O Celta volve gañar con Abel

Celta-Granada Dominio Público Praza Pública

Unha das máximas máis recorrentes no fútbol, a de “adestrador novo, vitoria segura”, cumpriuse este domingo en Balaídos e trouxo tres puntos esenciais para o Celta na estrea de Abel Resino. Non completou o equipo celeste unha boa actuación, xa que volveu amosar as carencias que o levaron ata a posición comprometida na que se atopa, pero obtivo un triunfo vital por 2-1 tras seis partidos sen gañar.

O conxunto vigués colócase a dous puntos da salvación

Iago Aspas volveu marcar tras seis xornadas, Ighalo empatou para o Granada cunha gran volea e Mario Bermejo, ingresado no segundo tempo, marcou o tanto da vitoria cun remate afortunado a dez minutos para o final. O Celta puido sentenciar pouco despois cun disparo de Augusto e outro de De Lucas no desconto, pero tivo que acabar na súa área sufrindo ata o final. O conxunto vigués colócase a dous puntos da salvación.

Abel Resino non introduciu ningún cambio no once habitual das últimas xornadas con Paco Herrera. Pola súa parte, o Granada viña nunha liña ascendente trala chegada de Lucas Alcaraz. O inicio céltico foi moi prometedor: presión arriba, defensa adiantada e xogo directo cara o ataque, optando polo balón longo, incluídos os saques de portería, para evitar a presión do Granada. Ó Celta custáballe moitísimo saír desde atrás co balón xogado. Así chegaron as primeiras ocasións: un disparo desviado de Iago Aspas e un tiro e posterior cabezazo de Augusto abortados por Toño.

Non obstante, o Granada sacudiuse o dominio inicial dos vigueses e asentouse sobre o céspede de Balaídos. O partido igualouse e careceu de chegadas por uns minutos, ata que Iago Aspas disparou alto un lanzamento de falta. No minuto 23, o rexeite dun disparo de Álex López caeulle franco a Iago Aspas, que picou coa zurda por enriba de Toño marcando o primeiro. O moañés volvía ver porta tras seis partidos sen anotar facendo o seu noveno gol en liga.

Pero a alegría duroulle pouco ó Celta. Catro minutos despois, unha entrada pola dereita de Nyom rematou nunha volea poderosa de Ighalo, libre de marca, ó fondo da rede de Varas. O dianteiro era perseguido por Joni, un novo erro defensivo volveu custar un gol en contra ó Celta. Despois,  Augusto non conseguiu rematar nunha acción na área do Granada e Torje respondeu cun cabezazo desviado por pouco nuns últimos minutos do primeiro tempo nos que mandaron os célticos.

Saíu mellor o Granada tralo descanso, pero o Celta tivo a máis clara nas botas de Álex López tras un gran pase de Augusto. Ó ferrolán pechóuselle a persiana ó encarar a Toño e Nyom abortou o perigo. Abel moveu o banco para meter a Bermejo e De Lucas en lugar de Orellana e Krohn-Delhi. O Granada estaba mellor plantado sobre o terreo de xogo e daba máis sensación de perigo, sobre todo cando entraba pola banda esquerda con Nolito e Siqueira contra Joni. Ighalo disparou á parte superior do traveseiro.

Pouco despois un remate de cabeza de Roberto Lago tocaba na man de Torje antes de que o atrapara Toño. Unha man reclamada pero, en todo caso, totalmente involuntaria. Jonathan Vila substituía ó mancado Demidov na zaga celeste, que se amosaba nerviosa por momentos e con moitas dificultades para sacar o balón. Siqueira volveu levar o medo a Balaídos cando non chegou a rematar só ante Varas.

O Celta agárdalle nas próximas xornadas o tramo difícil do calendario, no que se enfrontará a Sevilla, Real Madrid, Deportivo e Barcelona. Antes diso acadou un triunfo que lle permite seguir soñando coa permanencia

No minuto 80 de partido, Iago Aspas tocaba de cabeza un centro de Augusto e o balón lle quedaba a Bermejo, que rematou de xeito moi defectuoso, pero marcou o tanto da vitoria celeste. Balaídos respiraba ante tanto sufrimento. Despois chegaron minutos frenéticos con ocasións para os dous equipos. O Celta puido sentenciar cun tiro desviado de Augusto, o Granada puido empatar cun globo de Aranda que se foi alto por pouco.

Lucas Alcaraz metía toda a artillería e o Celta pechábase na área para manter o resultado. De Lucas puido facer o terceiro no desconto, pero fallou incomprensiblemente coa zurda. O partido rematou para alivio do, case 18.500 persoas que acudiron a Balaídos nun momento moi delicado do seu equipo. O Celta agárdalle nas próximas xornadas o tramo difícil do calendario, no que se enfrontará a Sevilla, Real Madrid, Deportivo e Barcelona. Antes diso acadou un triunfo que lle permite seguir soñando coa permanencia.

Celta-Granada Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.