Oubiña salva un punto para o Celta

Dominio Público Praza Pública

O Celta empatou 2-2 ante o Barcelona este sábado en Balaídos. Borja Oubiña anotou o gol do empate no minuto 88 nun remate de cabeza a centro de Augusto. Natxo Insa marcou o outro tanto céltico, mentres que Tello e Messi fixeron os dous goles do Barcelona. O extremo esquerdo azulgrana foi o que xerou máis perigo á zaga celeste, mentres Messi completou unha volta enteira, é dicir, 19 partidos seguidos, marcando. O colexiado Mateu Lahoz non viu un penalti bastante claro de Demidov a Messi na primeira metade.

Tello foi o que xerou máis perigo á zaga celeste, mentres Messi completou unha volta enteira, é dicir, 19 partidos seguidos, marcando

O Barcelona dispuxo un once con moitos suplentes ante as baixas tralos partidos da selección e o encontro de Champions ante o PSG do martes. Nel estaban o ex céltico Pinto e Thiago, fillo do ex céltico Mazinho. Outro ex céltico, o agora adestrador azulgrana Tito Vilanova, non estivo en Vigo pero regresou esta semana de Nova Iork. Abidal tamén volveu entrar unha convocatoria aínda que non xogou. O Celta tamén contaba con moitas baixas, ata sete, cinco por lesión e dúas por sanción, entre elas varios habituais nas aliñacións como Iago Aspas, Álex López, Túñez ou Kroh-Delhi. Así, Cabral volveu á zaga, Natxo Insa actuou de medio centro, Augusto, Orellana e Pranjic en tres cuartos e Park arriba.

Sen Xavi nin Iniesta, entre outros, o Barcelona non foi nin moito menos o equipo que acostuma. Moito dominio, posesión estéril, pero bastante pouco perigo sobre a portería rival. Pola súa parte, o partido do Celta foi defensivo: repregado e saíndo á contra esporadicamente evitando que o Barcelona roubara o balón en campo contrario. Así, nos primeiros 25 minutos apenas se pisaron as áreas. O Barcelona tiña a pelota, a maioría do tempo en zona defensiva, e non facía dano ó Celta. Tello, na banda esquerda, era o único que levaba algo de perigo. A única acción a destacar foi un gol anulado a Augusto por claro fóra de xogo.

O choque animouse ó fío da media hora. O Celta tivo a súa primeira ocasión clara nun disparo de Oubiña desbaratado por Pinto tras unha xogada estraña na que, en primeira instancia, Pinto tivo que despexar un balón que dera en Piqué. Pouco despois o colexiado Mateu Lahoz non viu un penalti a favor do Barcelona nunha acción de Demidov sobre Messi. Tello, que seguía dándolle á tarde ó lateral da canteira do Celta Jonny, disparou alto noutra incursión pola banda esquerda. Pouco despois Oubiña rematou de cabeza fóra un córner e se sinalou un fóra de xogo claro antes de que Messi marcara.

No minuto 38, nunha contra entre Park, Augusto, Orellana e Insa, o medio centro do Celta marcou o primeiro tras rematar un disparo frouxo do chileno. Reaccionou o Barcelona primeiro cunha falta tirada por Messi que despexou Varas e despois cunha asistencia do arxentino Tello mandou á rede cun disparo cruzado xunto ó poste. Era o 1-1 cinco minutos despois do tanto do Celta e preto do tempo de descanso.

O conxunto celeste colócase a catro puntos da permanencia tralo punto sumado polo Zaragoza ante o Real Madrid e á espera do que ocorra no trascendental Mallorca-Deportivo

O segundo tempo comezou como o primeiro, cun ritmo moi baixo. O Barcelona seguía tendo a pelota sen consecuencias para a meta de Javi Varas. Só Tello creaba perigo, primeiro cun disparo e despois con outra xogada anulada por fóra de xogo que rematou na rede. O Celta apenas se achegou pola área do Barcelona na segunda metade, unha das súas poucas ocasións foi un disparo desviado de Park.  Ambos adestradores comezaron a mover o banco: no Celta entraron Bermejo e De Lucas e no Barcelona dous titulares como Iniesta e Villa. Precisamente o asturiano ía marcar antes de que Roberto Lago cortase de xeito providencial un centro de Tello.

No minuto 28 da segunda metade, de novo un centro de Tello foi rematado ó fondo da rede por Messi, quen completa unha volta enteira marcando o seu gol número 43 na liga: xa anotou contra todos os equipos da liga. Os dous goles azulgrana saíron da conexión entre Messi e Tello. O partido volveu caer, xa que o Celta, ata pasados uns minutos, non reaccionou. Debutou en liga o medio centro gabonés do filial Levy Madinda, e o Barcelona efectuou un troco defensivo: Busquets por Cesc. O Celta seguiu crendo e no minuto 88, Oubiña rematou á rede un centro de Augusto desde a dereita, salvando un punto que pode ser importante na carreira pola salvación. O conxunto celeste colócase a tres puntos da permanencia tralo punto sumado polo Zaragoza ante o Real Madrid e á espera do que ocorra no trascendental Mallorca-Deportivo.

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.