O Celta paga a súa valentía ante o Real Madrid

Celta - Real Madrid Dominio Público Praza Pública

O Celta caeu onte en Balaídos por 1-2 ante o Real Madrid nun partido moi aberto con infinidade de ocasións claras en ambas porterías. Aínda que o adestrador do Celta eloxiou o contragolpe dos brancos na previa do choque, a súa atrevida aposta era moi arriscada ante o poderío do ataque branco con espazos ás costas da defensa. Funcionoulle nos primeiros vinte minutos, pero despois o Real Madrid contou con ata catorce ocasións claras, das que só transformou dúas pola súa falta de acerto e pola gran actuación do porteiro céltico Javi Varas.

Cristiano Ronaldo marcou os dous tantos do Real Madrid, o segundo ó transformar un penalti cometido polo meta celeste sobre Kaká, mentres que Iago Aspas, o mellor no ataque vigués, anotou entre medias o gol celeste. O Real Madrid puido sentenciar despois, pero o Celta tamén puido empatar cun remate de cabeza ó traveseiro de Park. Álex López retirouse mancado ó inicio da segunda metade cunha posible sobrecarga no bíceps femoral que lle pode impedir xogar o derbi galego do próximo venres.

O Real Madrid dispuxo un once con moitos suplentes na zona defensiva pero un ataque demoledor con Ozil, Cristiano Ronaldo e Benzema. O Celta comezou o partido apertando arriba e creando perigo na meta do galego Diego López. Só pasaran 13 segundos cando Iago Aspas obrigou a intervir ó porteiro do Real Madrid. Un disparo de Augusto, outro cruzado do moañés e unha volea de Álex López tamén puxeron en perigo a portería madridista nos primeiros dez minutos, nos que a estatística reflectía catro tiros a porta do Celta por ningún do Real Madrid. A defensa adiantada proposta por Abel Resino conseguía deixar en fora de xogo ós atacantes brancos. De Lucas, titular, disparou unha falta escorada á esquerda lambendo a cruceta no minuto 20.

Non obstante, a partir de aí o Celta diluíse. O Real Madrid fíxose co mando do partido e empezou a crear perigo. En tres minutos, un disparo de Cristiano Ronaldo, outra xogada na que o portugués cede atrás só ante Varas e unha parada co pé do meta céltico ante un Benzema só que iniciaba o seu recital na portería. As ocasións a favor do Real Madrid sucedíanse no último cuarto de hora do primeiro tempo: un remate de cabeza de Benzema, unha incursión de Marcelo, un disparo de Callejón só ante Varas e un remate de cabeza de Cristiano ó traveseiro. Oito ocasións claras do Real Madrid na primeira metade por cinco do Celta. Era un milagre que o resultado fose de empate a cero.

No tempo de descanso entrou Xabi Alonso por Khedira na medular madridista, quen asumiu o control do partido no centro do campo. Álex López mancouse nunha carreira e foi substituído por Pranjic. Entre tanto, o Real Madrid seguía desperdiciando ocasións ante o muro de Varas, que detivo outro disparo de Benzema. Pouco despois Marcelo rematou alto e un novo tiro do francés á rede era anulado por claro fóra de xogo.

Bermejo entraba por De Lucas no ataque celeste xusto antes de que, nun córner, Cristiano Ronaldo cazase un rexeite na área con Varas desprazado e o mandase ó fondo das mallas. O Real Madrid poñíase por fin por diante no minuto 15 da segunda metade na súa duodécima ocasión clara. Non obstante, dous minutos despois, un remate de Iago Aspas a un centro de Augusto tocaba en Pepe e entraba con suspense na meta de Diego López. Décimo gol na liga do moañés para un Celta que empataba tras moitos minutos sen aparecer pola área rival.

O gol deulle ás ó Celta, que mesmo estivo a piques de marcar tras un erro de Diego López ó intentar atrapar o balón. Pola súa parte, Mourinho metía todo o arsenal ofensivo a falta de 25 minutos: Kaká por Callejón e Higuaín por Benzema. Un pase ó espazo cara ó brasileiro deixouno só diante de Varas, que entrou cos pés cometendo penalti claro. A única dúbida posible reside na posición de Kaká. Cristiano Ronaldo transformaba a pena máxima no 25 do segundo tempo marcando o seu segundo tanto.

A partir de entón, o Celta foise cara arriba na busca do gol do empate e o encontro converteuse nun constante ida e volta. Iago Aspas seguiuno intentando para o Celta, que puido empatar cun remate de Túñez nun córner que desviou Essien. Krohn-Delhi deixaba o seu sitio a Park, quen gozou das últimas tres ocasións para o conxunto vigués, entre elas un remate de cabeza ó traveseiro con Diego López batido. Pero o Real Madrid saía á contra como máis lle gusta e Higuaín desperdiciou dous man a man só ante Varas para sentenciar o encontro, un deles cunha nova gran intervención do porteiro do Celta.

Así pois, con esta derrota e a vitoria do Mallorca, o Celta descende ata a penúltima posición só por diante do Deportivo. Aínda así, á espera do que ocorra esta noite entre Zaragoza e Granada quédase a dous puntos da salvación. A próxima cita será o derbi galego do vindeiro venres en Riazor. Iso si, volveuse demostrar que a afección está co equipo, pois máis de 25.000 persoas abarrotaron as bancadas do municipal vigués nunha tarde chuviosa. Como dicía unha pancarta: “Un celtista xamais se rende”.

Celta - Real Madrid Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.