O amigo Cristóbal Ramírez envíame por correo electrónico a fotografía que acompaña estas liñas. A el pasoulla un amigo seu que a etiquetou co título 1925. Equipo de fútbol feminino no vello campo de Vilanova (foto de Manuel Riesco, Arquivo Municipal de Allariz). A imaxe, non me digan, é fermosa: doce mulleres con peiteados e recollidos estilo belle époque, vestidas con traxes deportivos, posan diante dunha portería en actitude entre seria e desafiante. Unha delas leva un bandeirín deses que aínda hoxe se entregan como cortesía antes dos enfrontamentos amigables no que se le "Celanova al Arnoya S.C.". É, probablemente, un dos primeiros retratos do fútbol feminino galego que existen, ou que eu coñezo.
A Ramírez perdóaselle o seu recalcitrante madridismo por regalos coma este. O caso é que a foto nos dá para pensar un bo pedazo. "Asombran", dime el, "tantas saias curtas neses anos. O amigo de Allariz que colgou a foto di que está documentada así, pero é rarísimo: minisaia a da dereita, saias curtas o resto, e o máis raro: a propia existencia da foto. Allariz era o mundo rural decimonónico, eclesial cento por cento... e non só lles deixan xogar ao fútbol senón que se fagan unha foto nesa actitude!", coméntame. Non lle falta razón: cando aínda hoxe xogar ou arbitrar un partido de fútbol pode ser un auténtico inferno para unha muller (os idiotas abondan nos estadios, polo menos en igual proporción que no resto dos lugares), imaxínense hai cen anos, coa presión da moral, da relixión e do matrimonio ao que en breve se verían abocadas todas estas mozas.
Aproveito para pedirlles información: Quen son estas pioneiras do fútbol galego da foto de Allariz? Que partido foi ese entre Celanova e Arnoia?
Ramírez aínda lle saca outro matiz sorprendente á imaxe. As rapazas, cre, van demasiado ben amañadas e mesmo enxoiadas para ser alaricanas de a pé: "Nótase polo corte de pelo e polos peiteados que non son labregas, senón señoritas. Xogando ao fútbol? Ufff...".
A fotografía paréceme preciosa e, por máis que queira, non podo deixar de pensar na historia que debe de haber detrás. Quen son estas pioneiras do fútbol galego? Que foi delas? Que partido foi ese entre Celanova e Arnoia? Se vostedes me dan permiso, aproveito as páxinas deste Bestiario para pedirlles información e axuda, á espera de que teñan resultado as investigacións que, pola súa banda, está levando a cabo o benquerido Ramírez. Que, por certo, é bastante máis escéptico e prudente que servidor, experiencia obriga, e escríbeme pedindo paciencia: "Mirarei e preguntarei en máis sitios, non vaias facer o ridículo e sexa unha (boa) composición actual". Pero eu vou e tírome á piscina.