A banca española dálle luz verde a Damm para controlar Pescanova

Sede de Pescanova © El Diario

Como nunha partida de póker, con algunha que outra carta marcada e sen límite de aposta. Unha partida onde os xogadores lanzan algún que outro farol, esconden as súas bazas até límites insospeitados e na que hai alianzas bastante sorprendentes. O problema desta aposta é o que está en xogo: o futuro da principal compañía pesqueira do Estado, a galega Pescanova. Un envite que xa dura un ano e no que parece haber xa un vencedor.

Pescanova entrou en barrena hai exactamente un ano: o 28 de febreiro de 2013, cando a última hora, con nocturnidade, lle recoñeceu á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) que non podía elaborar as súas contas anuais do exercicio 2012 ata que non lograse vender "certos activos" e apelaba á Lei Concursal para pór en marcha a renegociación da súa débeda. Ese era, precisamente, o primeiro farol: unha débeda que nuns meses foi crecendo exponencialmente até chegar a rozar os 4.000 millóns de euros.

Damm, de socio minoritario a clave

Un ano despois, o xogador que leva a voz cantante en Pescanova é o grupo cervexeiro catalán Damm, que debe facer oficial a súa proposta de reestruturación este luns 3 de marzo. Aínda que actualmente só posúa preto do 6% das accións, a súa proposta, que xa ten o visto e prace da banca acredora española, é chegar a controlar ao redor do 50%.

Inxectarán novos fondos, até 300 millóns de euros, e vestiranse como socio industrial de referencia. Será o salvador dunha compañía que, por cuestións políticas, a ninguén lle interesa deixar caer. Ademais, a cervexeira da familia Carceller reforzarase como actor esencial da industria alimentaria española, xa que é un dos socios de referencia do grupo Ebro Foods e tamén controla, por exemplo, a cadea de restauración Rodilla.

Se Damm pon o nome e a capacidade industrial, a súa cara visible nesta pugna polo control de Pescanova é Juan Manuel Urgoiti, a quen colocou hai uns meses na dirección da compañía aproveitando a súa experiencia nestes lides (foi conselleiro delegado do BBV, logo do BBVA, e presidente do Banco Gallego). Un bo coñecedor das tácticas da banca neste tipo de negociacións.

A banca está disposta a perdoar ata o 70% do que lle debe a multinacional galega

A cervexeira levou o gato á auga porque en boa medida deulles aos bancos españois practicamente o que pediran. Neste pool, a voz cantante lévana Sabadell, La Caixa, BBVA, Bankia, Popular e Novagalicia Banco, que rexeitaron a proposta inicial de Damm, que supuña unha quita do 80%, ou mesmo máis.

Agora, segundo as últimas negociacións, están dispostos a aceptar que a quita sexa do 70%. É dicir, perdoarían sete de cada dez euros que lles debe Pescanova a cambio de ser a man dereita de Damm. O que abandonou a partida en canto puido foi o Banco Santander. Quitouse do medio hai unhas semanas ao vender a súa parte da débeda, preto de 70 millóns, a un fondo voitre británico a prezo de saldo.

Resta saber se se manterán todas as filiais, como as de Chile ou Portugal

O respaldo dos bancos é ademais determinante para lograr o visto e prace da administración concursal. Son os bancos os que terán que achegar no futuro nova financiamento. Pero faltan por desvelarse os detalles do proxecto de Damm, os que han de ter a suficiente letra pequena como para contentar a todo o mundo. Tampouco se sabe se finalmente se manterán todas as filiais, como as de Chile ou Portugal, que até o momento foron unha dor de cabeza para as finanzas do grupo vigués.

Xunto a Damm estiveron até agora tres firmas de investimento: Luxempart, KKR e Ergon Capital. Todo indica que estas dúas últimas poden caerse da proposta conxunta entre Damm e a banca, a non ser que teñan máis cartas baixo a mesa e vexan que poden obter máis beneficio ficando en Pescanova que fóra dela.

O exministro Eduardo Serra, á fronte da contraoferta

Unha cousa está clara na crise de Pescanova: hai posibilidade de facer negocio con ela, xa sexa reflotándoa ou dividíndoa en pezas para venderllas ao mellor ofertante. Proba diso é a multitude de firmas de investimento que se interesaron pola compañía, cos consecuentes asesores e mediadores que tamén van pescar neste río revolto. Entre eles destacan dous nomes: Blue Crest e Knight Head. Se cumpren as súas intencións, presentarán unha proposta alternativa á de Damm coa que contentar, fundamentalmente, á banca acredora foránea -entre outros, a Deutsche Bank-, ofrecendo unha quita inferior ao 70%.

O ex ministro de Aznar representa a contraoferta para "garantir a españolidade"

Chaman a atención porque lograron ser representados por un deses nomes que, só con estar aí, abren portas: o exministro de Defensa Eduardo Serra. A famosa porta xiratoria entre o mundo político e o empresarial parece que non para de virar. Serra entrou nesta partida, segundo explicaron as firmas de investimento, para garantir a españolidade da súa oferta. Quen fora número dous de Defensa co PSOE e ministro con José María Aznar entre 1996 e 2000 ten no seu currículo a presidencia de Airtel, de UBS España e, antes, de Peugeot, pero non conta con bagaxe na industria alimentaria.

Se Serra terá ou non un papel no futuro de Pescanova está por ver. O que si está claro é quen perdeu xa nesta partida pola multinacional pesqueira: o seu expresidente Manuel Fernández de Sousa, a quen se sinala como principal responsable da quebra, a través, presuntamente, dunha enxeñaría fiscal que, por exemplo, minusvalorou o seu pasivo asegurando que era de 1.500 millóns de euros.

En todo caso, a partida segue e o xulgado de Pontevedra que leva o concurso aínda ten que valorar todas as cartas: quen, de verdade e sen farois, está disposto a xogarlla por salvar Pescanova.

Manuel Fernández de Sousa, ex presidente da multinacional © eldiario.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.