O Octavio gaña ao final un encontro igualado

Academia Octavio © Praza Pública

O Academia Octavio de Vigo venceu este sábado o Villa de Aranda 29-28 no pavillón das Travesas nun choque equilibrado que non se resolveu ata o último minuto. Un gol de Isma Juárez certificaba a vitoria do Octavio, un triunfo sufrido despois dun final agónico, que deixaba os dous puntos en Vigo. Despois de perder o derbi ante o Cangas e ante o Atlético de Madrid de xeito contundente na Copa do Rei, o Octavio volve gañar tras tres semanas sen facelo.

Despois de perder o derbi ante o Cangas e ante o Atlético de Madrid de xeito contundente na Copa do Rei, o Octavio volve gañar tras tres semanas sen facelo

Os vigueses arrincaron moi ben, con dous goles no primeiro minuto de partido. Pero o Villa de Aranda, conxunto da localidade de Aranda de Duero, reaccionou rapidamente cun parcial de 5-0 que poñía o 2-5 no marcador das Travesas. Parcial conseguido grazas ó máximo goleador da Asobal, Enrique Plaza Lara, e ás achegas dos extremos Gañarul e Hugo Garza, natural de Lugo. Outro galego, o gardameta do Rosal Javi Pérez Díaz, era un muro para os xogadores do Octavio, que estiveron nove minutos sen marcar. Kallman logrou por fin o 3-5, e o Octavio conseguiu volver igualar o encontro a seis ao resolver Jabato un contraataque.

Tras uns intres equilibrados, o Octavio conseguiu abrir distancia no tramo final do primeiro tempo. Marchouse de tres goles ata o 11-8, e mantivo esa diferenza ata o 15-12. Eran os mellores minutos do Octavio no partido grazas ás achegas dos extremos Juárez, Cerillo e Jabato e tamén do prometedor central Pablo Cacheda. Juárez lanzaba os sete metros despois de que o tirador máis habitual, Cerillo, errase o primeiro. Nos últimos momentos do primeiro tempo, dous goles de Diego Camino permitiron que o Villa de Aranda recortase diferenzas para chegar ó descanso con 16-14.

Seguiu a boa dinámica do Octavio no segundo acto. Dous goles de Pablo Cacheda e dúas exclusións en nove minutos do lugués Hugo Garza posibilitaron que o Octavio volvese marchar no marcador ata o 20-16. Non obstante, con dous goles do extremo dereito Gañarul e outros dous de Maki, grazas a dous contraataques e un rebote, o equipo castelán-leonés volveu igualar a 20. As perdas de balón do Octavio en ataque, particularmente do sueco Kallman, desesperaban á bancada.

As perdas de balón do Octavio en ataque, particularmente do sueco Kallman, desesperaban á bancada

Así, a falta de 17 minutos o marcador estaba igualado. Subiu entón a intensidade e As Travesas comezou a facerse notar. Nos seguintes minutos nin Octavio nin Villa de Aranda conseguían abrir distancia. Un sete metros supoñía a segunda exclusión dos visitantes no mesmo minuto, a falta de 11. Cerillo volveu lanzar e marcar poñendo o 24-23. O Octavio aproveitou a superioridade situándose dous goles por riba, pero o Villa de Aranda seguía vivo. Dúas paradas consecutivas do meta do Octavio Lloria permitiron manter a distancia de dous goles, pero os vigueses sempre perdoaban cando tiñan a posibilidade de colocarse con tres goles de vantaxe.

O Octavio suma o seu terceiro triunfo na Asobal, dous puntos que lle permiten escalar dous postos na táboa ata o duodécimo e afastarse da zona de descenso

A diferenza oscilaba entre un e dous goles. Había partido e tocaba sufrir. Con 28-26 no minuto 28 Vargas era excluído ante as protestas do respectable. Marcou Gañarul para os visitantes, pero Juárez, a menos de medio minuto para a conclusión, poñía o 29-27. Era o gol da vitoria. Vitoria agónica, vitoria sufrida nun final moi intenso. As Travesas respirou. O Villa de Aranda marcou un gol insuficiente para o 29-28 final. Así, o Octavio suma o seu terceiro triunfo na Asobal, dous puntos que lle permiten escalar dous postos na táboa ata o duodécimo e afastarse da zona de descenso.

Academia Octavio © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.