A "desfeita industrial" da crise transforma a estrutura produtiva da economía galega

Un traballador do naval en Vigo CC-BY-NC-ND Salvador Moreira

“Galicia sufriu unha auténtica desfeita industrial”. Esa é unha das principais conclusións do informe A crise do emprego, unha análise da EPA en Galicia, presentado por CCOO e elaborado polo economista Manuel Lago. O informe conclúe con numerosos datos que a grave crise económica está provocando no país “un intenso proceso de transformación sectorial da estrutura produtiva” da comunidade, logo de que “levara por diante todo o emprego industrial que se creou en Galicia durante a fase expansiva da economía”.

"Galicia está 'terciarizándose', pero o emprego industrial é o máis difícil de recuperar"

Xa que logo, Galicia, que xa deixou de ser hai tempo un país baseado no sector primario, asiste agora a un enorme impulso ao “proceso de terciarización da súa actividade”, algo habitual e case lóxico noutras zonas de Europa hai ben anos, pero que chega á autonomía con atraso e co grave risco que supón destruír tantos postos de traballos no sector industrial de vez e en plena crise. “É o emprego máis difícil de recuperar, nalgúns casos imposible”, advirte Lago.

Galicia tiña en 1997 o mesmo número de empregados na industria que agora mesmo

Unha ollada ás cifras traslada aos datos a crueza da realidade económica. Nos últimos catro anos perdéronse en Galicia 45.700 empregos industriais, o 21% dos que había en 2007, o que provocou “un retroceso de case trece anos”. En 2010 había o mesmo número de empregos no sector que en 1997. Ou o que é o mesmo: a crise xa levou por diante todo o emprego industrial que se creou en Galicia durante a mellor época económica e en plena expansión.

En termos globais, sen cinxirnos só á industria, máis da metade de todo o emprego creado pola economía galega na fase de crecemento económico máis intensa da historia recente foi destruído en poucos meses. De 1994 a 2007 o número de empregados aumentou en 250.000 persoas; dende o terceiro trimestre de 2008 até o final de 2011, destruíronse xa 141.000 postos de traballo netos.

A crise é, como destaca Manuel Lago no informe, “de construción e industrial”, pero cébase especialmente co último sector. Tomando como referencia 2007, estes dous sectores sofren o 90% da destrución do emprego en Galicia. Por ámbitos, na madeira perdeuse o 47% do volume de traballadores, o téxtil o 26%, o naval o 25% e a automoción o 23%. En definitiva, das dez ramas industriais máis importantes en Galicia, nove sofren unha destrución de emprego moi intensa e só unha, a industria da alimentación, dá mantido o nivel de ocupación.

Destrución de postos de traballo na industria en Galicia (Fonte: Seguridade Social. Decembro de cada ano)
Actividade 2011 2007 Diferenza
 Alimentación e bebidas 26.897 27.527 –630
Metalurxia 20.093 26.691 –6.598
Industria do automóbil 14.520 17.854 –4.234
Téxtil confección 12.595 17.129 –2.243
Outros produtos minerais non
metálicos
9.144 13.936 –4.792
Madeira e cortiza 9.191 13.481 –4.290
Construción naval 6.648 8.891 –2.243
Químicas 6.735 8.399 –1.664
Mobles 4.173 5.866 –1.693
Extracción de minerais 2.864 4.521 –1.657

 

Xa que logo, Galicia ve como mentres en 2005 os servizos achegaban o 59% do emprego en Galicia, a porcentaxe chegou ata o 63% en 2008 e pechou o 2011 en 68%. E non porque o sector servizos xerase emprego, senón pola elevado nivel de despidos que se dou na industria. As causas son evidentes, como resume Manuel Lago, que ve como a industria foi duramente afectada pola deslocalización, pola maduración dalgúns ciclos pero, sobre todo, pola falta de financiamento desde as entidades bancarias, o que “afecta de maneira moito máis grave ao sector”. No entanto, tampouco lle quita culpas “á falta, xa non de plan industrial, senón de ideas na Xunta de Galicia”. “As empresas xa saben que non poden contar coa Administración”, recoñece.

A opinión de Manuel Lago sobre as perspectivas futuras, como a de moitos outros economistas, é clara. “A política de axustes e recortes provocada pola denominada consolidación fiscal implica menos gasto e menos investimento público e o resultado non é máis que a caída da demanda interna e, polo tanto, un menor crecemento e máis problemas de emprego”, asegura, advertindo dun aumento do paro nos vindeiros meses.

Un traballador do naval en Vigo CC-BY-NC-ND Salvador Moreira

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.