"Son un tenista sobre unha cadeira de rodas, non un discapacitado que xoga ao tenis"

Martín Varela © Cristina Irixoa

Con 36 anos ás súas costas e doce deles competindo na elite do tenis sobre cadeira de rodas, Martín Varela Dourado (Corme-Porto, 1978) afrontará nas vindeiras semanas dúas particulares contas atrás co mesmo punto de destino: os Xogos Paralímpicos de Río 2016. Cunha axenda seriamente meditada e unhas pautas moi marcadas, o deportista cormelán tenta estirar ao máximo as súas posibilidades de chegar á cita de Brasil cun exiguo presuposto que, pese a minguar progresivamente, non desvía o ollar dun dos tenistas galegos co palmarés máis importante do circuíto actual. Campión de España varias veces, triunfador en varios torneos internacionais e número 1 do ránking estatal, a súa loita polo soño olímpico non se detén malia a falta de axudas. E a campaña para conseguir fondos para alcanzar a súa meta non se detén. 

Dicía André Agassi na súa autobiografía que os partidos de tenis son unha metáfora da propia vida. Os seus partidos son unha loita constante?

Si, porque os problemas de fóra nunca os sacas da cabeza por moito que esteas na pista. Eu sei que teño que facer moi boa puntuación en dez torneos, e cada un deles que non vai para diante sabes que é un cartucho menos. Voluntariamente tentas illarte, pero o esgotamento psicolóxico merma no físico, e nos momentos de falta de concentración penso niso. Tamén está aí o tema de non poder ter ao teu carón un técnico que che bote unha ollada cómplice neses trámites. A cabeza é así.

"Os problemas de fóra nunca os sacas da cabeza; cada torneo que non vai para diante é un cartucho menos"

Desde os seus inicios na pista de San Hadrián no ano 2003 pasaron xa 12 anos. En que cambiou Martín Varela neste tempo?

Comecei alí cunha corda de lado a lado -literalmente- co meu irmán Esteban, que é licenciado en INEF. Fomos comprar unha raqueta de 15 euros ao Carrefour, collemos unhas pelotas de tenis que atopamos por alí tiradas, unha silla de rúa e así se iniciou todo. No referente a en que cambieu eu, creo que a pregunta non é para min, pero eu diría que en nada, e case que iso é o mellor. Está claro que tes que medirte en certas cousas, pero non lles chamaría cambios, senón adaptación.

O que apenas cambiou foi o seu equipo de traballo desde aqueles anos.

Son os mesmos. Teño o mesmo monitor co que comecei no ano 2003, Lorenzo. El traballaba nunhas instalacións onde eu solicitei por escrito poder adestrar, e denegáronmo porque era só para socios. A Lorenzo pareceulle tan mal que o deixou, voltou cun dos seus irmáns e levoume a min con el. É como un irmán. Xa son moitos anos e o grao de complicidade é inmenso. E é moi esixente. De feito, o outro día, despois de doce anos díxome por primeira vez: "Martín, sabes que eu flores as xustas, pero estamos no camiño".

"Vinte anos despois do accidente, a discapacidade doume máis do que me quitou". Que lle di esta frase?

É así. Non voltaría atrás, porque son feliz. Todo o que vivín ata agora compensou con creces a perda da perna. Estou coa miña muller e grazas ao accidente souben de verdade quen eran os meus amigos.

"Todo o que vivín ata agora compensou con creces a perda da perna"

Cal é a meta marcada por vostede para este ano 2015 a poucas semanas de que comece a competir?

O ideal sería que eu xa comezase en xaneiro, pero a tempada iniciouse en Nova Celandia e é impensable a nivel económico que poida facer fronte a esa xira. Comezarei a competir na derradeira semana de marzo e a miña idea é facelo nun total de 25 torneos entre maio deste ano e do que vén, pero a día de hoxe sei que polo momento só poderei estar en dez ou doce deles.

En que punto físico e psicolóxico chega Martín Varela ao seu inicio da tempada?

No mellor. Nunca estiven tan centrado nin pensei que puidese atoparme tan ben fisicamente. Psicoloxicamente véxome máis animado e con máis posibilidades ca nunca. O único atranco que teño que salvar é o do presuposto. Nos outros niveis estou coma nunca, e plenamente convencido diso.

No circuíto tamén irromperon con forza nomes como os de Martín de la Puente e Daniel Caverzaschi. Son un aliciente máis para pelexar polos Xogos de Río?

Eu non pelexo contra eles. Ogallá estean tamén en Brasil. Son os meus compañeiros. Está claro que cando están fronte a min no partido son rivais. pero por riba dos meus resultados persoais poño este deporte. Eu quero poder adestrar dentro de dez anos a xente que estea ao noso nivel ou moito máis. Gustaríame que o meu alumno me gañase.

"Para ser deportista de alto nivel para a Xunta tes que ter menos resultado no tenis de pé que en cadeira; é unha discriminación de libro"

Chegou a poñerse en contacto con vostede a Xunta de Galicia nos últimos anos para brindarlle algún tipo de apoio?

Déronme hai pouco un recoñecemento por ser campión de España en 2013. Xuntáronnos no Centro Cívico dos Mallos a diversos deportistas da provincia e o panorama era o seguinte: todos en fila india e unha rapaza dándonos os diplomas. Hoxe en día, para acadar o estatus de deportista de alto nivel na Xunta de Galicia tes que obter menos resultados no tenis de pé que no tenis en cadeira. Iso está escrito e é unha discriminación de libro. Eu entendo que sexa preciso validar un rendemento e non vou dicir que se me pecharon as portas, pero si é certo que non mas abriron, e eu non teño os mecanismos para facelo. Soamente quero a chave. E no caso da Deputación tampouco sacaron este ano algún tipo de axudas para deportistas paralímpicos ou de deporte adaptado.

"A Xunta non me pechou as portas, pero tampouco mas abriu e eu non teño os mecanismos para facelo"

Botou en falta en ocasións unha colaboración extra das institucións públicas e privadas da Costa da Morte?

En parte si, porque en certo sentido gustaríame que tivesen máis amplitude de miras. Isto non deixa de ser un produto comercial e tamén márketing.

Cal é o presuposto aproximado co que afrontará esta tempada de competición?
Na actualidade conto con case 5.000 euros tirando por riba. Con iso, polo menos, estou cuberto ata o verán. A partir de xullo xa comezan os problemas [risas]. Eu o único que podo dicir é que o vou dar todo ata o final. Entón collerei o raqueteiro e voltarei á casa.
 

Por onde pasa o cambio de mentalidade definitivo para que o tenis sobre cadeira de rodas sexa máis recoñecible de cara ao público?

Tentarei resumilo nunha soa frase. Eu son un tenista sobre unha cadeira de rodas, non un discapacitado que xoga ao tenis.

Martín Varela © Cristina Irixoa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.