"A desaparición das caixas é un desexo da banca co apoio entusiasta de Fernández Ordóñez"

Joan Coscubiela © ICV

Referente do sindicalismo catalán durante anos, deputado da Esquerda Plural desde as últimas eleccións, Joan Coscubiela participou na Subcomisión do Congreso sobre transparencia de produtos financeiros e hipotecarios pola que desfilaron os principais responsables do sector financeiro nos últimos anos. Estivo tamén presente na comparecencia de Mario Draghi no Parlamento, cuxo formato a porta pechada denunciou e rompeu tuiteando e gravándoa en vídeo. Falamos con el sobre o control do sector financeiro, por mor da publicación de Qué hacemos con el poder de crear dinero.

A Subcomisión sobre transparencia de produtos financeiros, da que forma parte, serviu para algo? Que balance fai da mesma?

Serviu para pór en evidencia que con maioría absoluta, se o PP non colabora, o Congreso non pode exercer as súas funcións de control do Goberno. En todo caso, apareceron indicios evidentes das causas profundas da 'estafa' das preferentes. E de como o Goberno Zapatero non soubo reaccionar a tempo e o Goberno Rajoy renunciou a facelo.

"Apareceron indicios evidentes das causas profundas da 'estafa' das preferentes. E de como o Goberno Zapatero non soubo reaccionar a tempo e o Goberno Rajoy renunciou a facelo"

Non é paradoxal que unha subcomisión sobre transparencia se celebre a porta pechada?

Non está xustificado que as sesións se celebren a porta pechada. Son esperpénticas, un debate bipartidista en canle pechada que só ven os púxiles.

Como valora que o exgobernador do Banco de España diga que o caso de Bankia non estaba baixo o seu control, como fixo Fernández Ordóñez na Audiencia Nacional?

É a evidencia de que nin Caruana [o anterior gobernador] nin Fernández Ordóñez desempeñaron con dilixencia a súa función de supervisores.

"É unha combinación de incompetencia provocada pola substitución da economía pola ideoloxía e a submisión aos poderes financeiros"

Até onde chega a responsabilidade do Banco de España en todo o sucedido no sector financeiro? Mirou para outro lado ou non o deixaron actuar?

É unha combinación de incompetencia provocada pola substitución da economía pola ideoloxía e a submisión aos poderes financeiros. A incompetencia vén provocada pola obsesión 'teolóxica' en identificar o mercado de traballo como o problema e a reforma laboral como a solución. Pero ademais está a opción da desregulación e a submisión ao poder financeiro.

Que valoración fai de todo o asunto Bankia, desde a súa fusión até hoxe?

É un cúmulo de despropósitos e de neglixencias. Desde a asunción desmesurada de riscos, até a fusión e posterior saída a Bolsa. Desencadeadas entre outros factores pola obsesión do PP de manter controladas as caixas.

"Se o sector financeiro non pode soportar que se lle apliquen as leis o mercado, non debería regularse exclusivamente polas leis do mercado"

Como valora o sucedido coas caixas de aforro?

Non todas as caixas evolucionaron igual. Un factor determinante foi a radical transformación na práctica da súa función social, sen que existisen mecanismos de control, de contrapeso. A desaparición do modelo de caixas é o obxectivo desexado polos bancos desde hai tres décadas, co apoio entusiasta de Fernández Ordóñez. A irresponsable xestión dalgunhas brindou en bandexa esta oportunidade de desaparición dunhas e de transformación da súa natureza no resto.

Perdeuse a oportunidade de crear unha banca pública?

A oportunidade existe aínda, pero vontade política non hai. Co agravante da contradición que supón xustificar as axudas públicas á banca en base á transcendencia pública da función financeira, e a continuación non aceptar que exista unha parte do sistema de maioría publica. Se o sector financeiro non pode soportar que se lle apliquen as leis o mercado, non debería regularse exclusivamente polas leis do mercado. Nesta como noutras cousas detéctase a hexemonía ideolóxica da dereita e a falta de ideas propias en determinadas esferas da esquerda.

"Un dos peores efectos colaterais desta crise do sistema financeiro será a configuración dun oligopolio que debilitará os dereitos dos cidadáns e a función do regulador e o supervisor"

A reestruturación bancaria resultará en maior concentración financeira. Haberá controis suficientes sobre un poder tan enorme?

Un dos peores efectos colaterais desta crise do sistema financeiro será a configuración dun oligopolio que debilitará os dereitos dos cidadáns e a función do regulador e o supervisor. Sobre todo, cos espazos baleiros que pode provocar a entrada en funcionamento do supervisor europeo. Deberíanse evitar as zonas opacas á regulación e supervisión.

Visto o papel xogado polo Banco de España, estaremos máis tranquilos se é o BCE quen vixía o sector financeiro español?

Outra das evidencias da crise é a barbaridade política que supón o status de 'independencia' do BCE. Un organismo 'irresponsable' non debe responder ante ningunha institución democrática, o que o converte en presa fácil do control ademocratico dos mercados.

A recente visita de Mario Draghi ao Congreso, o formato en que se realizou, que mensaxe transmiten?

A comparecencia de Draghi puxo de manifesto até que niveis de esperpento pode chegar a condición de organismo 'independente' do BCE. Total para non dicir nada. Coma se do que se tratase era de facer evidente a posición de superioridade sobre a cidadanía.

Presentaron unha querela contra o exgobernador do Banco de España por permitir que Alfredo Sáenz siga no Santander. Como inflúe a anulación do indulto na súa querela?

Presentamos a querela por prevaricación. O Tribunal Supremo coa súa sentenza deunos indirectamente a razón. Sáenz non pode exercer as súas funcións de directivo do Santander. A proposta do Goberno de reformar as normas para permitir que continúe exercendo, confirma que os gobernos de Zapatero e Rajoy non teñen ningunha independencia en relación ao poder financeiro.

Joan Coscubiela © ICV

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.