O Celta afunde no pozo

Un intre do Celta-Rayo © Celta de Vigo

O Celta caeu esta mañá por 0-2 ante o Rayo Vallecano en Balaídos. Os visitantes sentenciaron o Celta en dúas das numerosas contras das que dispuxeron transformadas en gol por ‘Piti’ de tacón e por Delibasic. O Celta desperdiciou a ocasión de saír do descenso nun partido na casa, o primeiro de catro que tiña que gañar como fose para salvarse, e o primeiro unha vez pasados os choques cos grandes da liga. Así, suma o seu quinto partido sen gañar e queda penúltimo, a tres puntos da permanencia antes de afrontar dous encontros clave ante Mallorca e Zaragoza.

O partido foi moi aberto, con moitos espazos ás costas de ambas defensas cando ambos equipos saían á contra. Contar o balón era fundamental, por iso dez xogadores, cinco de cada equipo, acabaron amoestados. Foi decisiva a velocidade dos homes de ataque do Rayo á contra con espazos nun partido no que Demidov marchou mancado no descanso tras unha carreira con Leo Baptistão. Por outra banda, no día do club no que os abonados podían retirar cantas entradas quixesen a metade de prezo, Balaídos rexistrou unha entrada de case 19.500 espectadores.

O Celta desperdiciou a ocasión de saír do descenso nun partido na casa, o primeiro de catro que tiña que gañar como fose para salvarse,

Álex López volvía ao once titular do Celta, mentres Pranjic pasaba á esquerda e deixaba no banco ao recuperado Krohn-Delhi. O partido comezou aberto e con intensidade. O Rayo avisou no minuto 5 cun a man que Javi Varas despexou providencial ante Leo Baptistão. Reaccionou entón o Celta con empuxe, e Park, que suplía na dianteira ao sancionado Iago Aspas, non atinou a rematar un centro de Cabral. Non obstante, no minuto 14 chegou o primeiro revés: Lass caza un balón na área, intérnase pola esquerda e sérvelle o primeiro gol a ‘Piti’, que remata de tacón na área pequena.

A partir de entón o Celta asumiu o control do partido e o conxunto madrileño limitouse a contragolpear. Iso si, cada vez que roubaba e saía á contra sementaba o pánico en Balaídos. Primeiro Leo non chegou a rematar un mal disparo de Lass, despois desperdiciou un novo man a man ante Varas, obstaculizado por un Demidov que se mancou nesa xogada, e logo o meta celeste tivo que despexar un gran disparo desde lonxe do excéltico Trashorras, que volvía a Balaídos. Entre tanto, o Celta creou algunhas ocasións por medio de Park e Augusto. O surcoreano volveu estar desacertado de cara a gol, errando un disparo con todo de cara e un remate de cabeza só ante Rubén. Augusto tamén tivo o tanto nun disparo detido polo meta do Rayo.

Jonathan Vila substituía o mancado Demidov no descanso, mentres o Rayo Vallecano saíu no segundo tempo querendo controlar o partido, como xa fixera no tramo final do primeiro acto. No minuto catro sucedéronse as ocasións en ambas porterías, primeiro cun disparo alto desde a frontal de Oubiña e despois cun tiro ao pau de Leo Baptistão tras unha mala cesión de Cabral a Javi Varas.

A partir desde momento, baixou o Rayo e medrou o Celta grazas ao seu empurre. Mario Bermejo substituíu a Park e os seguintes quizais foron os mellores minutos do Celta no partido. Urxía a necesidade, esgotábase o tempo e había que empatar. O dominio non se traduciu en ocasións claras, pero Bermejo pediu penalti por agarrón no lanzamento dunha falta e Rubén despexou un bo disparo de Augusto. Abel esgotaba trocos metendo a Krohn-Delhi por Pranjic e o chegaba o festival de cartóns amarelos: seis en oito minutos do 19 ao 27 do segundo tempo.

O Celta perdeu gas e o Rayo, que inquietou a Varas cun lanzamento de falta de ‘Piti’, volveu facerse co mando da situación. Delibasic entraba por Leo no segundo troco visitante e, catro minutos despois, no 38 do segundo tempo, poñía a sentenza rematando unha gran suba pola esquerda do lateral Casado. Cabral, que acudira a tapalo, habilitaba a posición do dianteiro serbio, que entrara só polo centro. A defensa adiantada proposta por Abel volvía facer augas, ao mesmo tempo que esvaecían as esperanzas de remonta. Nin sequera puido reaccionar o Celta ao trompazo, máis ben foi o Rayo quen tivo o terceiro nun novo man a man abortado por Varas no tempo de desconto.

Un intre do Celta-Rayo © Celta de Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.