libro ten un papel moi salientábel a ditadura arxentina e como se utilizou o fútbol como narcótico para esa sociedade, como foi o achegamento a esa parte da historia recente do fútbol latinoamericano?
Do mundial do 78 hai moita xente viva, e protagonistas que si que o viviron. O xornalismo arxentino fixo moi bo traballo, así que foi para min moi importante tratar este acontecemento deportivo, e como co paso do tempo se fixo autocrítica do que alí aconteceu, baixo a ditadura de Videla, e todas as contradicións que tiveron tanto os futbolistas protagonistas como até fuxidos da ditadura, que querían ver gañar a súa selección, máis alá do que representase nese momento.
"Non me gustan os mitos; o meu pequeno labor era non construír mitos onde non os había nin tratar as personaxes cun cariño desmedido"
Tentas tamén esclarecer canto hai de fábula en moitas destas historias futbolísticas, canto hai de construción, nun traballo de procura de diversas fontes, e falar coas testemuñas da época...
Non me gustan os mitos, non son nada mitómano, porque creo que detrás desas construcións se agochan moitas mentiras. O meu pequeno labor era non construír mitos onde non os había nin tratar as personaxes cun cariño desmedido, porque non quería poñer un filtro excesivo no enfoque. Non pretendía ser neutral, porque non se debe nin se pode ser neutral, pero si quería ser escéptico.
Outro grupo que ocupa boa parte do teu proxecto son os xogadores vascos. A que se debe esa predilección? Son os que máis se teñen significado no Estado?
Son o colectivo máis numeroso que se ten pronunciado politicamente e de maneira máis clara sobre temas como a autodeterminación, os presos políticos, e cos que máis teño conversado. Eu teño moita simpatía persoal por esa zona e sempre me interesou moito todo o que alí acontecese. Creo que calquera, aínda que non tivese esta paixón, chegaría á mesma conclusión.
"Nacho foi vítima dunha guerra que había no xornalismo deportivo contra Javier Clemente. El non renunciou á selección, porque non tivo esa posibilidade de ser convocado. Outra cousa é que seguramente si que renunciaría no caso de que o chamasen"
Tamén Galiza ten dous protagonistas: Nacho e Pahiño
Si, Nacho non quixo falar. Contactei con el a través da xente de Siareiras Galegas, que é o colectivo que reivindica as seleccións nacionais. Pareceume ben porque despois de tantos anos e toda a construción que fixera o xornalismo deportivo, el nunca quixo falar da polémica sobre se renunciara á selección española. Nacho tamén foi vítima dunha guerra que había no xornalismo deportivo contra Javier Clemente. El non renunciou á selección, porque non tivo esa posibilidade de ser convocado. Outra cousa é que seguramente si que renunciaría no caso de que o chamasen.
O caso de Pahíño é o dun heroe. Cheguei a falar con el, pero el xa era moi maior e foi unha entrevista telefónica. Pensaba, lía e quería ser moito máis nunha época na que a obriga era non ler, non pensar, e non actuar. El tampouco foi alguén que fixese unha protesta consciente contra o fascismo, pero actuou como calquera persoa intelixente, ríndose dun militar que entrou no vestiario a darlles unha arenga.
"Sócrates entendía o fútbol como a arte, e considerábao como unha escusa para outras cousas"
Cal é o teu personaxe favorito de Futbolistas de esquerdas?
O meu xogador favorito é Socrates, polo seu discurso intelectual, a súa estética, o seu xeito de xogar ao fútbol e aprender del. Paréceme un xogador que estivo moi por riba do resto, e debería estar noutra escala. Debería ser considerado parte dos intelectuais, porque tiña pensamentos verdadeiramente profundos sobre a natureza do fútbol e da vida. El entendía o fútbol como a arte, e considerábao como unha escusa para outras cousas. Eu nos tempos actuais considero que o fútbol é moito máis prosaico do que nos queren vender.
No mundial de México cando a España lle rouban un gol pantasma de Michel contra a súa selección, Sócrates fai unhas declaracións nas que manifesta que foi un roubo, porque á FIFA lle interesa que a final sexa Brasil-Mexico, e que a súa propia selección recoñecía que a favorecían os árbitros. É dunha grandeza brutal. Sócrates consideraba o fútbol como un camiño e non como un fin.
"Moitos xornalistas deportivos, que teñen talento e que lles gustaría facer outra cousa, encóntranse con que o que vende é outra cousa, ou iso é o que din"
Entón, desde a túa experiencia, por que non se aposta por outro tipo de xornalismo no mundo do deporte?
Se queres facer determinado xornalismo deportivo é moi complicado pagar o aluguer. Moitos xornalistas deportivos, que teñen talento e que lles gustaría facer outra cousa, encóntranse con que o que vende é outra cousa, ou iso é o que din. Eu non teño moi claro que o xornalismo deportivo maioritario é o que quere a xente, pero polo de agora son eses posicionamentos os que teñen o mercado. Os que apostamos por outra cousa estamos condenado a traballar noutros eidos, e ter o xornalismo máis como un hobby, ou algo que complementa.
"Ninguén se queixa de que aos clubes lles perdoen centos de millóns de euros de débedas e ninguén vai facer escraches a estas sedes, que é o que debería acontecer"
A que cres que se debe ese dogma tan estendido de que fútbol e política non se deben mesturar?
Só pasa co fútbol, pero isto non acontece por exemplo cando sobes a un taxi. Aí soltanche unha leria tremenda sobre política que non o podes crer. No fútbol ninguén se queixa de que estean cheos de políticos os palcos, que teñan tratos coas autoridades desde as directivas para que lles recalifiquen os terreos, que aos clubes lles perdoen centos de millóns de euros de débedas, e ninguén vai facer escraches a estas sedes, que é o que debería acontecer. Si que está moi mal, din, que se mesture fútbol e política, que os xogadores ou as afeccións falen de política. É unha diatriba que non se entende, senón fose porque a maioría da xente que reclama que non se mesture fútbol e política é de dereitas. Disto teño constancia pola retroalimentación do meu libro, e o que queren dicir é que non hai que mesturar o libro coa política que a eles non lles interesa.
Un 1 por cento do recadado vai para Contraminate, a rede de colectivos contra a minaria salvaxe no noso territorio, como decidides achegar a esta causa?
A editorial dá un 1% sempre a unha asociación, organización ou proxecto por cada libro. A raíz do libro souben do que estaba a acontecer en Galiza. A correctora do libro está nesta asociación, e eu sóubeno a posteriori, e estou ao 100%, paréceme unha causa xustísima. Pode que as autoridades e administracións de aquí non queiran frear estes proxecto, pero creo que en Europa non autorizarán estes plans, porque non ten ningún sentido e é a deshumanización cara onde nos queren conducir.