A converxencia de Galicia coa renda europea retrocede unha década

PIB per cápita en porcentaxe da media da UE © Eurostat

Como a Penélope que deixou escrita o poeta Díaz Castro: "Un paso adiante i outro atrás, Galiza". Os anos de crise económica séguenlle pasando factura á estancada economía galega tamén no que atinxe a un dos obxectivos máis formulados polos diversos gobernos: a converxencia coa Unión Europea en termos de renda. Eurostat, a oficina estatística da Comisión Europea, vén de actualizar este indicador e certifica un retroceso de catro puntos máis, de xeito que os avances logrados durante os anos da suposta bonanza xa foron consumidos e o retroceso deixa o país nun nivel idéntico ao do ano 2004.

Segundo a última actualización de Eurostat o PIB per cápita galego ficou no 83% da media europea no ano 2013, catro puntos menos que en 2011, cando ofrecera este dato por última vez. Confírmase así a tendencia diverxente iniciada hai media década e o retroceso acumulado é de case dez puntos. Nos anos 2008 e 2009 a converxencia co continente avanzou ata chegar ao 92%, culminando así dez anos de avances dende o 76% do ano 2000.

Tras unha década de avances, a converxencia tornou en diverxencia cun retroceso de case dez puntos 

O retroceso na converxencia coa UE non é, con todo, exclusivo de Galicia, senón que é a tendencia xeralizada no seu entorno máis inmediato. Así, no conxunto do Estado español e mais en Portugal unicamente cinco territorios, a maioría portugueses, avanzaron na súa converxencia entre 2011 e 2013. No caso español unicamente Madrid gaña posicións, cunha renda per cápita que pasa de estar 26 puntos por riba da media europea a facelo en 28. En Portugal avanzan catro das sete rexións nas que se divide administrativamente o país, se ben só a área metropolitana de Lisboa está por riba da media, agora cun 108%.

A Xunta calculou que en 2014 Galicia acadaría o 95% da renda europea, pero en 2013 xa retrocedera ata o 83%

A perda do tren da converxencia europea non só é unha mostra máis do retroceso, primeiro, e do estancamento, despois, da economía galega nos últimos anos. Tamén é un novo revés para as previsións económicas que a Xunta formulou no seu Plan Estratéxico 2010-2014, un documento que se dispón a chegar á súa segunda edición despois de errar en boa parte das súas proxeccións. No caso da converxencia coa UE no que atinxe ao PIB per cápita o Goberno galego preveu que continuaría o avance dos anos de bonanza, pasando do 90% do 2010 a un 95% no 2014. O certo é que o que se prevía como un crecemento de 5 puntos tornou nun retroceso de 7.

Estes datos danse, asemade, nun contexto no que o crecemento económico de Galicia é o sexto menor do continente. Se ben en datas recentes a Xunta se aferrou a que o último dato de medre do PIB (0,9%) é semellante ao de Alemaña (1,1%) unha ollada ao mapa dos devanditos datos de PIB per cápita indica que, como moito, Galicia só se podería comparar a determinados territorios da antiga RDA, xa que o resto do territorio xermano conta cun PIB per cápita superior á media da Unión.

PIB per cápita en porcentaxe coa media da UE en 2013 (premer para ampliar) © Eurostat

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.